00:01 Mércores, 12 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-09-2018

Baixo a súa aparente bondade, hai iniciativas políticas que afondan no patriarcado e no machismo

A burocratización do sexo

Valorar (9)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA



Hai poucas semanas a vicepresidenta do Goberno central, Carmen Calvo, anunciaba unha serie de medidas lexislativas para combater a violencia sexual contras as mulleres. Segundo a vicepresidenta socialista se unha muller non dá o “si expreso (á relación sexual), todo o demais é non”, e polo tanto, será considerada unha agresión sexual, é dicir, un delito.

Da mesma opinión é a asociación “Mujeres Juristas Themis”, explicitada no seu “Manifesto sobre liñas de reforma do Código Penal en materias de delitos contra a liberdade sexual”. Este documento, non só redunda sobre o apuntado por Carmen Calvo, senón que dá un paso máis ao esixir dos acusados de violación a proba de que houbo consentimento expreso para quedar absoltos do delito. É dicir, que se liquida a presunción de inocencia, un dereito humano e principio elemental do dereito, e terá que ser o acusado o que teña que demostrar que é inocente, demostrando que houbo consentimento expreso para manter relacións sexuais coa vítima.

Este anuncio de Carmen Calvo é a resposta ás protestas xeradas pola sentenza do controvertido caso de “La Manada”, que considerou que a moza madrileña sufrira abusos sexuais no canto de agresión sexual ao interpretar que non houbo violencia nin intimidación. De tal xeito, segundo a vicepresidenta, o “si expreso” disiparía neste caso todo tipo de dúbidas e interpretacións sobre este tipo de delitos.

Esta medida anunciada pola vicepresidenta do goberno central é a resposta lexislativa a un caso concreto e extraordinario, mais, na miña opinión, pouco útil nos casos máis comúns de agresións sexuais, que non acaparan os focos dos medios como foi neste caso, e onde si hai violencia, intimidación e por suposto, non hai dúbidas sobre o non consentimento da vítima.

Evidentemente isto é un anuncio. Haberá que agardar ao texto da reforma lexislativa que propón o goberno socialista para ver como se concreta esta medida que pretende disipar dúbidas sobre se hai ou non consentimento da vítima dunha violación e non deixalo á interpretación dos xuíces e das xuízas.

Con todo, se todos e todas somos iguais perante a lei, é de supoñer que esta modificación lexislativa afectará por igual a homes e mulleres, independentemente do tipo de relación que manteñan. É dicir, que nunha relación heterosexual, homosexual ou lésbica o “si expreso” do que fala a Ministra será de obrigado cumprimento para ambas partes, porque a violencia sexual non só se dá nas relacións heterosexuais, a pesar que sexan estas as que rexistran a maior parte dos casos.

Mais o peor desta proposta, a pesar de que a propia Ministra afirma que isto é para garantir a liberdade sexual da muller, é que no fondo é unha medida paternalista, que tutela á muller, deixando en mans do Código Penal as decisións sobre a súa sexualidade. No mesmo sentido apunta a iniciativa do goberno socialista de Vigo que modificou a ordenanza do taxi para que os condutores ou condutoras deste servizo público agarden a que a muller entre no portal antes de seguir a súa ruta. A pesar das boas intencións aparentes desta iniciativa, no fondo a mensaxe subliminal que traslada é terríbel, xa que está dicindo a todas as mulleres que non se valen por si mesmas e que necesitan un macho alfa que as protexa. En definitiva, ambas iniciativas afondan no patriarcado e no machismo, o cal está nas antípodas do empoderamento feminino que tanto predica o Goberno Central máis feminista da historia.

Desde o meu punto de vista esta medida anunciada por Carmen Calvo non fará diminuír a violencia sexual contra as mulleres, porque, como dixen antes, esta proposta é a resposta a un caso concreto de agresión sexual de ampla repercusión mediática, que pouco ten a ver coas agresións sexuais máis comúns. Gobernar a golpe de titular pode ser moi rendíbel electoralmente, especialmente para un goberno que só conta co apoio claro de 85 deputados e deputadas de 350, mais será inútil para abordar a violencia sexual contra as mulleres, cuxas consecuencias son devastadoras para quen as sofre.

Como se pode apreciar esta proposta do goberno socialista está chea de interrogantes e está por ver como se materializa esta burocratización do sexo, que afonda, desde o meu punto de vista, na represión e na estigmatización do sexo, un feito que só pode ser do agrado da Igrexa católica que nunca imaxinou que a abstinencia que predican pasa por algo tan sinxelo como modificar o Código Penal.  




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal