10:32 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-09-2018

Os distintos gobernos costarriqueños venden o país centroamericano como un oasis de paz social e bo facer cando na realidade non o é

Costa Rica: a Suíza de ningures

Valorar (5)

XURXO MARTIZ CRESPO



Costa Rica vive coa pesada carga dun alcume que lle queda grande. Sona vedraña que di moito da idea e do modelo que se ten dunha sociedade modélica como a suíza. O certo é que Costa Rica, neste ano de 2018, aseméllase máis aos seus veciños panameños e nicaraguanos e aos seus máis afastados salvadoreños e hondureños. O referente helvético non é máis ca un recurso estilístico.

2018 é o ano do Bicentenario da capital San José, que antecede o máis importante de 2021, en que se celebra o bicentenario da independencia do país. Costa Rica hoxe sofre un galopante déficit fiscal, unha endémica corrupción de colo branco e o asentamento de formas de vida antes descoñecidas no país como o sicariato, o narcotráfico e unha cada vez maior desigualdade social na que unha clase pública-burocrática é mantida con pingües salarios por parte dunha exhausta clase traballadora.

«Venderse bien»

Os distintos gobernos costarriqueños venden o país centroamericano como un oasis de paz social e bo facer cando na realidade non o é.

Dende o tópico de ser un país sen exército, que tampouco ten o seu veciño panameño é non é modélico para ninguén, até as súas reservas naturais, o certo é que, malia ter un crecemento sostido nas últimas décadas (como tamén teñen os países veciños) e sendo o país con maior investimento social (agás Cuba), unha quinta parte da poboación costarriqueña vive na pobreza mentres que a porcentaxe desa mesma pobreza foi reducíndose no resto de Latinoamérica.

O índice de desemprego oficial é do 10 %, mentres outras estatísticas colocan as clases traballadoras da construción ou do téxtil nun 22% de desempregados.

Costa Rica está mergullada no déficit fiscal máis alto dos últimos 40 anos, un 6,5%, cunha débeda do sector público equivalente ao 64% do PIB e unha recadación impositiva de só o 13,5%, situación que levou o goberno do presidente Carlos Alvarado a tentar cunha impopular lei, a Ley de Fortalecimiento de las Finanzas, converter o imposto de vendas do 13% nun IVE e con moitos máis produtos e servizos gravados que antes non o estaban, ademais de modificar o imposto sobre a renda, renda de capital e aplicar unha severa contención do gasto público que repercute nos gastos sociais.

Protestas

A recente folga xeral do 10 de setembro por mor da reforma tributaria e das medidas do goberno, derivou en fortes enfrontamentos e nunha chamada á conciliación por parte do presidente Carlos Alvarado. Segundo os principais sindicatos costarriqueños, a lei afectará principalmente as clases medias e baixas e os traballadores públicos, pois inclúe reducións nos incentivos salariais. 

Hoxe Costa Rica vive na incerteza do problema económico que é o centro das preocupacións dos seus habitantes e que non pode ser adiado por máis tempo. O Estado gasta máis do que ingresa e as cargas impositivas para as rendas máis altas son inexistentes, mentres outras exceden os límites de salarios e pensións precarias no sector privado fronte a realidades moi disímiles en que hai un grupo da poboación con salarios exorbitantes no sector público e xubilacións de luxo que son aboadas polo resto dos costarriqueños, dende o malpagado sector privado.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal