06:07 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-06-2010

A displicencia con que se impide o acceso público revela o trato que merecen os nosos símbolos políticos e culturais máis significativos

O futuro do Panteón de Galegos Ilustres

Valorar (28)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Mausoleo de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres


Como algo intranscendente pasou a nova de que o Panteón de Galegos Ilustres estará cerrado ao público indefinidamente. Máis silandeiro foi aínda o cambio de titularidade de San Domingos de Bonaval, pasando de ser un ben inmóbel municipal, desde hai xa máis de século e medio, a selo da Igrexa Católica, após un proceso xudicial de reclamación da propiedade tan descarado como favorecido polo desleixo, a incuria e a torpeza, se non a conivencia, dos servizos xurídicos e mesmo do responsábel político da cuestión no goberno municipal de Santiago. A displicencia con que se impide o acceso público revela o trato que merecen os nosos símbolos políticos e culturais máis significativos, o noso patrimonio histórico e artístico, non só ao Arcebispado de Compostela, senón tamén á Xunta de Galicia. É unha consecuencia e causa do escasa estima que temos co noso. Só unha ignorancia e un desprezo cultivados a mantenta poden explicar tal comportamento e tanta impunidade. Polo demais, todo parece un corolario lóxico da forma en que o Panteón de Galegos Ilustres, e con el San Domingos de Bonaval, estivo inserido na visión do conxunto da cidade e na forma de mostrala, itinerarios turísticos incluídos: a marxinación que desemboca na anulación. O resultado, escasos os visitantes e ignorancia e inconsciencia sobre o valor e a importancia das persoas alí soterradas...

A gravidade do cambio de titularidade irémola comprobando co tempo, botándonos as mans á cabeza, como adoita acostumar no noso país, perante feitos consumados. Acharemos que, de súpeto, o Panteón, con todo o seu valor simbólico, histórico, emocional e político, está en poder da Igrexa Católica. Ironía e paradoxo: algúns destes símbolos están alí, malia a oposición dela e coa súa pauliña, o caso de Rosalía, e malia representaren prácticas e concepcións, en todas as ordes, antitéticas coas do catolicismo, o caso rosaliano e o de Castelao. Entraron alí, sendo unha propiedade pública, por vontade do pobo galego. Nunca imaxinaron eles nen os que quixeron honralos, trasladando e depositando os seus restos a un Panteón, expresamente concibido para esta finalidade, que poderían ser reféns do poder eclesiástico. Como vai ser a Igrexa Católica gardián destes restos humanos, tratalos con gratitude e darlles amparo, e mostralos con dignidade e orgullo, cando se caracteriza pola nula identificación, cando non aberta hostilidade, co que eles simbolizan? Vai dialogar e comprender, respeitar e aceitar, as demandas lexítimas dos sectores sociais que máis se identifican cos alí soterrados, verbo da necesidade de abrir ao público o Panteón e mantelo á marxe da confesionalidade relixiosa explícita?

En todo caso, cómpre non permanecer inermes e queixosos. Ergamos a oportuna e constante reivindicación con obxectivos claros:1) lograr a apertura ao público en horarios de mañá e tarde por conta da administración; 2) reclamar a aconfesionalidade para o espazo do Panteón, así como a xestión pública do mesmo; 3) en caso de oposición por parte da Igrexa, esixir da Xunta o inicio das xestións para reubicar o Panteón nun espazo digno de propiedade pública ou, se for posíbel, reclamar legalmente, tendo en conta os antecedentes e as circunstancias que concorren no caso, a titularidade parcial ou total de San Domingos de Bonaval. De non sermos constantes e contundentes, coa participación social necesaria, non só corremos o risco dunha apropiación indebida, de forma tan devaluada como manipuladora e marxinadora, senón a anulación e o esquecemento, coas consabidas pingas de censura e prohibición por conta dos carcereiros. Consentiremos que fiquen unha parte esencial dos nosos símbolos nacionais, dos nosos esforzos por sermos e existir como pobo, nunha prisión de indiferenza e hostil anulación?

Foi unha boa nova saber que para o día 15 de xullo, 125 anos da morte de Rosalía, ten convocada a Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa axuda de moitas máis organizacións sociais e culturais, unha marcha reivindicativa desde Adina a San Domingos de Bonaval, para esixir que o Panteón sexa aberto ao público. Teremos ocasión tamén de coñecer, repetindo a cerimonia daquel 25 de maio de 1891, como e en que circunstancias, con que apoios e con que boicots, se fixo o traslado de restos mortais de Rosalía a San Domingos de Bonaval. Participemos con entusiasmo.


1 2 seguinte

[05-07-2010 09:51] roxelio1@hotmail.com comentou:

Os mortos hai que enterarlos, pensa a iglexia e o poder, cando os mortos no son do seu ínterés. A Xesús e a moitos "santos" danlle vida porque nelo vaille a súa vida. A vida dos/as outros/as non importa, agás si se pode enmascarar nun interés partidario, como o aborto.

[12-06-2010 13:40] Lobo comentou:

Menos contemplacions, esta e unha mostra mais da nosa dependencia colonial, calquera nacion repeta a seus simbolos e os seus esgrevios devanceiros, o 15 de xullo debe serr unha data reivindicativa a prol da creacion dun PANTEON DE PATRIOTAS GALEGOS, laico e aberto ó publico en xeral, ¡¡¡ Ali nos veremos ¡¡¡

[12-06-2010 13:21] Lois Cabaleiro comentou:

O mosteiro de San Domingos, cando menos o Panteón de Galegos Ilustres deberia ser declarado BIC co que seria obrigado abrilo unha vez a semana.

[12-06-2010 11:10] Alberte Monte Alto comentou:

Moi dacordo có artigo, Francisco. A resposta social debe ser contundente ante istes feitos. Compre mobilizar ao pobo na defensa dos seus símbolos nacionais evitando, así, o final do proceso de colonización do Estado Espanhol onde o Partido Popular Espanhol e a Igrexa están a trabalhar arreo e de maneira conxunta.

Saúde e Terra dende Monte Alto, A Corunha!

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña