18:42 Martes, 25 de Febreiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-09-2018

Ao non haber conciencia demográfica, baleirase a aldea de nenos e os vellos van para centros de día e de noite namentres a xente formada, residente está como tocando a caniza contra o fungueiro

Do rural de onte ao asasinato da parroquia

Valorar (8)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN



A percepción do paso do tempo, dos modos de vida no noso país son percibidos como noutros territorios vilegos, urbanos ou de grandes cidades. Evolucións con demasiada presa, interesadas con deixar atrás un moble vello de castaño para cambialo polo relucente fimapán.

Quen sobrevive nunha das tres mil parroquias do rural galego hoxe asiste á inexorable perda da súa identificación co chan que pisaron os seus devanceiros. E non se trata de recuperar o de antes tal como se facía, sería un suicidio, por suposto. Pero si hai unha ensinanza deixada polos nosos antepasados nunca desenvolta pola lexislación ensarillada, de costas á realidade e ao ditado do neoliberalismo. A Hª ha de revelarnos a evolución para o presente e para termos futuro que diría o gran historiador, recentemente desaparecido, Josep Fontana.

Vexamos uns apuntamentos. Onte foi, coma quen di, a reforestación desde unha Subdirección de Política Forestal do ICONA deixando atrás os soños de 1931 do Instituto Forestal de Investigación, o IFIE e o Laboratorio de Fauna Forestal de Piscicultura e Ornitoloxía. Supuxo a plantación de piñeiros radiata e pinaster de vocación madeireira para pasta que quere pasta. Montes en man común como exemplo de riqueza fronte a monte privado lambido de piñas, buisas e de estradura para o gando que lle servía nas cortes de cama, logo transformábase en esterco para as leiras -abono ecolóxico. Para o agro soaban as quiméricas concentracións parcelarias, e agrandar leiras, e meter os anhelados Barreiros, e vivir delas mentres a xente... emigraba ao non ver chegar as novas parcelas nas que plantar algo máis que o millo para os cobizosos hórreos. Axudábanlle ás burras as vacas marelas para tirar do carro, arado, sachadora. E a súa maxestade o porco para quen o podía manter con verdura, millo, coas sobras das comidas -verdadeiro composteiro... o que tal aforraban antes en contedores e bolsas de plástico! E as ovellas, e cabras, e os coellos e galiñas antes de se converter en viandas daban bos cestos de esterco tamén para os tallóns da horta do cebolo. Como se explica a permanencia de Nestlé en Cesures desde o 1939! As veigas de Lestrove e o xadrezado dos herbais de Laíño e dos demais vales galegos clamaban por asociacionismo produtivo truncado no franquismo necesitado de todo o país como experimentou Feiraco. Hoxe soamente pode haber gandería intensiva, de aí entre outros factores, que por estes pagos non queda practicamente nada do arriba sinalado mentres as divisas da emigración forxaron novas casas, adquisicións de bens a través dunhas caixas de aforros do máis preto que estivemos dunha banca galega.

Ao non haber conciencia demográfica, baleirase a aldea de nenos e os vellos van para centros de día e de noite namentres a xente formada, residente está como tocando a caniza contra o fungueiro. Xa non hai quen teña ovellas nin cabras para ter limpa a horta, -desbrózase. O porco vén con trabas administrativas de todo tipo e aquela toda ganancia desde o fociño ao rabo pasou a outras mans. As piñeiras ou as galiñas de Mos son tan raras como as Brahma -exotismo. Os coellos tamén foron para grandes edificios como os humanos. O viño; abócanche case a ser empresario e arrincar cepas como as desaparecidas latas glosadas por Anxo Angueira, patrimonio da sombra dos veráns. A froita niquelada do súper, macro ou hiper non sabe como as peras de tres en cunca. O aflixido sector marítimo galego merecería outro gran capítulo a parte, desde logo. E se un pensa en cultivar para vivir podes topar por un lado cuns incomprensibles RD e Lei de Costas 22/1988 e modificacións xestionados desde o Manzanares, e pola outra banda o porco bravo aparéceseche coma a estudantes no campus compostelán. Ata o raposo busca no bar facerse un selfie. O altivo eucalipto rei dos incendios e azote do patrimonio, a psila africana, a vespa velutina, a couza guatemalteca, a mina de Touro -O Pino...acaban cun, éche así, non se pode facer nada, unha praga divina!

Pois non.

Iso é o que queren que creamos coas políticas do PP desde a UE ata a Xunta pasando por Madrid. Recordemos aos clásicos como Shakespeare Julius Caesar Act I, Scene 2 [...]231 The fault, dear Brutus, is not in our stars,/232 But in ourselves, that we are underlings.[…]! (A culpa non está, querido Brutus, nas nosas estrelas, se non en nós mesmos que somos súbditos)

Velaquí só algunhas leis! Normativas que están detrás do planificado atraso para un país potente con lingua propia, culturalmente incrible, patrimonio esquecido, con posibilidades económicas de solos produtivos e con sitios para a transformación da produción do sector primario verdadeiro motor dun país.

A tardía e incompleta lei Cuíña 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural canda a lei Aznar do solo, no preámbulo I e II xa di que vai ser....o máximo! E aparecen 6 veces as palabras aldea e parroquia, nada máis, que ao mellor non é un dato relevante, pero si chaman a atención outros como a definición dos Estudios de Detalle na artigo 73 como ferramenta pensada -parece- para desenvolver máis o urbano que o medio rural xunto con directrices non homoxéneas e sen dotacións para un control. E a esta sucedéronlle rectificacións e aclaracións unhas obrigadas e outras interesadas á sombra de edificios nacidos froito da anunciada especulación que veu a abandonar núcleos tradicionais. Agora imos na Lei 2/2016 á que lle choveron críticas de toda a oposición galega ao sinalala como insostible.

No cacarexo electoral de 2009 do actual presidente da Xunta estaba borrar do mapa as Normas do Hábitat, o Banco de Terras recomendado pola ONU!, o concurso eólico e máis. E o que non “dulcificou” Feijoo meteuno nun caixón. Se ata lle cambiou o nome das Galescolas e inutilizou textos do préstamo de libros! Axudado pola centralista, e sen derrogar aínda, Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa a Consellería de Educación colleu as tesoiras na man -afiadas no SERGAS- e fronte a unha dramática demografía beneficia máis alá da LOMCE ao ensino privado creándolle unidades en vez de tirar polo público e evitar o peche de unitarias, non? Pero o único que repiten coma un mantra os medios de comunicación que perciben ata un 70% de cartos públicos, son as medias verdades. Iso é o que lle queda á xente que ve e escoita por exemplo a CRTVG de impresionantes profesionais tamén de loito . Un escaparate mesmo semella denigrar á Nosa Terra no que só ves ao PP, formatos de programas en branco e negro e as rutineiras novas de vaca atropelada, atraco ás tres e media...Fannos vivir nunha non desexada realidade paralela coas carísimas campañas para emprendedores (traballo precario) e/ou subvencións para vivir no rural; como se fora o nome dun edificio, coa bendición do cura da parroquia a quen lle ensinaron no seminario que Cristo falaba castelán!

Outra vaca no millo! A Lei 10/2017 de espectáculos públicos antóllase saída de Pratos Combinados e como diría Miro Pereira “Todo ten unha explicación!” Detrás disto están as empresas que recadarán seguros obrigatorios, contratas para controlar os eventos como -alucinante “os festexos taurinos”- pero na lei non se ven por ningures as palabras entroido, foliada, serán, magosto !!!! Poderiamos seguir co remuíño dunha lexislación non acaída, que todo o mundo sofre como transporte, sanidade, pequeno comercio,... A solución non pode vir de leis foráneas de cortar-pegar. E o PP sábeo! Tampouco a saída está nunha única medida que mire por un aspecto illado do rural pois esa reunión de persoas, definición de parroquia, permanece grazas a unha transversalidade de accións como as desenvolvidas polo BNG entre os anos 2006/09 desde as Consellería de Industria, Benestar e Medio Rural: Bantegal, Unidades de Xestión FORestal, Plan Eólico Galego, Galescolas, a creación dun potente grupo lácteo galego,...Curiosamente o PP non derrogou éxitos nacionalistas e as solicitudes esperan a intercesión de san Caetano avogado do pan, da saúde e do traballo.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña