21:32 Mércores, 14 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-10-2018

O campo de batalla cultural millenial

Cidadáns do mundo na fin da Historia (I)

Valorar (18)

ANDRÉ LÓPEZ BLANCO



Este título podería ser a cabeceira dunha revista de estudos neoliberais, un reverso corrupto do noso Terra e Tempo levado ao paroxismo da lóxica capitalista, Terra (mundo) e tempo (a fin do mesmo). E máis ca unha declaración de intencións é xa unha maneira de entender o mundo de moitos individuos criados na globalización.

Nunha serie de artigos pretendo ir debullando a expresión tan grandilocuente do título de maneira que axude a enxergar algunha alternativa a esta deriva cultural.

A globalización permite ás persoas construír identidades (identificarse con) en base a patróns non arraigados necesariamente na súa realidade material próxima; creando, asemade, unha tensión entre o que sería unha posición cosmopolita (aberta, boa) e outra localista (estreita, necia). A expresión resumida deste fenómeno é a de “cidadán do mundo”, etiqueta coa que se definen algunhas persoas nun afán superador das barreiras do local (rexional, nacional, estatal...), que entenden como unha vella, obsoleta e arbitraria distribución de individuos (a sociedade non existe, que diría Margareth Tatcher). Aínda que esta etiqueta é transversal ideoloxicamente, de esquerda a dereita, e con propósitos distintos segundo o caso, o certo é que a quen lle é tremendamente funcional é á dereita, á ideoloxía dominante.

Aquí é preciso puntualizar. A globalización trae cousas positivas, como é o coñecemento mutuo de diversas culturas (isto é, diferentes formas de entender/interpretar o mundo). Hai que dicir que no plano estritamente cultural, podería terse producido tamén noutros modos de produción, pois entendemos que a globalización é posible grazas aos avances nas telecomunicacións e a mobilidade, e estes non son logros exclusivos do capitalismo (o primeiro satélite artificial foi un enxeño soviético). Porén, xa que aconteceu nunhas circunstancias históricas determinadas, o interesante é analizar como este fenómeno da globalización actuou e actúa como aglomerante do Imperialismo e acaba por converter o que semella a unión da humanidade nun rolete que asimila as culturas nacionais en favor da nova (supostamente espontánea) cultura mundial.

Entendendo que estamos a falar dun fenómeno cultural e polo tanto, sen sermos dogmáticos neste aspecto, corresponde ao plano superestrutural, o divorcio entre a realidade material do individuo (estrutura) e a súa identidade cultural e política (superestrutura) contribúe ensanchar a fenda histórica no seo do binomio esencial para calcular calquera probabilidade de emancipación, o binomio que conforman as condicións obxectivas e as subxectivas dun momento histórico dado. Malia entender o carácter simbiótico destas dúas categorías, e precisamente por iso, para a supervivencia do modo de produción capitalista é precioso este afastamento cada vez maior entre a realidade material do explotado e a interpretación subxectiva que fai da mesma, dirixida polos mecanismos culturais hexemónicos.

Este divorcio maniféstase, entre outras, na expresión favorita dun cidadán do mundo: Hai que eliminar as fronteiras, non crear unhas novas. Que persoa progresista estaría en contra de tal aseveración? Pois o certo é que ao Capital transnacional tamén lle encanta esa frase. O que acontece é que, no plano mental, subxectivamente para o individuo, non existen tales fronteiras. Escoita heavy metal escandinavo ou reggaeton de Puerto Rico, está enganchado a unha sitcom norteamericana, viaxa con relativa facilidade a París ou calquera recuncho do mundo e. comparte memes nun foro de internet con alguén das antípodas empregando o inglés como lingua franca. Xa que logo, para esa persoa é doado dicir que as fronteiras son liñas imaxinarias trazadas por elites pretéritas conforme a maquiavélicos intereses políticos. Pero queira esta persoa ou non, a súa realidade material non é tan maleable como pode ler culturalmente. As características do territorio, a súa formación histórica, o seu desigual desenvolvemento industrial e económico, as relacións sociais e de produción non son intercambiables como o calzado, non se poden pedir a domicilio como o novo smartphone. A realidade material é, en comparación cos fluxos frenéticos do consumo cultural, moito máis ríxida e fixada ao espazo e o tempo.

O avance destas novas identidades permiten explicar por que nos últimos trinta ou corenta anos o proceso de asimilación cultural que sofre Galiza (globalización, pero sobre todo, españolización) produciu efectos maiores ca todos os séculos de dominación anteriores. Efectos tanxibles demoscopicamente como a substitución lingüística e un cada vez maior número de persoas que se definen máis españolas que galegas cando o que antes imperaba era a identificación co País únense a outros non tan medíbeis con estatísticas pero igualmente preocupantes. Trinta ou corenta anos que se corresponden coa instauración de liberdades democráticas formais e dun igualmente formal autogoberno. O preocupante disto, alén da perda da nosa identidade, é o servizo que estas novas construcións culturais fan ao alargamento desa fenda antes mencionada entre o obxectivo e o subxectivo e o desamparada que fica, como consecuencia, a nosa realidade próxima, a nosa vida.

A xeración millenial, a primeira integramente criada na globalización tal e como a entendemos actualmente, é a xeración que convive con esta fenda nun grao nunca antes visto. E, non obstante, é unha xeración á que lle tocará enfrontar algúns dos desafíos máis importantes da humanidade (cambio climático, superpoboación e as contradicións agudas dun capitalismo senil). Son problemas que non se resolverán sen a ollada posta no chan que un pisa.

Esta foi unha simple e superficial caracterización do eixo espacial que enuncia o título. Serán necesarias aproximacións desde outras vertentes para, a partir de aí, formar algunha conclusión.





[24-10-2018 21:32] francisco rodríguez comentou:

Un artigo moi ben estruturado e cunha análise que vai ao fondo da cuestión sobre a fonda distorsión entre o subxectivo e o obxectivo nos tempos de hoxe, na súa forma de atinxirnos como pobo, e en especial como mocidade...Dá gosto ver unha persoa razoando con certa fondura sobre unha realidade na que está inmersa, e con lucidez. E con moito rigor formal. Parabéns. Francisco

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal