08:22 Luns, 22 de Outubro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-08-2018

Esta outra Ribeira Sacra mal gobernada, de deplorábel información e sinalización, de esquezo agresivo

A outra Ribeira Sacra

Valorar (6)

LOIS DIÉGUEZ



Levaba anos sen visitar unha zona da Ribeira Sacra que sempre me entusiasmou. Da última vez que o fixera ficárame o esplendor dos montes pintados cos amarelos e morados de toxos e uces salpicados de verdes e a franxa azul brillante do río Miño e do Sil en espello onde se reflectían. Logo, as pequenas igrexas románicas de San Xoán da Cova e Santo Estevo de Chouzán, ambas trasladadas do seu lugar cando construíron o encoro dos Peares. Falo, xa que logo, da estrada que vai de Chantada a Os Peares, estreita e difícil e de obrigadas paradas para a contemplación da paisaxe. Mais agora é unha verdadeira tortura, sobre todo a parte desde a que abandona os coidados para entrar xa en verdadeiro camiño con fochancas e unha selva de obstáculos (ah, os toxos e xestas, ortigas, silveiras, cardos e fiunchos, uces... medrando na propia estrada). Hai miradoiros como o de Terra Branca que están cegados pola broza impedindo a visión ao río e ás ribeiras, o cal dá até vergoña.

Segue a tortura deica Nogueira, onde comeza outra dificultade xa clásica apenas solucionada: a de poder ver a igrexa, esas fantásticas pinturas recuperadas pero que deixaron en mans do fado: se o sufrido home das chaves pode, pois bingo, e se non, pois volta e a ver outro día. Despois a máis arriscada de conseguir chegar ás igrexas de San Xoán da Cova ou de Chouzán. Xa hai que adiviñar se a pista que colles é a que te leva, e o máis seguro é que aparezas en calquera aldea solitaria e medio esboroada, sen ter a quen preguntar. É como unha burla: andas polas paisaxes e monumentos grandes do noso país e perdes o tempo en indagar para chegar, sen poder gozar da variada beleza traballada polos nosos-as artistas.

Chegamos así a Os Peares, lugar entre ríos, provincias e municipios, afondado e pino, cunha sinalización das estradas desesperante. Sabes que podes vencer o Miño para chegar á outra ribeira, pero non ves por onde e comezas a dar voltas até preguntar, entras nun bar e dinche, con moito xesto de mans e expresións de caras, e saes suando e, efectivamente, ves unha curva cerrada antes da estación e por alí é.  Ah, había unha ponte agachada que a xente nunca podería adiviñar. Pero somos sufridos, sufridos e pacientes e dispoñemos de tempo indefinido para andar detrás das indicacións e sinais que non existen. Esa beleza da foz do Sil no Miño ou  do Cabe no Sil, as ribeiras arboradas de monumentais castiñeiros e sobreiras  xa  non terá o encanto e o goce para os viaxeiros e viaxeiras.

Pero faltaba aínda o labirinto de San Vicente de Pombeiro, obra rexa e contundente do románico. Labirinto polas dificultades que aparecen para chegar ao monumento. Nos Peares un grande letreiro anuncia a igrexa e os quilómetros a vencer e un segue. Subida brava en voltas e contravoltas eternas. Vencida a enorme encosta aparece a chaira de Vilamirón, e xa o final da estrada, Següín. Ula a igrexa de Pombeiro? Volta. Non hai a quen preguntar. Hai catro ou cinco coches perdidos tamén, que non viron o sinal nunha das voltas cerradísimas da subida desde Os Peares. Dificil é para un condutor que o vexa, atento, precisamente, ao perigo da estrada tortuosa, e se o consegue alguén que o acompañe non pode parar porque non hai sitio para iso, e se aínda así terquea no perigo, a pista que leva á igrexa poralle dúbidas. Catro coches de fóra desesperados continúan a aventura. A tarde vai vencida. Non poderán gozar do camiño que leva ás ruínas de san Xoán Degolado e ás sepulturas antropomorfas. E sentiranse esgotados despois de pasar o día detrás dos monumentos e adiviñando camiños.  Conclusión: non repetirán a viaxe. Esta outra Ribeira Sacra mal gobernada, de deplorábel información e sinalización, de esquezo agresivo, métenos na realidade e na enorme fantasía que con ela se está a reivindicar neste momento: Ben de Interese Cultural? Patrimonio Universal?

Para iso non se pode vivir no engano. Hai que facer, mellorar, darlle unha volta completa a esta Ribeira Sacra nosa, galega. Non se poden ter as adegas con planes ficticios, os camiños coas silvas, as estradas esquecidas e sen reparar e sinalar ben, as ribeiras abandonadas, os monumentos esmorecidos con accesos en moitos casos difíceis e a maior parte sen posibilidades de visitas. Se hoxe buscamos o diferente, na paisaxe, no monumental, no sabor do viño e o seu perfume, ou no xamón ou no polo, porque o coñecido e máis accesíbel cansa, por que facemos, aínda para máis inri, táboa rasa da nosa cultura diferente, a galega, do noso idioma diferente, o galego?. Obsesionados polo español e o inglés, as propias adegas, ou moita delas, esquéceno (para que todos nos entiendan, é a canción, manda nabo; así, en inglés?), e chegamos a pagar feiras e festas como a do Viño en Monforte no pasado mes de xullo, que presentaba programas exclusivamente en inglés e español (RS el sabor de un paisaje-the taste of a land), con anagramas do Gobierno de España, FEADER e XUNTA DE GALICIA.

Non existiría a Ribeira Sacra sen a cultura que cultivamos de sempre, sen o idioma que nos modelou e nos deu personalidade propia. Esquecelo, ou desprezalo, é unha ofensa ao colectivo, ao país propio, á mesma cultura. E coido imposíbel que a Ribeira Sacra chegue a ser Patrimonio Universal se con ela non leva como bandeira o que a definiu e lle deu o carácter galego que ten. Sen el e sen esa volta profunda  que afronte as pésimas condicións físicas que en demasiados casos ofrece tamén. Baixen do soño e do desexo, pois, e comecen, sen prexuízos nin estrito interese propagandístico, a ser responsábeis conscientes do que temos que defender e do que temos que mudar para vitorear os obxectivos: Concellos, Deputacións e Xunta de Galicia tan afeitos a medir o interese colectivo en función da súa pura propaganda. Dos seus complexos e abdicacións veñen estas miserias.  




[07-08-2018 00:40] Miguel R. Carnota comentou:

Rota do Românico no norte de Portugal, na zona do Porto.
Um exemplo de posta em valor dos monumentos com uma sinalização constante, que até pode resultar reiterada. Os nossos vizinhos do sul tomando a dianteira. A Galiza hispana do PP apodrece, Portugal revive.
httpp://www.rotadoromanico.com/vPT/Paginas/Homepage.aspx

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal