10:11 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-10-2018

Si, Castelao é patrimonio do pobo galego. Pero el era un nacionalista, iso ninguén o pode negar

Non é a homenaxe a un mestre. Ou si

Valorar (13)

NAVIA RIVAS DE CASTRO



O pasado 3 de Outubro chegaba á Galiza  “A derradeira leición do mestre”, obra pictórica de Castelao, de 2 metros de alto, pintada en 1945 a partir da sexta lámina do álbum de guerra Galicia Mártir. A imaxe do cadro é coñecida por todas e todos nós, aínda que non a vísemos nunca fisicamente por atoparse do outro lado do Atlántico.

Non hai que saber moito para sabelo todo. Ollando a imaxe vemos nidiamente a barbarie do franquismo e a súa vontade férrea de esmagar as aspiracións de liberdade e xustiza social dun pobo en loita. 

Dúas crianzas choran ante o cadáver do seu mestre.

Mais non é calquera mestre, senón Alexandre Bóveda, asasinado polos fascistas o 17 de Agosto do 1936 pola súa actividade política e social. Así que non, claro que non é unha homenaxe ós mestres.

Ou si, porque mestre pode significar varias cousas.

En calquera dos casos, é unha homenaxe a un compañeiro e amigo, unha homenaxe directa ó secretario de organización do Partido Galeguista, a unha persoa que desempeñou un papel crucial no desenvolvemento do nacionalismo galego, un dos máximos responsables polo Estatuto Galego.

Claro que é unha  homenaxe ós mestres e ás persoas asasinadas e reprimidas durante a Guerra civil polo seu compromiso político e social. Mais é moito máis que iso, e ningún político nin personaxe público ten o dereito a ignorar este feito e facer as declaracións infames que saíron da boca do señor Feijóo no acto de inauguración. Un Feijóo que non ten filtros á hora de aldraxar as nosas figuras nacionais. Ou mentir, simplemente. Non mencionou a Bóveda, nin sequera se dignou a contextualizar correctamente a obra no acto de inauguración. Simplemente eloxiou a obra como un símbolo da “defensa da educación fronte ó fanatismo” como “medio de promoción dos valores democráticos”. Aproveitou tamén para dicir que Castelao é patrimonio de todos e non propiedade dos nacionalistas, e tamén que xa alcanzamos a Galiza que Castelao soñaba.

Ben, varias cousas. Si, Castelao é patrimonio do pobo galego. Pero el era un nacionalista, iso ninguén o pode negar, e en todo caso quizais non sexa patrimonio daqueles que dedican a súa vida a arruinar o país ó que Castelao e tantos outros dedicaron (e incluso deron) a súa vida. E non temos a Galiza que Castelao soñaba. Temos unha Galiza que precisa de máis seguidores do exemplo de Castelao e Bóveda, e menos Feijóos dispostos a arruinar o noso país e enriquecerse a costa del a calquera prezo.

Mais que vos hei de dicir eu... A fin de contas, Feijoo é herdeiro de quen é.

O cadro está agora na exposición “Castelao maxistral”, no Gaiás, na Cidade da Cultura, que paga moito a pena ver a pesar da localización. A exposición foi dirixida polo biógrafo de Castelao, Miguel Anxo Seixas, e fai un percorrido pola temática da docencia, os mestres e a represión que sufriron na obra do político e artista.

“A derradeira leición do mestre” non é un cadro, é un símbolo. O símbolo do que supón en tempos duros loitar pola liberdade e a xustiza social. Do que supuxo non hai moito loitar por Galiza. Do que supuxo para moitas persoas mantérense coherentes ante a ofensiva do fascismo.

Sexamos conscientes da importancia que ten unha obra destas dimensións simbólicas, do exemplo e modelo que supoñen tanto Castelao como Bóveda para a mocidade comprometida dun país que aínda hoxe ve negados moitos dos seus dereitos como pobo e que vive asoballada polos herdeiros directos daqueles que perpetraron a matanza alá no 1936. Hai moitas formas de matar. O silencio e o esquecemento son unha delas, a manipulación é outra. Non o permitiremos. Temos na reivindicación da nosa memoria histórica as claves para construírmos o futuro que merecemos as galegas e galegos. Con Castelao e Bóveda como mestres, claro que si.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal