15:26 Mércores, 08 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-07-2018

A ideoloxía imperialista ten claro que para manter o seu dominio é preciso eliminar os sinais de identidade da nación oprimida

Dia da Patria Galega e monte veciñal

Valorar (5)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ



No Día da Patria Galega, como a que vimos de celebrar onte, reivindicase que Galiza, como nación que é, ten dereito a súa soberanía nacional. Mais a soberanía nacional non é un termo abstracto. Ten consecuencias practicas para as clases populares galegas e para os diversos sectores da sociedade galega. Mal que lle pese aos novos apóstolos da nova esquerda española(e aos seus compartes galegos), falar de soberanía nacional e tamén falar, como gusta dicir a eles, das cousas de comer. Soberanía nacional e soberanía social son termos interdependentes. Non se poden secuenciar.

A ideoloxía imperialista ten claro que para manter o seu dominio é preciso eliminar os sinais de identidade da nación oprimida. Os galegos e as galegas temos varios sinais de identidade. Entre estes están os montes veciñais en man común. Esa outra forma de posuír que temos. Esa titularidade que non é nin pública nin privada senón veciñal, comunitaria. Esta titularidade que existe na nosa nación dende o século V, coa chegada dos pobos xermánicos, nomeadamente os suevos a Gallaecia ocupada polo imperio romano.

Dende o século XIX, a ideoloxía dominante española esta tentando privatizar ou municipalizar esta titularidade singular, distinta. Nestes momentos a traveso da primeira revisión do plano forestal de Galiza estase dando unha nova volta de porca contra os montes veciñais. Mediante unha verdadeira enxeñería lexislativa .que mesmo roza na ilegalidade, está primeira revisión do plano forestal de Galiza expón claramente a eliminación de estas terras comunitarias, privatizando unhas e municipalizando as outras. E nesta vaga non só está o Partido Popular. Está todo o loby madereiro e forestalista e non lle fai ascos o PSOE.

Como ben dixo o historiador Xesús Balboa no discurso de clausura do VI Congreso Galego de comunidades de montes (Rianxo-Maio do 2018), atopámonos na quinta vaga de agresións históricas cara os montes veciñais en man común. A primeira hai que situala no ano 1812 cando o ordenamento xurídico español deixa fora a titularidade veciñal. A segunda acontece no ano 1855 coa promulgación das leis desamortizadoras que puxo a venda os montes veciñais en man común. A terceira dáse no ano 1873 cando as lexislacións facilitaban a inxerencia da administración forestal española nos montes veciñais que para eles eran considerados montes públicos. A cuarta tivo lugar a partir do ano 1941 cando o franquismo usurpou os montes veciñais en man común en favor dos concellos e das deputacións.

Nestes intres estamos na quinta vaga de agresión cara aos montes veciñais en man común. Vaga que consiste en privatizar e municipalizar estas terras comunitarias dende os principios do neoliberalismo e comandada por dirixentes políticos autonómicos. Se cadra, esta é a gran diferenza das cinco vagas de agresión cara aos montes veciñais en man común. Estas non proveñen de lexislacións elaboradas fóra de Galiza. Proveñen de lexislacións elaboradas polo Partido Popular de Galiza que entende que a nosa nación e un departamento de Madrid.

Neste momento histórico no que os montes veciñais en man común están nun eminente perigo de desaparición, a Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común (ORGACCMM) entende que hai que situar no primeiro plano da loita o recoñecemento dos montes veciñais en man común como unha titularidade distinta das titularidades públicas e privadas. E isto só será posíbel cando Galiza teña plena capacidade de decidir. Teña soberanía nacional.

Mais a soberanía de Galiza, no que fai respecto os montes veciñais en man común, non só ten aplicación nos principios filosóficos. Tena tamén na posta en valor de estas terras comunitarias. Só cando Galiza teña a plena capacidade de decidir será posíbel a elaboración dunha fiscalidade axustada á figura e ás funcións dos montes veciñais en man común. Mentres as comunidades de montes estean suxeitas ao Imposto sobre sociedades (imposto uniforme en todo o Estado Español), a posta en valor de estas terras comunitarias estará enfocada para cubrir as necesidades do loby forestalista e madeireiro. Só será posíbel que a posta en valor dos montes veciñais se faga para o servizo da veciñanza comuneira e das maiorías socias da nosa nación cando a fiscalidade á que estean suxeitas se elabore dende Galiza.

Non se pode negar que estamos diante de unha situación crítica. Mais non desesperada. Hai futuro. A historia dos montes veciñais en man común e unha historia de resistencia dos titulares dos mesmos a perdelos. E esta resistencia saíu vitoriosa. E no século XXI non ten porque pasar o contrario. Os montes veciñais teñen futuro. Porque o seu futuro depende da acción da veciñanza comuneira e das maiorías sociais da nosa nación. Se cadra esta reflexión un día despois da celebración do dia da patria galega ten o seu aquel.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña