11:58 Mércores, 26 de Xaneiro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-06-2010

Con Pedro Arias, puidemos ver no Parlamento de Galiza con total clareza a auténtica faciana neocon ao descuberto dos que nos gobernan

A semana na que o Partido Popular ficou sen máscara

Valorar (7)

MARÍA TEREIXA PAZ FRANCO



Só dous días despois de o Partido Popular votar en contra de medidas fiscais progresivas, exercer maior presión fiscal sobre as rendas e os patrimonios máis elevados, propostas polo BNG, a Xunta de Galiza anuncia que aprobará unha rebaixa fiscal no imposto de transmisións para a adquisición de vivendas que beneficia en maior medida a compra dunha segunda vivenda.

Unha modesta moción coa que o Bloque Nacionalista Galego pretendía aportar medidas a executar tanto polo Estado como pola Xunta de Galiza para facer fronte á crise e ao tan levado e traído déficit público, medidas que non fagan pivotar só o sacrificio sobre as vítimas da crise, a clase traballadora, os pensionistas, a chamada clase media, mentres os culpábeis da crise seguen coas súas bacanais.

Medidas tan racionais e razoábeis como a de introducir un novo tramo no IRPF (tanto no tramo estatal como autonómico) que gravase en maior medida as rendas superiores aos 100.000 €, a loita contra a fraude fiscal e a economía soterrada, manter o imposto de sucesións e doazóns para as herdanzas superiores ao millón de euros, eliminación das bonificacións ás sociedades de investimento que só tributan o 1% ou o establecemento dun imposto que grave os grandes patrimonios entre outras moitas deste tenor, foron merecentes dun furibundo ataque do Partido Popular.

Pedro Arias, fortemente aplaudido e animado polo restos dos e das deputadas deste renovado e modernizado Partido Popular, acusou ao BNG de formular medidas "arcaicas e serodias". Xustificou o voto en contra do seu grupo alcumando de "panóptico fiscal" a nosa pretensión de que os inspectores persigan aos pobres e abnegados defraudadores e a economía soterrada, porque ao seu ver era convertelos en culpábeis da crise e o único que conseguiríamos é paralizar o dinamismo da economía.

Mais non foron esas as únicas perlas coas que adornou a súa alegación contra o despropósito formulado polo nacionalismo galego. Ao parecer, as medidas de progresividade fiscal son buscar culpábeis da crise e converter en sospeitosos aos "milloneuristas" e polo tanto unha penalización dos grupos sociais que teñan un patrimonio superior ao millón de euros. Con que dereito podemos nós "xulgar a estes grupos sociais"? Igualmente, con que dereito podemos nós propor "sacarlles cartos" aos que ingresan máis de 100.000 € ao ano sen "analizarmos si teñen méritos para teren tais ingresos"?

Fica claro cal é o concepto do sistema fiscal como elemento de redistribución da riqueza do Partido Popular. Non se cuestiona que un traballador mileurista teña que tributar no IRPF, nin soportar subas do IVE, nin padecer recortes salariais e de servizos públicos e sociais para manter contentos aos mercados. Os traballadores non teñen méritos e non só son sospeitosos senón culpábeis, sobre todo os desempregados, de tan elevado gasto social que nos arrastrou a este déficit que tanto lles preocupa aos grandes capitais financeiros e aos seus valedores.  Iso si, non se pode "criminalizar" aos ricos.

Antes de darnos tempo a dixerir tan gran lección de democracia e de xustiza social, só dous días máis tarde asistimos a outro alarde da deriva ultraconservadora e ultraliberal do Partido Popular. O mesmo Sr. Núñez Feijóo que recorta, privatiza, precariza servizos públicos e sociais, seica por mor da austeridade e da falla de recursos pola caída de ingresos do erario público,  anuncia a intención do seu goberno de acometer unha nova rebaixa fiscal co pretexto de reactivar o sector da vivenda e reducir o impacto da suba do IVE.

Esta rebaixa do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados para a adquisición de vivenda é a segunda que realiza o Partido Popular no seu ano de goberno e igual que no caso anterior non contempla ningún criterio de progresividade, beneficiando por igual aos mil e aos milloneuristas. Ë máis nesta que se ven de anunciar o que se pretende primar é a adquisición dunha segunda vivenda, opción que desde logo non está orientada a garantir o dereito de acceso a unha vivenda da maioría dos galegos e galegas.

Estamos pois ante unha medida orientada a favorecer a quen durante anos se lucrou da especulación urbanística da nosa costa e que actualmente ten unha grande cantidade de construcións destinadas á segunda vivenda ás que non lles conseguen saída e a aquelas persoas, desde logo non a maioría social de Galiza, que poden pensar en adquirir unha segunda ou terceira vivenda, para que os "pobres cenmileuristas e milloneuristas" poidan incrementar o seu patrimonio sen someterse a un gravame fiscal que frustre inxustamente as súas aspiracións.

Foi esta, sen dúbida, unha gran semana para esclarecer para quen goberna o Partido Popular.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña