08:32 Luns, 24 de Setembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

10-09-2018

Faino desta volta explicitando un identitarismo supremacista, que é expresión dunha concepción excluinte, reaccionaria e negadora. Imperialista

O españolismo abre camiño ao fascismo

Valorar (7)

XABIER PÉREZ IGREXAS



Asistimos dun tempo a esta parte a unha continuada intensificación da ofensiva españolista. Desta volta, esa ofensiva está tamén a pivotar sob unha clara disputa no ámbito identitario e simbólico. As brigadas parafascistas de "limpeza" de lazos amarelos na Catalunya son apenas a imaxe que permite retratar o retorno –ou se se quixer o alargamento da súa presenza– do españolismo ás rúas.  A "España de los balcones" que invoca nunha retórica neojoseantoniana Pablo Casado, non é outra cousa que esa faixa social até há pouco adurmiñada ou inerte que agora pasou á ofensiva. Se a chamada Transición vernizou de democracia as estruturas institucionais do franquismo, o seu pouso ideolóxico vernizado durante anos de pretenso centrismo tampouco esvaeceu. Nin moito menos.

O falso debate a respeito da imposíbel "neutralidade do espazo público", que serve de coartada formal para as patrullas reaccionarias que impiden o exercicio de dereitos fundamentais como  o da liberdade de expresión, non o podemos isolar doutros elementos concomitantes. Non se pode separar, xa que logo, da defensa desacomplexada que tanto Ciudadanos como PP fan do Valle de los Caídos, como máximo expoñente simbólico dun franquismo do que son confesionais. Tampouco do crecente discurso xenófobo que paira sob a problemática da inmigración.

Comprobamos máis unha vez como o españolismo abre camiño ao fascismo. Faino desta volta explicitando un identitarismo supremacista, que é expresión dunha concepción excluinte, reaccionaria e negadora. Imperialista. Eis a base de sustentación ideolóxica, a cimentación máis básica da España Una.

Cómpre, en consecuencia, non infravalorarmos o alcance destes procesos, nin moito menos a súa capacidade de penetración social. Tanto pola amplificación da que gozan nos medios do sistema, como demostra a descomunal presenza de voceiros e voceiras destes postulados nas grandes cadeas de televisión estatal, como polo grao de sofisticación narrativa que nalgúns casos teñen atinxido, sutilizando e disfrazando en eufemismos e lugares comúns a retórica fascista.

Emporiso, debemos enfrontar con decisión, desde a firmeza ideolóxica e despregando a maior capacidade de argumentación e persuasión, esta intoxicación alienante. Máxime cando a frustración provocada polo espellismo reformista, e os seus hologramas rupturistas, ten facilitado que na desesperación haxa amplas capas sociais orfas dunha referencia ideolóxica, discursiva e política. Deixar espazo no debate público acaba, pois, por multiplicar a capacidade de entrampar mesmo a sectores populares en posicións parafascistas. Neste sentido, a experiencia histórica do século XX, e singularmente comprender o proceso de emerxencia e auxe das forzas fascistas en Europa, é unha pedra angular para sermos máis efectivas e efectivos no seu combate. Sobre todo desde a certeza, xa demostrada historicamente, de que o fascismo é un instrumento funcional aos intereses do capital en crise.

O fascismos axexa, a serio. Hai que cortarlle o paso desde xa.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal