00:04 Mércores, 12 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-09-2018

Ler no alfabeto da Terra. Coñecela para amala e para defendela. Superar o auto-odio. Adquirir a autoestima colectiva que define os povos normais

Ler no alfabeto da Terra

Valorar (28)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Cadroume esta tempada reler don Ramón Otero Pedraio, un xigante da nosa literatura, da nosa cultura, da nosa historia. Por enésima vez, reparei na inxustiza do tratamento tópico que se lle aplicou e aínda aplica, non inferior á ignorancia pura e dura da súa personalidade e obra: católico cerrado, saudoso da fidalguía, conservador, idealista-tradicionalista... En suma, un vestixio arqueolóxico que a ninguén -ou a moi poucos- interesaría. A miña leitura ou interpretación da súa obra inmensa (e en todos os xéneros) é, claro está, antagónica desta construción crítica, mais non é este o lugar para a desenvolver. Só direi que a súa narrativa é fundamental para comprendermos, por exemplo, a gran crise galega do XIX e, para, seguindo o seu ronsel, achegármonos a unha “teoría da Galiza”, se o expresamos coa exacta definición dun dos seus ilustres estudiosos, Ricardo Carvalho Calero; e si aproveitarei a ocasión para recomendar a quen ler este artigo a consulta dun libro extraordinario sobre este escritor, o da profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián: A construción nacional no discurso literario de Ramón Otero Pedraio (Ed. A Nosa Terra, 2003), baseado na súa tese de doutoramento, premio nacional de ensaio no seu día, completísima e rigorosa investigación sobre autor e obra tan relevante para comprendermos o noso pasado inmediato e o noso presente.

O título que encabeza este artigo está directamente extraído dun dos contos de Otero, “Vidas non paralelas” (1930), magnífico relato que nos mostra, nun painel “cinematográfico” (aproveito a ocasión para suxerir a calquer dos-das cineastas interesados en fortalecer e incrementar o cinema galego que (re)lean este conto e o fagan filme), as vidas e traxectorias dispares de tres irmáns fidalgos en declive, no período intersecular XIX-XX. Un deles, o Xacobe, experimenta -como o proprio Otero, mais non como “dobre” de literatura confisional ou autobiográfica (aí radica, acho, unha non menor simplificación crítica)-, após azarosa e movimentada vida, a súa “conversión” particular, no seu retorno á Galiza, que vai para alén do reencontro físico, para se situar no terreo da conciencia adquirida, da necesidade de loitar por ela. Velaquí un fragmento de tal proceso:

Pouco a pouco, da terra artística e lembradora, foi xurdindo para o Xacobe a grande forza da Galiza. Xa se atrevía a falar dela sen arrodeos. Convencido da existencia dun espírito encoberto polas cousas fuxitivas, consideraba que ningún país podía ter esperanza de ceibar tanto espírito no mundo novo dalgún día como a Galiza que el descoñecera e aldraxara. “Tiven que negar para que chegara a min a verdadeira luz”. Dicía estas cousas non como vencido senón como trunfador sereno. Por iso tivo valor para chegar a Sant-Iago. Agora lía no alfabeto da Terra. Eran claros os pórticos e as rúas, os símbolos e as lembranzas, a voz das campás e as augas do Sar, e por primeira vez desde neniño axeonllouse diante da cova do Apóstolo.

Ler no alfabeto da Terra. Coñecela para amala e para defendela. Superar o auto-odio. Adquirir a autoestima colectiva que define os povos normais. Rachar de vez coa naturalidade da nosa “diferenza” negativa-inferior. Orgullarse -coñecéndoa- da nosa arte. Practicar a iconoclastia con tanto ídolo estranxeiro e mimético no canto de aplicala a nós proprios. Todo isto existe e caracteriza outras culturas, outras sociedades. Verifiqueino recentemente nunha viaxe ao Val de Aosta, onde desfrutei dunha guía incomparábel, a de Guido Corniolo, director que foi da Biblioteca pública de Aosta e, na actualidade, secretario xeral do Sindicato de Traballadores deste país. Á súa xenerosidade e hospitalidade, así como ao seu entusiasmo informante, debo un coñecemento de moitos aspectos daquela terra que dificilmente obtería polos meus meios ou por outras canles convencionais. A el non llo dixen, mais envexei para min esa súa paixón polo que me amosaba e descobría, con todo tipo de datos e informacións históricas relevantes, e auténtico cariño polo que puña ante os meus ollos. Canto gañaríamos, pensei, galegas e galegos de hoxe, se désemos revirado a lousa da indiferenza (cando non da declarada minusvaloración) e nos dedicásemos a coñecérmonos un algo mellor, imprescindíbel paso para poder respeitar, amar e facer a propaganda debida de nós, para nativos e alleos. Cando mudarán os estándares da información turística que a uns e outros se oferece?

Hai moitos anos, un vello compañeiro de militancia nacionalista propuña escreber unha especie de manual do colonizado (na esteira do clásico libro de Albert Memmi, recentemente traducido á nosa lingua por Claudio López Garrido), mais compondo “arquetipos” por orde alfabética, do A ao Z: por exemplo, desde o ‘exemplar’ “aleuto” ao ‘exemplar’ cheo de zunia, pasando polo cosmopolita, o desarraigado... e por aí fóra. A empresa non tería nada de masoquista, senón que se trataría de retratar contraexemplos para que os exemplos verdadeiros, por antítese, visen a luz. Se cadra, aínda o fai alguén...

Mais, brincadeiras á parte, por moito século XXI que nos ofereza espellismos a esgalla, o grande expediente do noso (re)coñecemento continúa en pé, falemos de lingua, de arte, de cultura en xeral, de economía ou de financiamento (por certo, o goberno valdostano arrecada todos os impostos e de aí a súa translación a obra pública, museos ou cuidado do patrimonio: tal cal coma aquí!...).

Otero Pedraio: vivo, atractivo e vixente, como o pensamento, a praxe e a traxectoria de patriota exemplar de Bautista Álvarez, cuxo cabodano relembramos nestes días de setembro.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal