22:36 Luns, 22 de Abril de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-08-2018

Vivimos sen vivir en nós porque nos adestraron na admiración a todo o que vén de fóra, a canto nos centrifuga, na pretensión de sermos outras e outros

Tan fermosa e maltratada

Valorar (14)

MARICA CAMPO



Non me chamen chauvinista se digo que moramos nun dos máis fermosos lugares do mundo. Cada percorrido que fago polo noso país, Galiza, afírmame na idea. En calquera recuncho, por afastado que estea das rotas máis sonadas, pode aparecer a sorpresa en feitura de beleza natural ou de monumento esquecido.

Non é infrecuente que á ledicia de constatar, máis unha vez, a riqueza do noso patrimonio, teñamos que descontarlle a desilusión perante o maltrato e ignorancia, mesmo por parte dos que deberían ser os seus custodios. Son, seguramente, vestixios doutra época menos concienciada. Porén, semella posíbel, en moitos casos, atallar a desfeita.

Sirva como exemplo o caso da igrexa gótica de Santa María da Atalaia  en Laxe (século XV). Chamoume a atención que, xusto arrimado á tapia do adro, alguén levantara o que semella, e polo visto é, un garaxe de bloques con teito de uralita. Un verdadeiro disparate a perturbar a pedra que nos conta historias desde a súa imaxinaría. A apostila de atalaia non se debe exclusivamente á elevación que lle permite albiscar lonxe. É que foi, asemade, unha fortaleza defensiva contra os ataques corsarios, moi frecuentes nestas terras. Mesmo se fundiron campás para facer canóns, deixando só dúas no canto das cinco que posuía o templo.

Así e todo, o garaxe é moito máis que un garaxe. Teríame limitado a falar do desleixo de a quen corresponde mirar polo patrimonio, se un veciño da vila non me relatase a vella historia do naufraxio da fragata Adelaide.

Era o 19 de decembro do ano 1850 cando este barco naufragou en Laxe. Seica había moitas dificultades para navegar a causa do temporal e desprazáronse os candís de aceite con que se iluminaba a vila á zona alta da praia para facilitarlles a manobra de achegamento aos barcos. Isto foi a desgraza da fragata inglesa, á que levaron a confusión até se desfacer na area.

Despois naceu a lenda. Non sería un naufraxio, senón unha trampa urdida polo propio goberno inglés para roubar a valiosa carga do barco (armas e moedas de ouro) que se dirixía aos destacamentos militares das Antillas.

Soamente sobreviviría o capitán, William Dovell, quen perdería o fillo e a muller no naufraxio e ficaría na localidade para investigar cal fora o contacto de Laxe con Inglaterra.

En todo caso, o que non ofrece tantas dúbidas, é a historia do garaxe. O crego daquel momento non admitiu no cemiterio aos infortunados por non seren católicos. A familia do capitán foi soterrada na finca adxacente por cesión dunha veciña. Disque o caseto foi construído para preservala  dos curiosos que colaboraban no deterioro do enterramento.

E segue a lenda: O Capitán Dovell acode en espírito cada ano á Costa da Morte para velar pola memoria dos seus.  Aquí a imaxinación non difire moito da que trae cada dezaseis de xaneiro a Lady Hester, a amante de Sir John Moore, o heroe da batalla de Elviña soterrado no xardín de San Carlos na Coruña, a depositar unha papoula na súa tumba. Rosalía de Castro, como é ben sabido, dedicoulle un fermoso poema.

Non lonxe, próximo a Muxía, o Mosteiro de Moraime é outra mostra do abandono do noso patrimonio artístico, só comparábel ao trato que se lle dá á lingua.

É preciso erguerse moi optimista para non sentir, diante destas cousas, que somos un pobo suicida. Matamos a galiña dos ovos de ouro e poñemos, no seu lugar, esas horrorosas figuras de plástico ou escaiola que se ven en certos xardíns. Non nos queremos. Non nos reivindicamos. Vivimos sen vivir en nós e non no senso en que o dicía a santa de Ávila. Vivimos sen vivir en nós porque nos adestraron na admiración a todo o que vén de fóra, a canto nos centrifuga, na pretensión de sermos outras e outros.

Coñecerán o país os que se empeñan en concentrar no Camiño de Santiago toda a política cultural de Galiza? Outra é posíbel e alguén  terá que soñala antes de que deixemos esboroar todo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña