21:17 Mércores, 20 de Marzo de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

30-07-2018

Galiza Nova é xente moza que se opón á tendencia homoxeneizadora e individualista que o sistema nos impón cada vez máis

A verdadeira forza do Festigal

Valorar (12)

NAVIA RIVAS DE CASTRO



Galiza Nova vén de cumprir 30 anos de historia. Non é pouco. Non son moitas as organizacións xuvenís que chegan tan lonxe no tempo.

Fixémolo, ademais, despois da II Semana da Patria, despois de realizar máis de 60 actos por todo o País, en tódalas comarcas, reivindicando os nosos principios e os nosos símbolos, mostrando que temos un proxecto distinto para Galiza e non pensamos deixala ó abandono coma outros. Que queremos darlle vida e para iso queremos capacidade de decisión para construírmos o noso futuro.

Non temos máis que motivos pra estarmos orgullosas. Polos 30 anos de historia e polo que somos hoxe, porque todo isto só foi posible co traballo incansable das mozas e mozos que comparten o obxectivo de transformar Galiza e convertela nun país no que a xente nova poidamos vivir dignamente.

E se pensamos no que representa o Festigal como celebración do que somos e do que defendemos, temos que pensar tamén que se nutre do noso traballo. É, en esencia, unha festa que se constrúe desde a base. Con traballo militante, nomeadamente de Galiza Nova, con esforzo, xenerosidade e disposición das nosas compañeiras e simpatizantes.

Nútrese do noso traballo porque non sería posible sen a nosa entrega e compromiso. É horas de traballo e dedicación, desde a montaxe e decoración a poñer copas, pasando pola venda de material e mil cousas máis, unhas máis visibles, outras menos. Pero todas elas imprescindibles.

Por iso, este festival, sendo un festival, é moito máis, é mostra do que podemos facer cando pensamos no colectivo. É o orgullo de construírmos unha festa que non ten equivalente no contexto do Estado Español e moi poucos no resto do mundo.

Galiza Nova é xente moza que se opón á tendencia homoxeneizadora e individualista que o sistema nos impón cada vez máis. Decidimos organizarnos e dedicar os mellores anos das nosas vidas a un propósito máis alto. Construímos no colectivo, partillamos acertos e erros, apostas, traballo.

Non é pouco, pero o máis importante aínda está por facer.

Sabemos que temos que sumar máis xente, acumular forzas, construír máis organización, dar a batalla día a día para conseguirmos unha Patria liberada e sen explotación de ningún tipo. Unha Patria onde podermos vivir libres. Unha Patria onde expresármonos sexa motivo de celebración e non censura, unha Patria onde sermos mulleres ou LGTB non supoña sermos menos, unha Patria onde non nos rouben as nosas materias primas nin nos esnaquicen o medio, unha Patria cun ensino galego de calidade e á altura do noso pobo, onde teñamos traballo digno e non maletas para emigrar... unha Patria libre e soberana, capaz de decidir o seu futuro e prosperar. Unha Patria de todas.

É verdade, 30 anos de loitas acumuladas deron para moito. Os próximos 30 darán para máis. As nosas mans, todas xuntas, poden cambiar o eixo do planeta. Nesta celebración do Día da Patria traballamos moito, pero tamén collemos folgos porque temos unha loita inmensa por diante, que co esforzo e axuda de todas e todos levará este País onde merece. Para iso estamos aquí.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña