10:09 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-10-2018

A opción pola que aposta o neoliberalismo é unha extrema dereita, representada por Jair Bolsonaro, que non disimula o que verdadeiramente é

Brasil vota o domingo

Valorar (7)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Brasil vai a eleccións o vindeiro domingo 7 de outubro, a presidencia e vicepresidencia da república, 54 postos no Senado, os 513 do Congreso, e 1035 das Cámaras estaduais vótanse ese día; as votacións nas que non haxa maioría absoluta irán a unha segunda volta tres semanas despois.

Nos dous anos que pasaron desde o golpe de estado institucional que derrocou á presidenta lexítima Dilma Rousseff o 31 de agosto de 2016, no Brasil o retroceso ten sido moi grande debido á aplicación de programas neoliberais que teñen recortado un gasto social que fundamentalmente nos dous mandatos de Lula conseguira reducir as desigualdades e tirar da miseria a millóns de persoas; teñen sido atacados gravemente os dereitos laborais e aumentaron o autoritarismo e a violencia. Neste tempo o monopolio dos medios de comunicación, liderado pola rede Globo, ten convencido a importantes segmentos da poboación de que a violencia, a inseguridade e a crise económica son responsabilidade da “clase política” corrupta, transmitindo a idea de que só é posíbel superar esa situación con unha autoridade forte, unha autoridade que limpe o país de delincuencia e corrupción con  medidas contundentes.

A opción pola que aposta o neoliberalismo desta vez non está nas filas dos partidos que tradicionalmente veñen representando os seus intereses, o PSDB e o PMDB. Hoxe a súa opción é unha extrema dereita que non disimula o seu discurso e preséntase como o que verdadeiramente é; o candidato á presidencia Jair Bolsonaro e o seu candidato á vice-presidencia, o xeneral na reserva Hamilton Mourão, teñen deixado claro que non están en campaña electoral senón nunha guerra contra os inimigos do Brasil, inimigos que identifican co comunismo, o movemento sindical, os movementos sociais, os negros, as mulleres e todo aquel que reivindique dereitos. Jair Bolsonaro acusa aos “inimigos do Brasil” da decadencia dun estado que en boas mans debería camiñar cara ser unha das maiores potencias do mundo.

O candidato de extrema dereita, que noutras circunstancias non deixaría de ser unha anécdota, ten medrado moito en apoios, pois o seu discurso entra moi ben en sectores que non son os tradicionais da dereita brasileira, como a xente que sofre  a delincuencia en zonas populares ou  a tan disputada “nova classe C” á que a crise impediu cumprir as súas expectativas e veu nos últimos tempos como empeorou a súa situación; unha situación da que ambos segmentos sociais culpan sobre  a unha corrupción que o monopolio mediático exemplifica en Lula,  Dilma e outros membros do PT cuxos procesos xudiciais teñen estado nas pantallas de tv e nos xornais como protagonistas.

Ademais Bolsonaro sufriu un “oportuno” atentado o 6 de setembro, cando foi acoitelado mentres participaba nun acto de campaña; atentado que o mantén no hospital desde ese día pero que o converteu no favorito para gañar a primeira volta, ao conseguir que moita xente vira nel a unha vítima da inseguridade que estivo a piques de morrer pola actuación dun criminal  nos primeiros momentos identificado como simpatizante da esquerda.

Todas as análises coinciden en que só Lula da Silva tería apoio popular suficiente para poder gañar en primeira volta a elección presidencial, pero Lula está no cárcere desde o 7 de abril froito dunha escandalosa operación xudicial denunciada internacionalmente e non pode ser candidato. Isto levou á alianza electoral conformada polo Partido dos Trabalhadores e o Partido Comunista do Brasil a rexistrar unha candidatura alternativa integrada por quen fora ministro de educación Fernado Haddad e a deputada estadual Manuela d´Ávila como candidatos á presidencia e vice-presidencia respectivamente.

A candidatura PT-PCdoB márcase como obxectivo poñer freo á deriva ultra-liberal, recuperar a democracia e retomar a senda do crecemento cun “novo projecto nacional de desenvolvimento, de carácter soberano, democrático e de inclusão social”. As expectativas desta candidatura son moi boas e, pese a que Haddad non é un líder de masas, a figura de Lula e un bo desempeño na campaña até agora fan albiscar un enfrontamento de Haddad-Manuela con Bolsonaro-Mourão na segunda volta o 28 de outubro.    




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal