02:19 Martes, 13 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-09-2018

A literatura tradicional posúe, de seu, a súa propia validade, diferente, como é obvio, da que representa a literatura culta

O valor dos cantares tradicionais

Valorar (7)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



A literatura anónima leva coñecido o estigma da lateralización a respecto daqueloutra considerada culta. Con efecto, o primeiro que pensa a maior parte da populación ao se falar en literatura é nun conxunto de textos que constitúen o cánone dun sistema literario dun país ou dunha lingua, ben como na autoría desas obras. Tamén se repara noutras que poden estar en camiño de se incorporaren a ese sistema nuns cantos anos e nas relacións que manteñen entre si. Nese ámbito é habitual falarmos de correntes literarias, de estéticas, de intertextualidade entre obras e escritoras e escritores, de movementos artísticos, de textos considerados referenciais, das relacións entre sociedade, historia e literatura, de xeracións literarias etc.. Hoxe en día, grazas ao desenvolvemento da informática, mesmo se defende a existencia da “ciberliteratura”, “literatura dixital” ou “literatura electrónica”, definida principalmente polo tipo de formato en que é xerada e transmitida, isto é, o derivado dos avanzos nas tecnoloxías.

Na realidade, sen pretendermos desmontar os principios que alicerzan o estudo do texto literario considerado convencionalmente culto ou de autoría individual, o certo é que a literatura tradicional posúe, de seu, a súa propia validade, diferente, como é obvio, da que representa a literatura culta. Así, en primeiro lugar, non se pode esquecer dun punto de vista estético que os textos de extracción tradicional, e nomeadamente as cántigas, son tamén composicións literarias, afastadas, polas súas propias xénese e divulgación, de correntes e modas, aínda que dotadas da expresividade artística acorde coas habilidades das persoas responsábeis da súa creación e espallamento e dotadas igualmente dunha estética formal e temática que as vincula directamente a unha sociedade moito determinada, neste caso a rural galega, e aos seus modos e medios de vida, hoxe practicamente desaparecidos. Evidentemente, non son de idéntico valor literario todos os cantos anónimos, mais isto, que tamén vira extrapolábel para a literatura culta, non lles resta importancia no seu conxunto. Por un lado, as características rítmicas e rímicas dos cantares anónimos, os modelos con frecuencia reiterativos en que se sustentan, os trazos lingüísticos que presentan etc. confírenlles unha estética formal ben precisa, facilmente identificábel. Por outro lado, os temas que desenvolve (ausencias das persoas queridas, despedidas, ironías, relacións afectivas e sociais, relixiosidade popular etc.) e o subtil tratamento con que algúns deles son abordados enforman unha outra dimensión cromática desta tipoloxia de textos.

Estética e conceptualmente, a aposta do xenio popular na lírica participa da concisión, quere dicir, da condensación temática e semántica. Esta está dotada, con todo, da largura suficiente para permitir xogos con varios significados, ambivalencias semánticas e unha notábel vizosidade irónica, sobre todo con determinados temas vinculados ás relacións humanas. A coherencia de tipo semántico e temático, unhas das tipoloxías da conectividade textual, mantense nas estrofes do cancioneiro tradicional a través dunha pretendida e conseguida sinxeleza formal, normalmente representada en composicións de 3 ou 4 versos. Isto tamén se torna útil, por seu turno, para lles proporcionar un outro tipo de coherencia, cal é a superestrutural: do mesmo modo que non pode haber sonetos con versos de máis sílabas das que son necesarias nos hendecasílabos, no caso das estrofes tradicionais o número de versos e a medida deles vén igualmente predeterminada.

En segundo lugar, canto ao tipo de lingua, cómpre pormos en relevo que a literatura tradicional posúe trazos que serven para a particularizaren ou que nos dan testemuño de trazos gramaticais e lexicais hoxe pouco presentes, quer pola propia evolución do idioma, quer, en moitos casos, pola interferencia do español. O cancioneiro anónimo eríxese nunha das fontes máis fidedigna para nos aproximarmos do galego dialectal e popular en épocas en que non había os medios técnicos actuais para rexistrarmos variedades de fala: caso botásemos unha ollada aos textos compilados nos séculos XVIII e XIX, poderemos reparar nos trazos da oralidade galega da altura no referente a cuestións fonéticas, gramaticais e lexicais que se atestan nas cuadras colixidas e que nos informan de cales eran, presumibel embora prudenciosamente, as características no galego oral durante aqueles tempos. Así, caso confrontásemos a lingua oral da nosa época coa que aparece reflectida nas cántigas doutros tempos, diferentes datos parecen indicarnos que a lingua se ten modificado en certos aspectos. Un deses trazos que mudou vén dado pola situación do seseo na comarca da Coruña, hoxe en día non atestábel mais rexistrado cando menos até á primeira metade do século XX en certas partes da localidade, cal os bairros de Peruleiro, Visma etc.: Non me podo despedir / desta Curuña famosa, / dunha nena cigarreira / da frábica da Pallosa. // Dices que non tendes crus / para rezar o rosario; / cásate, miña miniña, / e terás crus e calvario; etc.

En terceiro lugar os cantares anónimos son úteis para repararmos en formas da toponimia menor e mesmo en ocasións para as recuperarmos. Non poucos nomes de lugar, debido ás profundas transformacións na sociedade galega, costuman acharse na actualidade nun notábel estadio de esquecemento e corren o risco de se perderen para sempre. A este respecto, son variados os topónimos que se atestan nos cantares tradicionais provenientes da cidade e comarca da Coruña, por exemplo, algúns doadamente identificábeis aínda na actualidade (Nostián, Pastoriza, Rego da Auga, Río de Quintas, Rúa do Monte, Rúa Real etc.) e outros, polo contrario, cunha adscrición xeográfica máis concreta que os fai seren dificilmente recoñecíbeis, mesmo ás veces por desapareceren debido ao crecemento urbanístico producido no século XX (Porta da Torre, Xuncal etc.). E, ao mesmo tempo, os cantares tradicionais ilústrannos, polo tipo de lingua en que van vehiculizados, sobre pronuncias populares e coloquiais de certos topónimos, algunhas aínda hoxe rexistrábeis con relativa frecuencia: pensemos nas variantes de mostras como A Cruña ~ A Curuña ~ A Coruña, Cais ~ Cadis ~ Cádiz etc.

Nesta mesma liña, e en cuarto lugar, as poesías tradicionais testemuñan o uso de antropónimos e de hipocorísticos coloquiais e variantes populares: Manuel (Manoel, Manoeliño), María (Marica, Mariquiña), Miguel (Mingueletiño), Pilar (Pilariña), Rosa (Rosiña), Xosé (Pepe, Pepiño), Xoán (Xan) etc., ao paso que favorecen a documentación de alcumes, tales como Farruco de Pena, Petra de Cordal, Tío Laranxo etc. Por iso, a recorrencia ao cancioneiro tradicional nos estudos sobre onomástica enfía un camiño transitado con certa regularidade ao nos ofrecer non só testemuños de determinadas formas, mais igualmente mostras de evolucións ou de modas no sistema antroponímico galego. Así, por citarmos un exemplo, caso comparásemos a atestación nestes cantares anónimos coa lingua actual relativamente ao uso das variantes Farruco, Farruquiño e Fuco (hipocorísticos de Francisco), poderemos detectar que coñecen unha relativa boa cifra de ocorrencias nas estrofes tradicionais, embora se perciba como o seu emprego desceu notabelmente na lingua dos nosos días, en que vira máis habitual a forma Paco.

En quinto lugar, as estrofes permiten aproximármonos, sempre coa prudencia necesaria, do modo de vida dos nosos antepasados nas comunidades rurais galegas, un mundo hoxe practicamente extinto e alleo para non poucas persoas, ben como incógnito para as populacións que moran nas cidades. Os cantares anónimos ábrennos as portas en cuestións da economia, da historia social, dos medios de produción, das relacións sociais e afectivas, da chegada de innovacións ao seu mundo, da percepción social da doenza e da saúde, do encaixamento do ciclo da vida etc., o que se erixe nunha valiosa ferramenta para estudarmos esas temáticas; certo é que unha vez aberta esa porta non accedemos a todas as estancias do predio, mais resulta extraordinariamente valiosa para as podermos enxergar desde a solaina e para incentivarmos o interese nos seus interiores. Partindo desta situación, non é de estrañar, pois, que especialistas da historia e da etnografía acudan aos cantares tradicionais de maneira a ilustraren o produto das súas pesquisas, conforme teñen feito Xesús Taboada Chivite, Pegerto Saavedra, Francisco Calo ou Xabier Castro, entre outros moitos.

A modo de anedota, mediante a lectura de cantares anónimos somos capaces de repararmos en como mudou a percepción de determinadas estéticas do corpo humano, cal é a pel branca nas mulleres, verdadeira meta que se pretendía conseguir en épocas pasadas e que hoxe está estigmatizada como negativa ao se prefiren pigmentacións máis escuras, tal como se deduce do seguinte cantar: Chamácheme moreniña, / éche do lixo da eira; / xa me verás pra domingo / com’a guinda na guindeira. Un outro exemplo entre os moitos que se poderían sinalar asenta a detección de referencias ás partes do traxe tradicional, que comeza a decadencia e hibridación con modas urbans no derradeiro cuartel do século XIX: Perdín as miñas polainas / vindo o domingo da misa; / quen mas topou que mas volva, / non sexan contos de risa. // Perdín o meu refaixo, / perdín as cintas del; / meu marido, dám’outro, / qu’eu darei conta del; etc.

En sexto lugar, a continuarmos con ese potencial histórico-etnográfico, máis un valor que posúen as estrofes anónimas asenta na información que nos achegan sobre oficios practicamente desaparecidos na actualidade, ben como da importancia social e económica que algúns deles chegaron a ter. Son numerosos os cantares que fan referencia a profesións e labores habituais no mundo tradicional, tales como os desempeñados por alfaiates, costureiras e xastres, canteiros, carboeiros, carpinteiros, carreiros, criadas e criados, ferreiros, gaiteiros, mariñeiros, muiñeiras e muiñeiros, sacerdotes, taberneiras e taberneiros, tecedeiras, tascadeiras, xornaleiras e xornaleiros, xeiteiros, zapateiros, zoqueiros etc., dando mostra de tipos de vida, do punto de vista laboral, ben diferentes dos actuais. Eis dous exemplos ao respecto, un que fala das características amatorias das costureiras e outro que advirte esas mesmas mulleres dos riscos de iren traballar para certa clientela: O amor da costureira / é amor moi delicado, / que se ll’apertan o dedo / logo entend’aquel recado. // Costureiriña bonita, / ó palacio non  vaias coser; / no medio do corredor / logo che dan que facer.

De parecida maneira, en sétimo lugar, o complexo mundo das relacións humanas protagoniza tematicamente un considerábel conxunto destas estrofes. Os amores correspondidos e os non correspondidos, os casamentos, as consecuencias do sistema do patriarcado, os afectos entre nais e pais e as súas crianzas, os ciúmes nos noivados etc. serviron como motivo creativo para a xeración de cuadras. Por iso Ramón Cabanillas (Cancioneiro popular galego, 1976), mediante un fermoso texto dotado de intenso lirismo, non tivo dúbidas en maridar vida e poesía tradicional sinalandado que as “tenruras, ciumes e desdéns, dores da ausencia, agruras da empencha, costumes, ledicias e devocións pasan vivos e latexantes pola copla, xa que tódalas rendas espirituáis están tecidas cos seus fíos”. As seguintes estrofes ilustran esas actitudes e percepcións sociais, cal (a) o rexeitamento dunha persoa nunha relación afectiva; (b) a alusión en maneira de metáfora ás primeiras relacións eróticas dunha moza; (c) e o enorme traballo que desenvolven as mulleres no fogar sen ningún tipo de recoñecemento nin de comprensión: (a): Chamácheme pera parda / e pera parda hei de ser; / anque caia de madura / ti non me has de comer; (b): A subila, a baixala, / a costa de Culleredo, / a subila, a baixala, / perdín a cinta do pelo. (c):  –Dime, casadiña nova, / como che vai de casada? / –Como criada que serve / e non lle pagan soldada!

Como conclusión, podemos sinalar que as estrofes do cancioneiro tradicional viran extremadamente úteis para as perspectivarmos desde ópticas diferentes, tales como a literaria, a lingüística, a histórica, a etnográfica etc. Os máis de 30.000 cantares anónimos de que pode gabarse o pobo galego constitúen un recurso valioso para obtermos información sobre a nosa cultura e sobre a nosa historia. E, xa nos referindo a cuestións máis músico-líricas, que pobo do mundo non estaría orgulloso de dispor dunha cantidade e dunha calidade de textos como as que dan forma ao cancioneiro galego de transmisión xeracional? Por iso, cantar en galego, sexa no xénero que for, constitúe un mínimo mais transcendente paso no camiño da normalidade lingüística. Ás veces, a lingua con música entra.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal