07:59 Mércores, 11 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-07-2018

Debemos aspirar a crear unha sociedade alternativa mediante procesos realmente revolucionarios, artellando no día a día os alicerces nos cales fincar os pés

Mudalo todo ou parchear?

Valorar (9)

PAULO RIOS SANTOMÉ



Co gallo do xa pasado Día da Patria cabe pararse un bocado e facerse un par de preguntas: Existe o povo galego? Existe Galiza como país?. Nun contexto de regresión brutal dos nosos dereitos democráticos e sociais pode parecer que estas dúas preguntas non teñen razón de ser, ou que son totalmente secundarias á hora de tentar reverter a nosa situación e loitar por mellorar a calidade de vida material da nosa clase. Nada máis lonxe da realidade.

Se nos paramos a analizar a realidade específica de Galiza utilizando as ferramentas do materialismo, salta á vista en todos os eidos a caracterísitca de colonia que padece, máis concretamente a situación de ser unha colonia interior dentro dun estado unitario e centralista, como pretende ser o Estado Español.

Unha colonia defínese como un territorio sometido aos intereses doutro territorio maior, é dicir, a metrópole, que exerce unha apropiación de recursos, unha dominación no plano político-administrativo e unha imposición cultural e lingüística sobre o territorio asoballado, co fin de esnaquizar e ocultar os seus feitos diferenciais e identitarios.

A aproiación de recursos, que ás veces resumimos na na consigna “Galiza produce ,Madrid consume” é demostrábel con datos e palpábel na realidade diaria do noso povo. Exemplo disto é a destrución do noso entorno, do noso medio ambiente e o empeoramento das condicións de vida e saúde da xente. Todo isto co gallo de producir enerxía eléctrica, enerxía que se furta da nosa terra e pola que despois temos que pagar un prezo totalemente abusivo en vez de termos unha estrutura de produción de enerxía sustentable da que o noso povo tamén poida tirar algún tipo de beneficio.

Somos unha nación politicamente dependente onde os partidos maioritarios dentro do noso país actúan como correas de transmisión do poder metropolitano. É por isto que as tan claras relacións de dominación que padecemos parecen invisíbeis ao quedaren sepultadas nunha morea de propaganda, na desinformación ou simplemente na exclusión dos problemas de Galiza dentro do seu propio territorio. Esta dominación no eido político maniféstase tamén na imposición cultural e lingüística que levamos padecendo centos de anos, cuns esforzos españolizadores brutais dentro da nosa sociedade e coa imposición progresiva do autoodio entre a poboación.

Pensar nunha liberación social mantendo as mesmas relacións coloniais e de dominación é totalmente inasumible para a clase traballadora de nacións sen estado como Galiza. Non podemos cair nos enganos de forzas que se din de esquerdas, que invocando unha suposta unidade popular, pretenden que reneguemos da cuestión nacional no noso discurso e da nosa práctica política diaria.

A nosa loita é a de reverter o estado no cal están as nosas clases populares, en termos de condicións de vida e de alienación. Para nós a análise tirada por espazos supostamente amplos e de esquerda rupturista non son acertados nin válidos, xa que se nutren das situacións creadas polo sistema e tentan artellar dende a alienación, traballando en mudar cuestións superficiais -no mellor dos casos- sen atender as cuestións de fondo. Por sorte ou por desgraza sen uns bos alicerces, tarde ou cedo todo acaba víndose abaixo.

Debemos aspirar a crear unha sociedade alternativa mediante procesos realmente revolucionarios, artellando no día a día os alicerces nos cales fincar os pés.

O discurso sinxelo da indignación e do descontento sen ningún tipo de fondo dá resultados. Dá resultados xa que vai a prol do sistema, xa que este pode absorber e minimizar o impacto destes movementos. A táctica empregada no Estado Español e na Galiza polas forzas mal chamadas rupturistas, é a de facer co poder institucional seguindo esta receta. As miñas dúbidas son se isto deixou vai tempo de ser táctica e se pasou a ser estratexia, copar cotas de poder inocuo para o sistema para que este poida seguir desenvolvendo as súas prácticas sen que realmente mude nada. Esta práctica política é e sempre será un parche para as necesidades da clase traballadora.

Debemos crer no noso país, debemos construir en chave de clase e nación. O uso capcioso da palabra “nacionalismo” referida ao fascismo europeo non debe cegarnos á hora de defender o que é para nós ese termo, a liberación nacional e a soberanía popular que precisamos para acadar unha ruptura democrática real e para rachar dunha vez o rexime do 78 que afoga aos povos exitentes dentro do Estado Imperialista Español.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña