21:32 Mércores, 14 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-09-2018

Non se pode invocar a persecución dos xudeus como escusa permanente para lexitimar o sistema de apartheid do Estado Sionista

Xudeofobía? Eu acuso...!

Valorar (72)

ROBERT NEAL BAXTER



Desde hai xa algún tempo, as acusacións de antisemitismo lanzadas contra o Partido Laborista tornáronse un dos temas favoritos dos meios británicos, nunha fútil tentativa de desviar a atención do lamazal do Brexit en que está inmerso o goberno británico e co duplo propósito de deslexitimar e desbancar un líder laborista que pretende levar o (seu) Partido pola senda do retorno ao socialismo (aínda que de xeito moi light).

A gota que fixo transbordar o copo foi a negativa da dirección do Partido a se aderir a todos os exemplos que contén a Definición de traballo de Negación e Distorsión do Holocausto promulgada pola Alianza Internacional pola Memoria do Holocausto (IHRA), co fin de permitir acusar o Estado Sionista –mal chamado ‘Israel’– de racismo.

Antisemitismo no Partido Laborista haberao, mais non creo que sexa verdade que, como alegan algúns, se trate dun problema que atinxe máis a esquerda do que a direita... O que si é verdade é que, dado que apoia os direitos do povo palestiniano a viver no seu proprio país e critica a política do Estado Sionista, a esquerda tende a ser máis antisionista –aínda que en diferentes graus– do que a direita, que só vela polos intereses capitalistas no seu fiel enclave en Oriente Medio.

Ora, o que interesa aquí non é a política interna do Reino Unido, mais o facto de se amordazar quen ouse alzar a voz contra o sionismo. Unha das xogadas máis habituais consiste en reducir calquer argumento a unha simples tentativa de axitar o fantasma do holocausto nazi para así silenciar e desacreditar de inmediato toda crítica. Por exemplo, ao risco de ser acusado de negacionista, cumpre indicar, en primeiro lugar, que por moito que o monumento oficial (Yad Vashem) en Al-Quds/Xerusalén só inclúa os nomes das vítimas xudías, o holocausto nazi non corresponde en exclusiva ao exterminio de xudías e xudeus (o denominado Shoah), xa que se estende tamén a homosexuais, cigan@s, eslav@s, socialistas, anarquistas... En segundo lugar, non se pode invocar a persecución dos xudeus como escusa permanente para lexitimar o sistema de apartheid do Estado Sionista.

Como a maioría da xente de esquerdas, eu sempre fixen unha distinción escrupulosa e moi clara entre antisemitismo, por un lado, e, polo outro, antisionismo, isto é, unha postura ideolóxica contraria à política de xenocidio que se leva practicando no ilexítimo Estado Sionista desde a súa fundación hai xa 70 anos, cando se arrebatou ao povo palestiniano a súa terra ancestral grazas ao colonialismo británico e a Declaración Balfour de 1917.

Por se couber calquer dúbida, o xudaísmo é unha relixión, polo que acho máis axeitado falar de ‘xudeofobía’, ao par de ‘islamofobía’, fenómeno en constante auxe en Europa e do cal –curiosamente– apenas se fala. No entanto, hoxe por hoxe, a grande maioría da povoación xudía asentada no Estado Sionista non é nen crente nen practicante (חילוני: ‘hiloni’). Paradoxalmente, o autoproclamado Estado Xudeu, canonizado en lei como tal desde xullo deste ano, non ten nen sequer unha relixión oficial, por considerar o xudaísmo unha cultura, un povo, unha etnia... Así, pois, a definición de quen é xudía ou xudeu (מיהו יהודי) e os conseguintes direitos humanos varían en función de criterios de tipo ‘étnico’, tal como acontecía no rexime do apartheid na África do Sul.

En consecuencia, colono xudeu ten máis direitos sobre unha terra que usurpa e ocupa do que o seu lexítimo dono palestiniano, encanto a da Lei do retorno outorga máis direitos a un neonazi ruso de descendencia xudía... Mais, aínda así, hai quen pretende que toda analoxía co apartheid é racista. E eu lles respondo: “Escoitade isto, pobo louco e sen xuízo: teñen ollos e non ven, teñen oídos e non escoitan.” (Xer. 5:21).

Para alén de erróneo, resulta mesmo perigoso confundir o antisionismo coa xudeofobía. Porén, cada vez son máis os que nen se ruborizan ao proclamaren que o antisionismo é antisemítico e que o antisionismo é o novo antisemitismo. Vexamos. Encanto que o surximento da relixión dos israelitas (בני ישראל), guiados polo patriarca Abrahám, se remontaría à Idade do Ferro, o sionismo moderno nasceu, pola súa parte, como  ideoloxía política no final do século XIX na Europa central, cristalizado na obra Der Judenstaat (‘O Estado Xudeu’) de Theodor Herzl, publicada en 1896. Isto é, moito antes da II Guerra Mundial, polo que tampouco se pode entender como unha resposta ao holocausto nazi.

Resulta, pois, totalmente absurdo e incompreensíbel que persoeiros tan influentes como o proprio Rabino-Xefe ortodoxo de Gran-Bretaña, Ephraim Mirvis, xunten as súas voces ao coro que clama que o xudaísmo e o sionismo son inseparábeis. No entanto, a proba do contrario é que existen organizacións formadas por persoas xudías antisionistas, tanto relixiosas como laicas.

Incompreensíbel a non ser, claro, que haxa motivos maiores para sementar tal confusión: criticar Israel é criticar o xudaísmo. Portanto, o antisionismo vén sendo sinónimo de antisemitismo, racismo, xudeofobía... En definitiva, inaceitábel. Quod erat demonstrandum!

O confusionismo é intencionado e importante: desde as bandeiras sionistas colgadas das fachadas dos colexios e liceus até o canto do himno do Estado sionista, Hatikva, coa mesma bandeira como pano de fundo da aula nas escolas xudaicas. Cando se critica, o que é que hai detrás? Antisemitismo ou crítica lexítima do Estado Sionista? Procúrase apagar a diferenza fundamental.

Non dubido que a xudeofobía existiu e segue a existir, nen que vaia probabelmente en aumento e que –como todas as formas de discriminación pola razón que for– cabe denunciala e erradicala. Mais para isto resulta crucial detectar as causas a fin de poder chegar à raíz do problema. Concordo coa xornalista xudía, Amira Hass, filla de sobreviventes do holocausto, e co tamén xudeu profesor Avraham Shlaim, que defenderon a postura de que “hoxe o sionismo é o auténtico inimigo dos xudeus” nun debate na Universidade de Oxford.

En 1898, o escritor francés Émile Zola publicou unha carta aberta titulada J’accuse...! e dirixida ao Presidente da Franza, na cal acusaba o goberno de antisemitismo no caso  Dreyfus. 120 anos despois, ante o auxe da xudeofobía actual, Eu acuso...! a confusión entre xudaísmo e sionismo como unha das causas principais do antisemitismo.  



[28-09-2018 17:12] Abelardo Xosé del Caño Varela comentou:

Shlomo Sand, xudeu como o seu nome sinala, ten un bó libro ao respecto: "La invención del pueblo judío" (non sei si existe versión galega ou portuguesa a man!) ler o libro clarexa moitas cousas que damos por feitas i entronca perfectamente co teu artigo, por certo: chapeau!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal