04:49 Martes, 21 de Agosto de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-08-2018

Os pensionistas emigrantes retornados de Suíza seguirán excluídos da asistencia sanitaria porque para este Goberno, como para o anterior do PP, gozarán da mesma consideración que os pensionistas de nacionalidade suiza

Pensionistas retornados de Suíza seguirán sen asistencia sanitaria

Valorar (7)

EDUARDO ÁLVAREZ



Hai dous anos escribín nesta revista dixital sobre o trato que lles depara o INSS aos emigrantes retornados que cobran pensión exclusivamente polo sistema suízo ao excluílos da asistencia sanitaria. Desde aquela, veño realizando o seguimento de oito desas persoas afectadas e mesmo para unha delas actuei desde o Colectivo de xubilados/as da CIG como asesor xurídico e representante perante a xurisdición social. No pasado mes de xuño conseguimos a sentenza que condena o INSS a recoñecerlle o dereito que lle denegara. Nestes momentos estamos reclamando por vía administrativa a devolución das cotas mensuais que esta persoa realizou á Tesourería Xeral da Seguridade Social desde que se xubilou polo sistema suízo debido a que se viu na necesidade de subscribir un convenio especial de atención sanitaria en España.

Dos oito casos coñecidos e analizados, seis son mulleres que solicitan o dereito á asistencia sanitaria en calidade de beneficiarias, aínda que unha delas tamén o demandase como titular por considerar que reúne os requisitos por esta modalidade. Trátase, por tanto, dunha manifestación máis da discriminación indirecta practicada sobre a muller, que, unha vez retornada da emigración con idade non propicia para o xa deficiente mercado laboral, se encontra abocada ao desemprego ou á percepción de subsidios derivados da súa condición de retornadas ou de maiores de 52 anos.

Outro dato que se constata consiste na comprobación de que as pensións mensuais suízas que perciben oscilan entre os 42,03 euros da inferior, e os 881,83 euros da máis elevada. Isto é, nun caso a prima mensual de 87,34 euros que se satisfai coa subscrición do convenio español que permite a asistencia sanitaria representa o 208,18 por cento da pensión que se ingresa e no outro, o 9,92 por cento. En ningún dos casos, estas cantidades se aproximan á dupla do IPREM (12.908,06 euros) en cómputo anual.

Os pensionistas retornados de Suíza que perciben agora retribucións do sistema da Seguridade social dese Estado son aqueles emigrantes que nas décadas dos sesenta, setenta e oitenta do pasado século contribuíron coas súas remesas periódicas ao despegue económico do país que se viron na necesidade de abandonar. Algúns deles completaron fóra unha longa vida laboral e na actualidade reciben do sistema suízo pensións que lles permiten vivir dignamente unha vez retornados. Outros mantiveron na emigración un período laboral breve e a pensión suíza que cobran é, por iso, baixa, mais, como ou ben xa cotizaran ao sistema español antes de emigraren ou o fixeron despois do retorno, manteñen o dereito á asistencia sanitaria por seren pensionistas do sistema español. ¿Quen son, xa que logo, os retornados excluídos polo INSS deste dereito? Encontrámonos con dous tipos. Ao primeiro pertencen aqueles que desenvolveron unha longa actividade laboral en Suíza sen ter cotizado en España e aos que a prima mensual de 87,34 que ingresan no INSS non lles supón maior quebranto económico. No segundo tipo encóntranse fundamentalmente mulleres emigrantes que, cunha vida laboral breve en Suíza por mor da maternidade ou doutros coidados familiares, non realizaron traballos polos que cotizaron á Seguridade Social española. Isto é, a súa breve estadía no estranxeiro xeroulles pensións tan exiguas, como comprobamos nos casos analizados, que, ás veces, o seu montante mensual non acada nin para satisfacer a prima que se ven obrigadas a pagar para teren dereito á asistencia sanitaria.

Todos os pensionistas do Sistema da Seguridade Social española, todos os pensionistas pertencentes a calquera dos Estados da Unión Europea (UE) e do Espazo Económico Europeo (EEE) e todos os pensionistas de países cos que existen convenios bilaterais que cubran a asistencia sanitaria que residan en España teñen dereito a esta prestación a cargo do sistema de saúde público agás os emigrantes retornados de nacionalidade española que, procedentes de Suíza, cobren unicamente pensión por este Estado. E isto, afirma o INSS, independentemente da retribución que perciban. Durante a súa vida laboral, despois de viviren desterrados das súas familias e do seu medio xerando aforros que contribuíron ao noso desenvolvemento económico, cando regresan estas persoas son castigadas coa privación do dereito á asistencia sanitaria.

¿E como xustifica esta actitude o INSS? Está claro que esta medida conculca gravemente o dereito á protección da saúde proclamado no artigo 43 da CE directamente vinculado co fundamental á vida do artigo 15. E todo en aras da redución do déficit público. ¿Que política social pode xustificar que a pensionistas que perciben mensualmente 42, 82, 122, 130, 218, 345, 530,  ou mesmo 881 euros, como lles sucede aos aquí referidos, o INSS lles ofreza como opcións, se queren gozar da asistencia sanitaria, afiliárense a un dos seguros privados suízos pagando un mínimo de 400 euros ao mes ou subscribiren o convenio especial do Sistema de Seguridade Social española, que ascende a 87,34 euros? O sedicente Estado protector non lles dá outra alternativa, aínda máis, desde o día 5 de agosto de 2012, data en que entrou en vigor o funesto Real Decreto 1192/2012, ficou derrogado o Real Decreto 1088/1989, de 8 de setembro, polo que se estende a cobertura da asistencia sanitaria da Seguridade Social ás persoas sen recursos económicos suficientes, que lles permitiría a asistencia sanitaria, segundo dispoñía o seu artigo 1 a todos os excluídos aquí presentados agás un por obteren rendas inferiores en cómputo anual ao SMI.

Fronte a esta inxusta situación, o INSS reiteradamente fixo oídos xordos tamén ás recomendacións da Defensora del Pueblo, quen en dúas ocasións (09/07/2014 e 19/10/2015) instou a Entidade Xestora a restabelecer o dereito á asistencia sanitaria con cargo ao Sistema Nacional de Saúde a todos os perceptores de pensión da Seguridade Social suíza, residentes en España, aos que se lles comunicou a perda da súa condición de beneficiario ao resultarlles de aplicación o artigo 3 do Real Decreto 1192/2012.

Obstinadamente, o INSS prosegue excluíndo da asistencia sanitaria os emigrantes retornados desde o momento en que comezan a cobrar a pensión de xubilación a cargo do sistema suízo. Tan só aqueles que deciden recorrer esta resolución a través da vía xudicial conseguen recuperar o dereito do que foron desposuídos. ¿Cantos da totalidade dos retornados se encontran hoxe en día privados da atención sanitaria? Descoñecémolo, mais supoñemos que os poucos casos dos que somos sabedores constitúen a punta do iceberg dunha grave situación que debera ser remediada urxentemente. Este novo Goberno, no consello de ministros do pasado día 27, aprobou o Real Decreto lei 7/2018, coa que se di restaurar a asistencia sanitaria universal ao proclamar que son titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria todas as persoas con nacionalidade española e as persoas estranxeiras que teñan establecida a súa residencia no territorio español. Mais, no parágrafo seguinte indícase que, sen prexuízo do anterior, as persoas con dereito á asistencia sanitaria en España en aplicación dos regulamentos comunitarios de coordinación de sistemas de Seguridade Social ou dos convenios bilaterais que comprendan a prestación de asistencia sanitaria, terán acceso á mesma, sempre que residan en territorio español ou durante os seus desprazamentos temporais a España, na forma, extensión e condicións establecidos nas disposicións comunitarias ou bilaterais indicadas. Isto é, os pensionistas emigrantes retornados de Suíza seguirán excluídos da asistencia sanitaria porque para este Goberno, como para o anterior do PP, gozan da mesma consideración que os pensionistas de nacionalidade suíza que viven en España.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal