04:49 Martes, 21 de Agosto de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-08-2018

Se facemos un reconto de xaneiro a nadal entre cita relixiosa ou romaxe, festa gastronómica, encontro musical, folclore,...habíamos de deixar algunha atrás

Galiza en pé...de festa!

Valorar (6)

XOÁN BAUTISTA MARIÑO ABUÍN



Ata na festa Galiza é un país distinto doutros. Non fai falta nin sequera esperar ao tempo de sanxoán. Un puidera pensar no sol para marcar o ritmo das mil e unha troulas pero a verdade...non collen nos meses do verán! Se facemos un reconto de xaneiro a nadal entre cita relixiosa ou romaxe, festa gastronómica, encontro musical, folclore,...habíamos de deixar algunha atrás.

Certo é que trala orixe puramente etnográfica coma un entroido ourensán, a noite das fogueiras, cacharelas ou das 9 ondas na praia da Lanzada intervén logo dos pobos invasores coma os romanos a imparable igrexa católica apoderándose de crenzas, transformándoas ou ben cando non as puido eliminar adaptounas como a barca, a fonte, a pedra do santo reciclando o enclave dun inefable sitio de culto, monumento funerario ou castro.

Así, as festas patronais deste noroeste peninsular honran un santoral xenuíno onde de inverno a inverno as imaxes sagradas parecen rostros veciños de antano, dalgunha das aldeas que agora as homenaxean a xulgar a devoción que lle profesan tamén as parroquias lindeiras. Cada quen coa súa especificidade de danzas, ritos, protocolo,...que perduran no tempo dignas de seren todas elas Patrimonio Inmemorial Galego. Antonio de Pádua, Antonio do inverno, Roque, Bieito, Blas, Cristobo,... as innumerables e aclimatadas advocacións marianas do Carme, Milagres, Guadalupe. E nelas non faltan as rosquillas, melindres, empanadas....E velaquí a gastronomía.

Existen máis de 100 encontros -sen repetir- ao longo dun ano coas viandas que veñen de ríos, mar e terra ás que se lle engaden outras repeticións e edicións similares por sacrificadas asociacións. Nuns casos son produtos de fóra acollidos como propios décadas ou centurias atrás, noutros comidas elaboradas con receitas que só aquí teñen sentido e un intenso sabor, distinto, así nos sirvan un bo polbo á feira en Cáceres, pois non sabe igual!! A explosión de gastronofestas máis ou menos subvencionadas é a resposta dun país de fames atávicas, liberación pantagruélica por un módico prezo prato incluído?

Aumentan outras citas típicas coas recreacións históricas ou literarias. A escoller entre castrexos, romanos, medievais,...unha auténtica exposición polas catro provincias froito de estudos e perseveranza con visos de continuidade pese á escasa e obrigada investigación no eidos académicos que, por exemplo, necesita unha rica e bastísima época como o medievo galego.

E todo isto da vestimenta, liturxia, comida, non sería o mesmo se non houbera a música de alboradas, sesións vermú, foliadas, ambiente,...e que sei eu de cantos, de estilosos bailes imitando cos seus pasos a vida galega do agro ao mar sendo a muiñeira a danza-himno galego por antonomasia! Pero é aquí onde a catarse do pobo galego obrou tamén outro milagre con novas solistas, pandereteiras, grupos folk modernos e clásicos, ambiciosas cancións ao acordeón ou zanfona, gaita, frauta ou guitarra eléctrica acompañan voces de raizame que carpen con corazón e reben cultura actualizada coa incorporación, recuperación, creación e reinterpretando temas e ritmos elevados dos quinteiros ás salas de concertos coma as mostras consagradas por compositores europeos exhibidas hoxe como música clásica. Un verdadeiro volksmusik galego.

Que dicir do concorrido desembarco Viquingo de Catoira dos tempos de Faustino Rey Romero no seo do Ateneo Ullán ou do Festival do Mundo Celta de Ortigueira como chamada á reivindicación da cultura e do nacionalismo galego. Como a internacional Festa da Istoria de Ribadavia ou as modernas verbenas cos ritmos caribeños introducidos polos pioneiros de auténtico nome patrio Os Tamara. Todo forma unha Galiza que cos primeiros foguetes do día anuncia un necesitado parón no quefacer cotiá semellante ás primixenias olimpíadas.

Un fenómeno sorprendente, as verbenas galegas das incribles orquestras de aparellos eléctricos de última xeración enchendo de vatios e luz verdadeiros santuarios de modernidade. Engaiolantes escaparates para lle mostrar ao mundo que tamén nisto somos unha potencia. Cotas anuais de orgullosas aldeas fan ver sintetizadores de música, láser, coreografías que nunca vin por pobos de Castela! Bótase de menos a Música -que dicía miña a avoa- as Bandas de Música e grupos folclóricos. Pese á proliferación de escolas e conservatorios, pese á necesidade da explosión artística coa tradición e innovadoras formas non hai promoción do noso agás grupos de culto e escasas actuacións máis de cerimonias que de fomento do país. Así para dicirlle ás ousadas, traballadoras e entusiastas mozas e mozos das comisións nace o exemplo da verbena galega como un pórtico a outra forma de facer festa máis acaída para paliar esta abafante recesión cultural, demográfica e por suposto económica provocada polas clases dirixentes dos poderes empresariais afincados fóra de onde sacan os beneficios ao son de L’Opportuniste que cantaba Jacques Dutronc.

Agora e desde hai anos os espectáculos pirotécnicos xa non están na man experta da localidade, o carro de bebidas é cantina dende décadas, as leiras no canto de dar millo písanas coches, a luz ¡ai a luz! producida en Galiza insuficiente para tremendos encontros. Todo regulado. E máis aínda coa LEI 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia onde organizacións humildes súan para facerlle fronte a un rápido papelame e desembolso de cartos para unha póliza de seguros. Como facer ouvir a voz do pobo ante tales esixencias? Quen pariu o desatino de afrontar tanta responsabilidade obviando a irresponsabilidade de non apostar polo noso? Inalcanzable soño o do Patrimonio Inmaterial Galego de seguirmos así. Se fora tan sobresaliente o esforzo político polos pretendidos permisos, seguridade, control,... como o empeño en que siga desenvolvéndose Galiza, xa hai tempo que éramos independentes!



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal