00:16 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-09-2018

Da súa obra para min a maior importancia téñena as súas aportacións ao respecto do papel que debe cumprir a historia

Aprendendo de Josep Fontana

Valorar (11)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Teño falado nos dous últimos anos en diversas ocasións con alumnos e alumnas de bacharelato sobre a importancia que ten a historia e sobre as causas que na miña opinión levan a que haxa unha idea xeneralizada de que a materia de historia é horríbel e se considere unha materia de simple memorización; para min un dos problemas é esa ensinanza cronolóxica da mesma que fai que o alumnado vexa a materia como un listado de datas, batallas, personaxes, etc...., que non teñen relación coa súa vida e por tanto non os motivan a investigar se hai algún fío que poida relacionar o que acontece hoxe e feitos do pasado.

Na primeira semana do pasado mes de outubro tiña que traballar o tema referido á chegada dos Borbóns no XVIII, Decretos de Nova Planta, reformismo borbónico, etc...; naqueles días despois da consulta e da represión do 1 de outubro palpábase un anti-catalanismo brutal pero ao tempo unha grande sensibilidade producida polas imaxes da actuación policial dese dia. Na aula houbo quen quixo que faláramos diso e díxenlles que se querían podían dar a súa opinión sobre o que acontecía en Catalunya pero que en historia non quería siareiros, quería persoas que adoptaran posicionamentos argumentando e aportando datos, e para que tiveran datos íamos traballar a Guerra de Sucesión, os Decretos de Nova Planta e as súas consecuencias, e seguiríamos en Catalunya falando da industrialización, saltando a Galiza para falar da conserva, pasando polo 1917, Companys e as duras condicións da Constitución española do 1931 para poder acceder ás autonomías, a transición e o café para todos. Ao principio non o entenderon e pensaron que estaba fuxindo de falar dun tema de actualidade pero cara final de curso tratando o 23F, coas diversas teorías ao respecto do golpe de estado e coas súas consecuencias, houbo quen o relacionou todo; “claro profe, o problema vén do XVIII e non se deu solucionado”, “eu non estou de acordo coa independencia pero o certo é que teñen algúns argumentos”, “xa, pero iso que nos dis non aparece nos informativos”.

Hai dous días comentáballe a Xaquín Soliño que a primeira referencia que tiven do recentemente finado Josep Fontana proporcionouma el, non lembro se en Compostela cando el cursaba historia ou posteriormente, pero o certo é que co tempo pasei a ser un lector entusiasta da voluminosa obra e das opinións de quen se auto-definía como vermello e nacionalista. Son fundamentais os seus estudos sobre a crise do antigo réxime ou os dous documentados libros sobre a historia do século XX “Polo ben do Imperio” e “O século da revolución”, pero para min a maior importancia téñena as súas aportacións ao respecto do papel que debe cumprir a historia e da función social que temos quen nos dedicamos á mesma, recollidas tamén en diversos libros.

Escribía Josep Fontana en 1992 “Vivimos momentos de desconcerto ideolóxico. O espectáculo dunhas sociedades europeas nas que os propios prexudicados insisten en votar a quen están empobrecéndoos, con medo a que calquera cambio poida empeorar aínda máis a súa situación, revela, por unha banda, a falla de conciencia crítica, pero tamén a perda da fe en calquera posíbel programa alternativo. Á tarefa de recompoñer esta conciencia crítica, de devolver algunha esperanza e de reanimar a capacidade de acción colectiva debemos contribuír todos. Quen nos dedicamos ao ensino, e en especial ao das ciencias sociais, temos nela unha función esencial. Por desconcertados que nos sintamos, sabemos que a nosa obriga é axudar a que se manteña viva a capacidade das novas xeracións para razoar, preguntar e criticar(...)”
E uns anos despois engadía “Precisamos un método novo de estudo do pasado construído sobre a base da análise dos problemas concretos dos homes e as mulleres(...) Este método podería axudarnos a devolver o seu sentido máis lexítimo á historia, que non é o de contentarse co estudo do pasado, senón o de revelar a evolución que conduciu ao presente: a de se converter nunha ferramenta para interpretar os problemas colectivos dos homes e das mulleres, para entender o mundo e axudar a cambialo”


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña