07:08 Domingo, 17 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-10-2018

Nunca debeu ser aceitábel tratar de curar a inexistente patoloxía da homo e bisexualidade mediante torturas físicas, psíquicas ou de calquer outro tipo

A pluma non ten cura

Valorar (229)

ROBERT NEAL BAXTER



Aínda que a decisión só se tornou efectiva en 1987, a Asociación Americana de Psiquiatría (APA) votou eliminar a homosexualidade do seu catálogo de trastornos mentais (DSM) en 1973, seguida dous anos despois pola Asociación Estadounidense de Psicoloxía e –finalmente– pola Organización Mundial da Saúde que a retirou da súa listaxe de doenzas (ICD) en 1977, decisión ratificada en 1990.

Infelizmente, a transexualidade, pola súa parte, segue a ser considerada unha “disfunción sexual” pola OMS, por moito que procurou darse un lavado de cara mediático este mesmo ano ao pasar a denominada “incongruencia de xénero”. Así a OMS é cómplice de perpetuar a patoloxización e a continuada estigmatización das persoas trans que xa denunciou o BNG no seu día.

Evidentemente, do mesmo xeito que ter a pel dunha cor diferente ao branco do europeu medio, unha sexualidade diferente da heterosexual non se pode considerar unha doenza e, despois dunha ardua loita por parte do colectivo LGBT militante, desde ha máis dun cuarto de século nengunha organización profesional e/ou sanitaria recoñecida considera a homosexualidade como tal.

Mais, se non se segue a considerar unha tara que cumpre eliminar desde unha perspectiva claramente euxénica –talvez se podería detectar e abortar os fetos homosexuais–, por que é que desde 1993, co descubrimento do que se coñeceu como o polémico ‘xene gay’, até 2017 se teñen investido inxentes cantidades de tempo e de diñeiro en identificar as causas fisiolóxicas da homosexualidade (en principio masculina: lembremos que as lesbianas non existen ou non interesa)? Ninguén se preocupa, obviamente, por indagar nas causas da heterosexualidade, xa que isto é o normal e, polo tanto, non constitui un problema que hai que resolver.

A tortura de denominados “psicópatas sexuais”, disimulada baixo o disfarce pseudocientífico da “terapía de conversión” ou “ de reorientación sexual” que pretende “curar” a homosexualidade, remonta en Occidente a principios do século XX, incluíndo lobotomías realizadas con picadores de xelo, a castración química (como foi o caso de Alan Turing relatado no filme The Imitation Game) e “terapías de aversión”, como, por exemplo, descargas eléctricas nos xenitais ao se visionaren imaxes homoeróticas. Tais práticas abominábeis non cesaron até finais dos anos 90. O “estupro corretivo”, sobretodo de lesbianas, segue a ser unha prática moi estendida na actualidade desde a África do Sul até a India, pasando por Perú ou Ecuador.

Hoxe por hoxe, a terapía de conversión vai da mao do cristianismo radical da mesma laia dos que predican o “non matarás” ao tempo que asasinan a tiros médicos que pratican abortos. Así que, encanto curas pedófilos violan impunemente meniños e meniñas durante anos, a igrexa católica libra unha guerra implacábel contra a homosexualidade. Deus ten, ao parecer, unhas prioridades que eu non partillo. Frente ao necio e perigoso mantra “Pray the gay away”, o colectivo LGBT responde con rotundo “A miña pluma non ten cura” (mais pode que o cura si teña pluma...).

Mais, por desgraza, esta estulticia non é exclusiva dun bando de cristianistas iluminados, xa que a “terapía reparativa” foi desenvolvida polo psicólogo clínico estadounidense Joseph Nicolosi, fundador e presidente da Asociación Nacional de Pesquisa e Terapía da Homosexualidade (NARTH), que goza do aval explícito dos ex-presidentes da Asociación Estadounidense de Psicoloxía. E facendo de ponte entre estes dous polos está Elizabeth Moberly, psicóloga e teóloga británica, que traballou no “ministerio aos homosexuais” como Directora de Educación e Terapía Psicosexual dunha organización misioneira evanxelista.

O único positivo é que –como era de esperar– negar a súa identidade, quen é, non funciona. De facto, a existencia do orgullo ex-ex-gay é proba suficiente do fracaso do movemento ex-gay (animado por Exodus, Homosexuais Anónimos...), e até o criador do Día Nacional da Saída da Homosexualidade (sic.) mantivera naquela altura múltiplas relacións sexuais con outros homes e o psiquiatra canadiano, Melvyn Iscove, abusaba sexualmente dos seus pacientes sob pretexto de os curar... Parece que quen nasce torto morre torto.

Mais o facto de ser ineficaz non o exime de ter secuelas, e das máis graves e duradouras. A listaxe das consecuencias nefastas é longa e alarmante: depresión, ansiedade, abuso do álcool e substancias, isolamento social, auto-odio, disfunción relacionais e impotencia, entre outros. Especialmente preocupante é a taxa de tentativas de suicidio, que se multiplica por oito.

Às veces o pesadelo desemboca mesmo na morte da vítima cuxo único crime é ser “marica”. Hai tan só 5 anos, Raymond Buys (15 anos) morreu de desnutrición e deshidratación, tras ser ingresado nun hospital con danos cerebrais, un brazo roto e queimaduras de cigarro en todo o corpo. E non foi o primeiro caso. Xa en 2007 morreran Erich Calitz (25 anos) e Nicholas van der Walt (19 anos) no mesmo campamento tras seren batidos a paus, encadeados à cama cobertos dos seus proprios excrementos e obrigados a inxeriren deterxente e mesmo as súas proprias feces. Todo co tan nobre obxectivo de “facer deles homes de verdade”.

Nunca debeu ser aceitábel tratar de curar a inexistente patoloxía da homo e bisexualidade mediante torturas físicas, psíquicas ou de calquer outro tipo, e moito menos no século XXI.

Estas práticas aberrantes xa son proibidas ou en vías de proibición e países tan variados como o Brasil, Malta, o Reino Unido, Taiwán ou Uruguai... No entanto, apesar de existir unha proscrición en catro Comunidades Autónomas (Murcia, Madrid, València e Andalucía), no resto do Estado, incluída na Galiza –cuxa Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia non a menciona nen moito menos a condena– a pseudoterapía segue a ser perfeitamente legal.

Xa vai sendo hora de que se asuma que a bi e a homosexualidade non teñen cura posíbel, ao non existir doenza algunha que tratar, e que debe ser totalmente ilegal calquer patoloxización das sexualidades diferentes à heterosexual, xunto coa interdición de calquer pseudo “terapía” que tiver como obxectivo obrigar todo o mundo a conformarse ao padróns heteronormativas.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña