15:27 Martes, 20 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-09-2018

A información manipúlase e aprovéitase impunemente para beneficio político e control das mentes

O control mediático de Freixó

Valorar (9)

LOIS DIÉGUEZ



Na meniña dos meus ollos a escena de varios inmigrantes saltando o balado das coitelas, en Ceuta. Había tempo que non nos poñían imaxes destas, e de súbito, saltan agora en todos os medios para lembrar a "violencia" desta xente, precisamente agora, cando dez destes heroes foron condenados (supoño que por terrorismo) por enfrontarse á policía. Do que non se decataron os censores, con todo, é de que nesas imaxes que pasan rápido, vese como un policía arrastra un mozo por unha perna mentres  outro lle vai dando couces nos riles.

É un exemplo dos miles que hai nos que a información se manipula e se aproveita impunemente para beneficio político e control das mentes. Recrúa nestes días de verán este control de forma claramente ditatorial na Radio e Televisión galegas; tanto, que deixei de velas definitivamente. Era moito o sufrir para unha sensibilidade plural e democrática. Politizadas ambas até o vómito. Estudada ao milímetro cada noticia ou entrevista ou comentario, na forma e no contido; nesa perversidade de como pode pasar sen dúbida de obxectividade para quen a reciba. Non hai programas de educación e defensa do cidadán e cidadá, fronte aos roubos legais que as multinacionais ou os propios gobernos nos fan; fronte á explotación do traballo; fronte a un accidente grave no que pariga a vida da xente. As mesas de debate están controladas até a miseria polo PP e, para darlle credibilidade, por xente do PSOE tamén. A pouca que podiamos ouvir de ideoloxía nacionalista e progresista foi desterrada nestes meses de forma ditatorial.

Non chegaba con intransixentes como María Méndez ou ese tal Roi non sei que (formación de cadros para a propaganda conservadora pagados por nós), e outros polo estilo, e por riba tiveron que reforzar con dous clásicos francotiradores que aburren até as pombas, como Roberto Blanco ou o eterno Xosé Luis Barreiro (iniciado xa cando a moción de censura que lle fixo ao seu propio presidente Albor), que, tal Freixó, temos metidos no prato da sopa con bula política protectora e beneficiada. Na lembranza, quen lle daban pluralismo e interese aos debates, como Paco Trigo, María Obelleiro ou X. A. Pérez Lema (iso si, sempre escoltados por dous ou tres do PP e outro do PSOE), valentes por defender a Galiza de forma clara e non calar ante as contradicións que Catalunya introduciu na gloriosa España uniformada á forza (españolidade franquista fanática e violenta ao estilo Aznar).

E na programación en xeral, tan empobrecida e politizada: Freixó sae máis veces no Telexornal que Franco no Nodo; entrevistas sempre a xente arrimada ao réxime ou indiferente ante a situación (arquitectos, economistas, artistas, poetas, xente do común...) fronte a tanta que temos fantástica e diversa que apenas pasa por estes medios expropiados polo PP. Capítulo aparte é o das contacontos e humoristas, fabulosas (o fantástico e maxistral Quico Cadaval, ou Cándido Pazó, ou Baia Fernández, ou Carlos Branco, ou Lucía Aldao, María Lado ou Isabel Risco... uf, cantas, cantos podería citar). Un país que oculta os-as humoristas propias e críticas nunca poderá exercer de tal. Cantas artistas e profesionais que se pensan en nación ou avance progresista, precisamente por iso, nunca sairán nos nosos medios públicos debido á ferreña censura do PP.

Pobreza que pinta un país irreal divorciado do avance social e adormecido polas festas, a gastronomía, o folclore sen raíz; a felicidade virtual dun pobo que se obriga a pasar o tempo en eventos deste tipo e vendo programas como Luar (o contrato do seu director está asegurado polo PP até a eternidade). Ou tantos que enchen as horas de chismes, parvadas e irrealidades, como se todos os problemas estivesen solucionados e todos-todas vivísemos no país das Alicias que pinta cada día o Freixó-Xó.

E non falemos xa do noso idioma, con mil trampas tamén para obvialo e desprestixialo en canta ocasión se brinde, como fai habitualmente Freixó que, coas súas leis e as outras que non cumpre conseguiu o espurio obxectivo de desterralo da mocidade. Son os únicos medios que, por outra parte, teñen o galego como oficial, o cal creou unha situación curiosa: ao non existir outros medios que o utilicen con normalidade, se queres fuxir da propaganda ideolóxica e buscar outra alternativa, en galego non existe. Somos, pois, dobremente sometidos: como galegos e galegas e como xente que tira sempre polo avance social.

No tempo de eleccións estrañámonos moitísimas veces do resultado, favorábel ás teses conservadoras e españolistas. E digo eu, coa educación e formación imperantes até a asfixia que remato de expoñer, é posíbel que se poida pensar maioritariamente dunha forma distinta? Fica a pregunta para desenvolver noutro artigo. E mentres, contentaríame con que, tamén maioritariamente, a xente, simplemente, fose consciente desta realidade: no traballo, nas liberdades, no  avance social, na Galiza, en fin, una región verde y fresca donde todo sabe más bien y se ve más riquiño, desde el pulpo hasta la empanada y pasando por las vieiras. Sin hablar, claro está, de los defensores de  Rianjo o Sangenjo o la Agra del Orzán. Amén.




[07-09-2018 07:24] Violeta comentou:

Nunca me estrañan os resultados electorais.despois de tanta catequesis ideolóxica e de tanto andar rillando polas festas os resultados son visiveis : estreitamento cerebral e medre de barrigas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal