04:49 Martes, 21 de Agosto de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

06-08-2018

Fora de imaxinarias teorías da conspiración, o sentidiño común deixa claro que aquel monte que produce, sempre é coidado con mimo e non é doado que arda

O monte produtivo e posto en valor non se queima

Valorar (10)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS



Unha verdadeira política no rural apostaría por aproveitar a riqueza do noso territorio, grande fonte de todo tipo de recursos, que, a vez que fixaría poboación no rural dándolle ferramentas para vivir e traballar dignamente, limitaría a despoboación do territorio e a continua diminución no número de galegas e galegos. Ademais limitaría a grande traxedia de todos os anos en forma de lumes xa que as propias persoas coidarían con mimo a súa forma de vida e o seu sustento. A Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza establece unhas competencias para as entidades locais que é imposible poidan cumprir polo limitado dos seus recursos e o convenio que asinarán en breve a consellería de medio rural e os concellos representados pola Fegamp para a xestión da biomasa nas faixas secundarias non deixa de ser un parche .    

Unha das áreas máis sensibles para a prevención dos incendios é na mestura do urbano e o forestal, ou sexa, aquelas que abarcan o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados. A obriga de manter limpas as parcelas situadas nese entorno é das persoas titulares das mesmas e subsidiariamente das administracións públicas. Así no suposto do incumprimento destas obrigas por parte dos particulares compete aos concellos a comunicación da necesidade do seu cumprimento e avisar da execución subsidiaria de dita obriga pola administración local con repercusión de custos. O problema é a configuración especial do territorio que ten Galiza con innumerables terreos de distintos propietarios que na maior parte das ocasións non son coñecidos. Así, como pode un concello pequeno con moi pouco persoal e a imposibilidade de contratar máis pola taxa de reposición, engadido a uns recursos reducidos, facer unha labor de investigación pescudando de quen é a propiedade dos innumerables terreos. É unha tarefa inabordable, como poñerse a rozar os terreos asumindo os custes.

A Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza no seu artigo 7 de competencias das entidades locais establece como obrigas a de elaborar e aprobar plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, adoptar medidas de prevención, executar as obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións axeitadas e xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade. Solo a elaboración de plans pode custar uns 6.000 euros totalmente inasumibles para un concello pequeno se lle temos que engadir todo o comentado anteriormente. Coma sempre o lexislador establece competencias que non veñen acompañadas dos medios precisos para cumprilas.

Entre as tarefas que corresponden á Xunta está a de proceder á execución subsidiaria ou directa de traballos preventivos nos termos que establece a Lei. Porén, no convenio antes comentado, o partido popular fala da aportación da Xunta dunhas cantidades que en realidade xa eran dos concellos pois proveñen de subvencións que existían e desapareceron ou foron moi diminuídas, tendo estes ademais que suplementar os investimentos a costa, si se chegan a cumprir as predicións e no mellor dos casos, dos fondos adicionais do fondo de cooperación local. Deste xeito o PP traslada o cumprimento das súas obrigas competenciais derivadas da súa titularidade na Xunta aos concellos, financiando as mesmas con fondos xa destinados a estes que detrae doutros fins necesarios. A colaboración dos concellos nas tarefas é necesaria pero na medida das súas posibilidades materiais humanas e económicas.

Este convenio que ven sendo un parche, como comentabamos, ten unha vixencia de catro anos e solo atenderá a unhas zonas prioritarias. Estímase que en Galiza as faixas secundarias poden superar as 130.000 ha, Destas pode estimarse que a metade están ocupadas por terreos que incumpren a normativa en vigor, atendendo o convenio a unhas 20.000 hectáreas no mellor dos casos e solo nos concellos máis afectados polos lumes. Ademais só será de aplicación nos concellos que dispoñan do referido Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e mentres non se aprobe os concellos deben determinar as faixas obxecto de actuación. Hai que lembrar que os concellos con pouca poboación, e non necesariamente pouco extensos, non teñen técnicas ou técnicos para esas funcións ou son compartidos con outros concellos. A obriga de identificar as persoas titulares dos terreos é absolutamente imposible de afrontar por un concello destas características, a maioría no rural, e máxime dada a falta de actualización do Catastro, de titularidade do Estado. Non falemos xa da priorización para a concesión da subvención para aqueles concellos que dispoñan de brigadas municipais de extinción de lumes, brigadas radicalmente rexeitadas por moitos concellos.

A Xunta de Galiza debe asumir a totalidade do financiamento que supón o mantemento das faixas de protección, unido a unha política forestal integral e comprometida o monte galego e a súa posta en valor, e liberada dos grandes grupos de presión da industria da madeira e a súa aposta polas especies pirófitas.

Entre as medidas adoptadas polo nacionalismo na súa etapa na Xunta estaba o Banco de Terras na que os propietarios as cedían aos emprendedores con ideas para poñelas en valor. O PP non tardou en alertar á xente con falsidades como a de que vos van roubar a terra. Poñámonos por exemplo en Ourense cun horizonte moi optimista en canto a produción de viño de calidade e no que os empresarios non atopan terreos para plantar viñedos, imaxinemos que os propietarios dos terreos os ceden para esas tarefas aforrándose os custes que lles ocasiona ter que rozar os mesmos sen que lles aporte valor algún. Por outra banda aqueles terreos de propietarios descoñecidos acumularán multas por non ser rozados e pronto chegarán a un importe superior ao valor catastral do mesmo polo que a administración poderá expropialos cedéndoos a emprendedores que os exploten con algunha das moitas opcións que da o rural. Todo isto, claro, ten que ser xestionado e coordenado pola Xunta, cunha política común para todo o territorio e lexislando de xeito lóxico e coherente para que todo isto se leve a cabo.

Concluíndo, un rural posto en valor, recuperando poboación, acompañado dunha verdadeira política de prevención, reducirá moi notablemente os lumes en Galiza, evitando os danos irreparables que estes producen ao tempo que se aforrarán cartos que tan necesarios son para outros servizos que a poboación precisa.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal