14:57 Martes, 16 de Outubro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-09-2018

Virannos agora con que a Seguridade Social non é viable porque hai mais gastos que ingresos pero foron precisamente eles coas súas políticas os que a levaron a esta situación

Na defensa da sanidade pública

Valorar (6)

RAÚL RÍO DÍAZ



Agora que andan os inimigos dos servicios públicos facendo todo o posible para acabar coa sanidade pública e así favorecer aos seus amigos da privada que logo lles serven de porta xiratoria cando deixan os cargos públicos e subvencionan con comisións as súas campañas electorais, vaime permitir o lector deixar constancia deste caso, por si pode servir de reflexión para defendela e que non fagan negocio a conta da nosa saúde.

Encetei a escribir estas liñas no Hospital público de Osakidetza de Cruces (Barakaldo) onde me atopaba por culpa da miña inconsciencia de non recoñecer o paso dos anos, non darme conta de que xa son un sesaxenario moi avanzado e agardar a estas alturas unha nova e imposible primavera, como o corazón de Antonio Machado diante do olmo do Doiro.

Todas esas crenzas enchéronme valor e fixeron que o pasado 25 de agosto me atrevera a brincar o rego dun prado, de mais de metro e medio de ancho. Aínda tiven a sorte de saltalo e non caer no rego, que tamén era moi fondo, pero ao aterrar na outra orela topeime con un chan irregular, sentindo un forte dolor no pé esquerdo. Nun principio non lle dei moita importancia, pero como ao día seguinte tiña que viaxar a Euskadi para facer o día 27 unha revisión doutro dos meus achaques, despois de saír da revisión aproveitei para pasar por urxencias, onde me diagnosticaron rotura do tendón de Aquiles, polo que me escaiolaron a perna e cubriron todos os requisitos para operarme o día 30. Chegou ese día e despois de darme a anestesia, quitar a escaiola e explorar o nocello, o cirurxián observou a simple vista que a escaiola creara unha pequena flebitis naquela zona; así que consultou cos seus compañeiros de Cardioloxía Vascular, que despois de facer unha resonancia confirmándolle que non se debía tocar.

Afirmoume despois o cirurxián que levaba mais de corenta anos de profesión e nunca lle sucedera algo semellante, que para el o mais doado sería operar, pero non o creu conveniente, pois sabía que era un risco que podía resultar fatal.

Ao ver isto doume conta da sorte que tiven ó caer nas mans destes profesionais dunha sanidade pública verdadeiramente humana, para os que o único obxectivo é realizar o mais correctamente posible o seu cometido, sen ter que pensar na rendibilidade nin que o tempo empregado vaia ter influencia na súa economía persoal ou na da Seguridade Social; onde os especialistas de todos os órganos que poidan ser afectados pola intervención forman un equipo coa única intención de facer entre todos o mellor para a saúde do doente.

Agora penso cal sería a miña sorte si me atopara nas mans de profesionais dunha clínica privada, non porque sexan malos profesionais, senón polas condicións precarias e a presión na que desenrolan o seu traballo: Onde non hai equipos de profesionais de outras especialidades que poidan valorar ou informar da conveniencia ou non de realizar unha operación, tendo en conta os órganos do doente que se poden ver afectados pola súa actuación, xa que nestas clínicas, en base a rendibilidade económica, non existe un equipo de valoración e normalmente o mesmo cirurxián ten que exercer tamén de anestesista e tomar unha decisión moitas veces condicionada por traballar baixo o estrés de ter que realizar un número determinado de operacións diarias, xa que estas clínicas cobran por intervencións feitas, saian ben ou saian mal. Nese caso non cabe dubida de que a miña sorte ou a de calquera outro doente houbera sido outra.

Virannos agora eses dos que falaba antes con que a Seguridade Social non é viable porque hai mais gastos que ingresos, pero foron precisamente eles coas súas políticas de recortes, baixando os salarios aos traballadores e traballadoras e os impostos ás empresas, os que a levaron a esta situación, porque pouco pode cotizar á Seguridade Social un traballador en precario, con un soldo que apenas lle dá para malvivir. Dirán tamén que non hai cotizantes porque baixou o índice de natalidade, cando os mozos teñen que emigrar porque non lles dan traballo, nin a eles nin aos emigrantes e refuxiados que veñen por causa do seu apoio á política guerreira e intervencionista do liberalismo criminal internacional. Ben saben eles que a solución está en subir os salarios dos traballadores e traballadoras, para poder cotizar mais, e volver á cotización empresarial que había antes das reformas, pero, malia a que xa o fixeron en Portugal, Finlandia e noutros países con resultados positivos, dirán que isto é populismo, cando populismo do barato é querer enganarnos que con un soldo miserable que non da para unha sanidade pública vai dar para unha privada, que aínda ten maiores custes, pero a eles non lles importa a nosa saúde e o que pretenden é deixarnos sen cartos e sen sanidade, como pasa na súa idolatrada e desapiadada sociedade estadounidense, o país que mais recursos consume do mundo por persoa, pero ó que non ten contratado un seguro privado bótano do hospital e vai morrer á rúa coma si fora un can, e perdóeseme a expresión, pois eles non!, pero os que aínda temos algo de humanidade entendemos que os cans tamén teñen dereito a vivir e morrer tan dignamente coma eles.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal