08:33 Luns, 24 de Setembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-08-2018

Será posíbel que ignoremos que, en lóxica coherencia, o Estatuto de Autonomía para a Galiza (1981) non menciona nen unha soa vez a palabra “patria” aplicada a Galiza?

Vocabulario

Valorar (27)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



Vivemos nunha época en que todo semella mutábel ou modificábel a través da imaxe: fotografías, nomenclaturas, identidades, nocións básicas. É o correlato da exacerbación capitalista, que ordena que todo se pode mercar e / ou vender, manipular, captar, tunear ao gosto do cliente, deformar até a caricatura cruel cando conviñer. Desculpen esta digresión de socioloxía barata. Voces máis avisadas e expertas do que a miña terían aquí un amplo campo de análise e interpretación. Eu só me vou referir a certos cambios lingüísticos que me chamaron a atención recentemente. Desde hai case cen anos, ficou instituída por parte do nacionalismo galego a celebración do “Día da Patria Galega”. Desde hai cincuenta -así se rememorou este ano- apareceu publicamente en Compostela, baixo todas as pexas da clandestinidade. Hai oitenta e dous anos Alexandre Bóveda foi morto, de morte matada, por proclamar e defender a pertenza á súa “patria natural”, a Galiza (para distinguila da imposta e represora).

O rexime político que sucedeu á ditadura porfiou en impedir tal celebración, que só a base de perseveranza e firmeza conseguiu conquistar o acceso ao casco histórico da capital galega. Algún anuncio ou algún lema deron en falaren hogano de “Día da Matria” ou “Día da Matria Galega”. Non dubido da intención benévola dos seus artífices, mais dáse a circunstancia de que as denominacións históricas, non arcaicas, que continúan a manter todo o seu sentido e carga ideolóxico-política non deben ser, ao meu xuízo, alteradas alegremente. Non sei a ciencia certa os motivos que levaron aos-ás utentes desta denominación a lle daren publicidade. O termo ten un uso en textos de clásicos galegos, cun claro carácter afectivo e vinculante á Terra. Castelao, por exemplo, úsao nunha ocasión en Sempre en Galiza:

Para nós, os galegos, a Terra (así, con maúscula) é Galiza. O que nos xunta n-unha comunidade espritual é, principalmente, o amor â Terra. E cando decimos “a nosa Terra” queremos decir “a nosa Nación”. A Terra é a Matria.
Este texto pertence ao “Libro Primeiro” daquela obra, redixido entre Barcelona e València en 1937. O que transcrebo a seguir ten dez anos máis; está incluído no que ía ser primeiro libro dun segundo volume de Sempre en Galiza, que o autor xa non puido completar e que hoxe lemos como “Libro Cuarto” da obra, escrito no paquebote “Campana”, na viaxe de volta de Castelao desde Franza a Buenos Aires:
¿Por qué no desterro a verba “patria” é, para nós, máis emotiva que a verba “nación”? ¿Será que a patria emerxe do puro sentimento e a nación non pasa de ser unha realidade obxetiva? Dende logo, a patria sentímola dentro de nós mesmos e acompáñanos no desterro; pero a nación está na terra lonxana, nas rexións do recordo e a espranza. A nación é o obxeto amado; a patria é o amor que a nación nos infunde. De tal modo, que sin a concencia nacional non se comprende o sentimento patriótico. A patria represéntase con símbolos -tremeluce nas coores d-unha bandeira i eisáltase nos himnos cantados a coro-; pero a concencia nacional apenas se desperta diante d-un mapa, porque a nación é un complexo de lugar, tempo e raza, ou de terra, hestoria e povo.
A ideia nacional sóio cobra maxestade cando se transfigura en ideal patriótico. Agora ben, ningún galego iñora que a súa “terra” é Galiza, pero non todos identifican a terra coa nación, obxeto de patria. Hainos que ainda siguen tomando en sério aqueles cromos baratos da escola oficial, onde a imaxe alegórica de Hespaña se lles metía polo-os ollos en forma de domadora de leóns….
Para estes galegos, a patria é o Estado hespañol, a quén serviron como soldados ou de quén fuxiron por vérense libres de servila. En fin: para os emigrantes galegos a terra nadal é o único que lles causa a morriña, delatando que no amor a Galiza axúntase a ideia nacional co sentimento patriótico; pero algúns sóio se atreven a decir que Galiza é a súa “pequena patria”, como si ela non fose o que máis queren no mundo. Compre, pois, que todol-os galegos seipamos ben o que é unha nación, porque así saberemos que a nosa patria é Galiza, ainda que o noso Estado siga sendo Hespaña.
Nun estilo que caracteriza moitas páxinas desta grande obra, Castelao entrevera confisións de evocación emocionada ou anguriada con reflexións de índole sociopolítica ou recordacións do corpo doutrinal basilar do nacionalismo galego contemporáneo, pondo o dedo na ferida de graves confusións e alienacións que continúan a existir hoxe e que podemos rexistar por toda a parte.
Veñamos, pois, aos nosos días e observemos feitos delatores. “Todo por la patria” rezan os cuarteis da Guarda Civil: a española, claro, a única imposta e admisíbel oficialmente. “Patriótico”, “patrio” e outros termos da mesma constelación léxica son usados en tantas ocasións como sinónimos de “españolista” ou “españolismo”, o que denuncia que se admite acriticamente a usurpación vocabular por parte do Estado español e de todas as súas axencias.

Vaiamos á lexislación. Será posíbel que esquezamos que a Constitución Española vixente e imposta desde 1978 estabelece no seu artigo 2º. “La Constitución se fundamenta en la indisoluble unidad de la Nación española, patria común e indivisible de todos los españoles, y reconoce y garantiza el derecho a la autonomía de las nacionalidades y regiones que la integran y la solidaridad entre ellas”?.

Nación única, patria única; propriedade decretada por e desde o Estado único, hexemónico e supremacista; a xerarquía e a subordinación plenamente estabelecidas, manu militari, pois fica clara a atribución ao Exército español de as garantir, e artigo 155 mediante, como ben sabemos pola historia recente. Será posíbel que ignoremos que, en lóxica coherencia, o Estatuto de Autonomía para a Galiza (1981) non menciona nen unha soa vez a palabra “patria” aplicada a Galiza? Teremos esquecido que a grande Rosalía de Castro, hai máis de cento cincuenta anos, usa sempre cun sentido unívoco e intransferíbel a palabra “patria” aplicada á Galiza? A onde quero chegar? A que xulgo totalmente improcedente a procura de termos que esquiven o tabú oficial; serán benintencionados, non o dubido, mais o caso é que se pregan, vexámolo ou non, a unha adaptación permitida ou a un ritualismo que non ofenda as esencias dogmáticas e ferreñamente impostas da Constitución e dos seus derivados.

Non por casualidade a TVG emitiu, na noite do día 25 de Xullo, un programa dedicado á “Matria Galega”, con inclusión de artistas mulleres: dúas horas ao ano en que nos podemos permitir sermos galegos, satisfacernos co estupafeciente de que as galegas en particular somos superiores, reconfortarnos co amantiños que somos do noso un día ao ano, para, os 364 restantes, acatar, obedecer e non discutir o mando en praza de España, do Estado que a petrifica, da única nación e da única patria legais e coactivamente declaradas e impostas. Eu non sei se todo isto está na mente dos e das que gostan da mencionada modificación vocabular. Máis ben coido que o que teñen en mente é unha inxenua confusión que fai as palabras reas da súa etimoloxía. Por aquí, “patria” iría asociada ao patriarcado, ao masculinismo ou ide saber a que outras sevicias.
Mais a confusión, como digo, é pueril. Por esa regra de tres, as mulleres non poderiamos ter “patrimonio”, nen os homes poderían contraír “matrimonio”. Quen gosta de falar -arcaicamente- de lingua materna (como sinónimo de lingua inicial, ambiental da infancia) tamén mataría os individuos de sexo masculino como emisores e transmisores de fala. Cando matamos a luz, non cometemos homicidio nengún: simplesmente, apagámola (os exemplos poderíanse multiplicar ad infinitum). As palabras, repito, non son reas da súa etimoloxía. Tamén non son, por suposto, estáticas ou inmóbeis na súa relación entre significante e significado. Sabémolo ben nos usos, nos textos, na prosa que foi construíndo o nacionalismo galego dos nosos tempos.

Mais non penso que a solución veña da man de acudirmos a eufemismos que non rabuñan nen ofenden o dogma oficial español: “Día de Galicia” (o complexo de embaixada, que di Pilar Pallarés); “Día Nacional de Galicia” (para un sucedáneo con cero competencias de goberno efectivo). Cabe a “Matria” na única patria imposta? Talvez nos satisfagamos con que face á “patria” deles temos dereito a unha “matria” nosa, maternal, feminina, afectiva, mentres a que pagamos, todas e todos, continúa a negarnos, a excluírnos? Fraco favor nos faríamos as mulleres galegas con semellante concesión.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal