10:12 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

25-09-2018

A loita da ESADG é a nosa loita. A loita das galegas e os galegos polo dereito a contarmos cun centro superior que forme os profesionais do teatro galego

#NonRECORTESnaESADG

Valorar (0)

MARTA DACOSTA ALONSO



Se miramos cara atrás, decatámonos de que o teatro galego non gozou da consideración, talvez do respecto, que gozaron outros xéneros literarios escritos na nosa lingua. Non sabería dicir de onde nos vén esta desatención. Vidal Bolaño, no seu “Perspectivas do teatro galego actual” (Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, 1998), apunta aos prexuízos sobre a lingua e a unha “suposta carencia de tradición teatral recoñecible”.

Xa as Irmandades da Fala falaban da necesidade de fortalecer e revitalizar o noso teatro. Hai cen anos destacaban o valor pedagóxico do teatro, a capacidade desta disciplina artística para formar e informar e, sobre todo, para normalizar a nosa lingua: “podería influír fondamente na propaganda do idioma propio. O teatro levaríanos a gañar moitas batallas no campo da lingüística” Antón Villar Ponte.

Haberá quen, ao ler isto, considere que esa idea obedecía exclusivamente ao afán proselitista das Irmandades, á súa ansia de levar a nosa lingua ao conxunto do pobo galego. Mais, quen isto afirme demostra descoñecer o propio teatro.

O carácter pedagóxico do teatro é consubstancial á súa propia orixe. As grandes traxedias do teatro grego non tiñan por único obxectivo entreter o público de Atenas, eran o medio a través do cal se explicaba a historia do pobo. Hoxe, cando vemos Medea, por exemplo, non somos conscientes de que a obra foi escrita para mostrarlle aos gregos cales eran as súas orixes. Mais esa mensaxe, e outras, son as que trasladan as pezas clásicas. Porque o mito foi historia e a literatura, épica ou dramática, oral primeiro, e escrita despois, o seu soporte de difusión.

Así pois, o noso teatro debía ter a función de contar a nosa propia historia, entre outras. Mais se é teatro, éo por facelo empregando unha linguaxe determinada e crear un produto artístico que vai prevalecer máis alá desa función.

Estudamos na escola que iso fixo que as Irmandades da fala encargasen a Cabanillas e Villar Ponte que escribisen O Mariscal. Tamén Carré, Quintanilla, Cotarelo ou Prado Lameiro formaron parte desa xeración de autores que alimentou o teatro de noso nunha época fulcral da nosa historia. Estaban a escribir o futuro que Galiza precisaba, mais foi cruelmente truncado, exterminado deberiamos dicir, para impedir que os xermolos que estaban a nacer froitificasen.

As xentes das Irmandades, sempre tan intelixentes nos seus diagnósticos da situación do país e da súa cultura, axiña formularon a necesidade de crear instrumentos para formar actores e actrices profesionais, pois comprobaban que esa, precisamente, era unha das eivas do noso teatro. Foi así como desde 1919 o Conservatorio Nazonal da Arte Galega, Escola Dramática Galega desde 1922 e até 1926, procuraron paliar esta deficiencia.

Aqueles foron os inicios que, andando os anos, levaron á inauguración da Escola Superior de Arte Dramático de Galiza, ESADG, en xuño de 2005. Ben tarde, se consideramos a súa necesidade e importancia. Desde entón, se consultamos a hemeroteca, leremos sobre a presenza de destacados actores e actrices, nacionais e internacionais, nos actos de inauguración, en conferencias ou cursos. Novas sobre os procesos de selección do alumnado que, nalgúns anos, chegou duplicar no seu número de solicitudes o de prazas ofertadas.

Desde entón, das súas aulas saíron profesionais que, nesta década que andamos do século XXI, colleitaron premios e distincións, como podemos ver na gala dos María Casares, á que mesmo chegaron ecos da súa reivindicación histórica, seren tratados como o que son: centro superior, centro universitario.

Estes días ocupan as portadas dos xornais. Seguen reclamando que os traten como estudos universitarios e, neste inicio de curso, que non lles sigan recortando profesorado, pois xa perderon 10 docentes en sete anos.

A Consellaría de Educación leva anos xorda ás súas reclamacións. Mais, visto en perspectiva, esta xordeira é outro dos síntomas do seu programa lingüístico. Explicareime, mais volvan ler a cita de Villar Ponte:
“podería influír fondamente na propaganda do idioma propio. O teatro levaríanos a gañar moitas batallas no campo da lingüística.”

No contexto actual, en que, desde 2009, o goberno levou á lexislación e á práctica medidas que incidiron obxectivamente na redución da presenza da nosa lingua, nomeadamente no ensino, como interpretamos que desde esa primeira lexislatura do PP, xustamente, comezase o programa de redución de profesorado nesta Escola Superior? Contesten vostedes.

Os executores destes recortes falan de cupos e rateos, actúan como se esta Escola fose un centro de Secundaria, mais iso é, cando menos, alegal. Son estudos superiores, polos que se cobra unha matrícula, computados en créditos, unha ensinanza moi especializada, que require un tratamento individual de cada alumno ou alumna, grupos moi reducidos e un profesorado que non só saiba a teoría, senón que a practique, sendo exemplo de excelencia para o alumnado que forma. Aínda poderiamos seguir enumerando os dereitos que as mozas e mozos non teñen por faltarlles ese recoñecemento de ensino universitario, algo que os converte en alumnado discriminado.

Hoxe están en loita, folgas e concentracións. A súa loita é realmente a nosa loita. A loita das galegas e os galegos polo dereito a contarmos cun centro superior que forme os profesionais do teatro galego, os que seguirán levando a nosa lingua aos escenarios para alí facela florecer, revivir, sobrevivir, normalizarse entre o pobo galego. Elas e eles son a nosa bandeira, ese orgullo que sentimos cando os vemos triunfar e ser imaxe do país, aquí ou fóra.

Así que, estamos coa ESADG, concentradas e en folga. Con elas e eles reclamamos que se restitúa o profesorado, que se eliminen os recortes e que se camiñe cara a súa integración na universidade.

Confiamos na nosa loita.
#NonRECORTESnaESADG




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal