08:29 Luns, 24 de Setembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-08-2018

Na creación e afianzamento do Partido Galeguista foi Bóveda factor decisivo. Por iso pra os sublevados non era el un ninguén

Bóveda non foi un ninguén... nin o será endexamais

Valorar (11)

MANUEL CABADA CASTRO




Porque non era un ninguén -como si o eran os que basearon toda a súa valía na violencia das armas pra as que carecían de calquera lexitimidade democrática- por iso vive el e permanecerá como perenne símbolo de comportamento cívico e humano e como exemplo sobranceiro pra futuras xeracións. Neste ano 2018 a cidadanía nobre e ben pensante volve facer nova lembranza del, do seu ominoso fusilamento hai agora oitenta e dous anos, o 17 deste mes de agosto, trala vergoñenta farsa ou simulacro dun xuízo militar que só podía aportar inacabábel vergonza pra os que deberían ter procedido con el como a instancia xusta e independente que cabería deles en principio esperar. Mais tal cousa era simplemente impensábel desde a previa e violenta rebelión militar contra a legalidade política iniciada polos militares facciosos naquel malfadado xullo de 1936.

Na creación e afianzamento do Partido Galeguista foi Bóveda factor decisivo. Por iso pra os sublevados non era el un ninguén. Así, ó derrubaren ou botaren abaixo a auténtica “bóveda” deste xa suficientemente ben asentado templo e fogar galeguista, unha vez iniciado a finais de 1931 a súa estruturación interna e o seu paulatino desenvolvemento, todo el –así o esperaban- caería por terra esnaquizado. Desde logo, os danos causados foron graves e duradeiros dada a longa orfandade que a ditadura subseguinte propiciou e alentou. Mais así como a flor esmoucada e tronzada revive no seu polen vivo e voante, non doutro xeito permaneceron vivos e actuantes no corazón e nas mentes dos que tras del nacemos o seu testemuño e os seus folgos.

Bóveda foi, segundo os seus biógrafos e familiares, un personaxe cordial e humilde, mais ó tempo intensamente activo e firme, dotado de sobresaíntes capacidades organizativas e de visión de futuro. Por iso puido ser el sempre, e de maneira eminente, un portador e sementador de esperanzas. Ó pouco tempo de se desencadear a sublevación fascista e ser encarcerado -en contra do que el mesmo era capaz de sospeitar- ocuparase e preocuparase de canto lles estaba tamén a pasar a amigos e coñecidos. Comentaranos Darío Álvarez Blázquez na súa Lembranza e semblanza de Alexandre (“La Voz de Galicia”, 14 agosto 1977): “Cando soubo na cadea a prisión do noso pai, mandounos por un amigo dende o cárcere de Caldas de Reis –foi un peleriño de cárceres pra un mes escaso de cadea- apertas e azos de espranza pra todos”. Era o mesmo talante que amosara un par de anos antes cando desde Cádiz (o forzoso destino administrativo na Delegación de Facenda da cidade andaluza que lle impuxeran desde as instancias gobernamentais). “Dende alá –continúa a indicar Álvarez Blázquez- escribía cartas cheas de paciencia e de espranza e dunha resignación cristiá que sempre profesou”.
Non me resisto porén a presentar aquí seguidamente o que Álvarez Blázquez lembra sobre Bóveda nese mesmo escrito seu (de hai xa máis de corenta anos) ó relacionar Bóveda co profeta Daniel do Pórtico da Gloria, esa magna obra artística dos galegos que nestes días anda –resplandecente- nos ollos e na boca de todos:

“Foi no serán cincento de brétema compostelá do 19 de Nadal do 1932 no paraninfo da Facultade de Medicina, ateigado de galeguidade, cando se ergueu a breve figura de Alexandre Bóveda, sorriso lene de profeta do Pórtico da Gloria [...] Demostrou dabondo que Galicia tiña folgos e medios propios pra a súa autonomía económica. Laiouse de que os ‘cartiños’ –así lles chamou paternalmente- da nosa xente da emigración se fixeran novamente emigrantes.

Nun silencio fondo mantivémonos trescentas persoas escoitando, catro horas arreo, fervenzas de números [...] Non levantou a voz unha soa vez, non dixo unha palabra máis outa que outra, nin moito menos unha arroutada mitinesca. Cando rematou: ‘Temos a terra, temos os homes, só precisamos a fe e a vontade’, a súa figura fixérase xigante e a brétema deixou pasar unha raiola do sol de decembro pra alumear a súa fronte de santo de pedra aldeán. Non ouvín nunca unha ovación tan longa e sonora por un discurso feito a base de hectáreas. Naquel intre gañou Bóveda o plebiscito do Estatuto pra Galicia e tamén a coroa do seu martirio”.
Si. Así foi. Un martirio, un “testemuño”, claro e aberto, tanto da enteireza dunha fidelidade como da vileza e ruindade dos que inxustamente o fixeron morrer.

Cara ó final da súa “Lembranza” diranos aínda Álvarez Blázquez: “Non coñecín na miña vida política un loitador máis activo, nin máis pacencioso, nin menos engruñado dediante do fracaso ou da adversidade, totalmente inmune contra a desmoralización e a canseira”.
Así o amosou sen dúbida tras tomar vívida conciencia da súa inminente morte, que en principio e obxectivamente só podería ser vista coma o meirande fracaso do seu proxecto vital e político. Precísanse fondas doses de plenitude e enteireza anímicas pra ser quen de lles dirixir ós seus familiares máis directos, sen que o pulso nin a mente lle tremesen naqueles derradeiros e intensos momentos da súa vida, os seguintes, pra sempre inmortais, parágrafos de despedida. Tómoos dunha fotocopia do manuscrito (emendando así de paso algún pequeno erro existente na fidelidade á transcrición):

Madrugada do 17 de agosto de 1936
Choliños, miña Peque, Vidiña: Quixera escribirche moito. Mais xa sabes canto puidera decirche. Perdóame todo, que os peques me lembren sempre, que cumplas tódolos meus encárregos. Eu, Almiña, estarei sempre con vós como che prometín. Fallan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío. Adeus, Vidiña. Vive pra os peques e os vellos; abrázaos, confórtaos. Sé Ti, miña Pequeniña ademirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos. Lembrareivos sempre, velarei sempre por vós. Adeus. Contigo, cos peques, cos Vellos todos, estará sempre na lembranza, na máis grande, na máis fonda, na máis infinda das apertas, o voso
Xandro

P. S. Recei contigo

Coma sempre, en Bóveda permanece indomeábel a esperanza. Alén do tempo e das angueiras vitais. Sen ela dificilmente se podería vivir e tampouco morrer con dignidade e tranquilidade de ánimo. Insuflando, ademais, ánimos naqueles que están preto del e que máis os precisan. Bóveda pertence así con toda xustiza a aquel reduto, tantas veces vilipendiado, a aquela escolleita reserva de seres humanos que souberon loitar pola defensa dos dereitos das persoas, dos pobos e das culturas; e de maneira moi especial e directa polos dereitos do seu país, que non foi outro senón Galicia.

No seu discurso “Alba de Gloria”, pronunciado en Bos Aires por Castelao no Día de Galiza do ano 1948 (só case doce anos despois da desaparición de Bóveda), distinguía el entre “Hestoria” e “Tradición”, comentando ó respecto: “Afortunadamente, Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Hestoria fanada, conta cunha Tradición de valor imponderábel, que eso é o que importa para gañar o futuro”. Entre os pertencentes a esta “Tradición”, que está por enriba da “Hestoria”, está pra el sen dúbida Bóveda. Case xa ó final do seu discurso diranos el efectivamente: “No día de hoxe, eu e a maoría dos galegos que me escoitan, temos a obriga de percorrer devotamente os cimeterios de Galiza, onde repousan os derradeiros mártires, en número incontábel. A nosa imaxinación verá unha fogueira en cada cimeterio, como outros tantos clamores de xusticia. Pero no de Pontevedra verá unha labarada que chega até o ceo. Esta é a chama do esprito dun gran galego, que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertence á hestoria, senón á tradición. Este é o lume do esprito de Alexandre Bóveda, estrela e bandeira do noso porvir”.

Bóveda pertence sen dúbida a esta “Tradición”. Por ter sido el sempre un home de “esperanza”. E sen ela non hai “porvir”.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal