10:03 Xoves, 13 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-07-2018

O cambio consiste en darlle a volta á moeda cando unha das caras está gastada

Medo ao cambio

Valorar (9)

XOSÉ MANUEL BAÑOS GARCÍA


Foi chegar Pedro Sánchez á Moncloa, logo de presentar a moción de censura a Rajoy, e a política estatal semella unha balsa de aceite. Os casos de corrupción que salpican ao PSOE en Valencia, onde detiveron nada máis e nada menos que o presidente da deputación desta provincia, son casos sen importancia que se liquidan en dous ou tres titulares e a duras penas chegan a Trending Topic. Os orzamentos estatais do PP, que antes ían recortar os servizos públicos até o imposíbel, hoxe son necesarios, son un mal menor e garantes da estabilidade social e económica. E onde antes a xente vía un presidente torpe, protagonista de moitos vídeos do Whatsapp, hoxe o inquilino da Moncloa é tan perfecto que semella saído dun anuncio publicitario. Isto é ao que se reduce o cambio político no Estado español. Darlle a volta á moeda cando unha das caras xa non reloce como cando sae da fábrica.

Non agardedes outra cousa. Isto é o cambio. A sociedade española non dá para máis a pesar da indignación amosada en múltiples ocasións, mesmo desde opcións políticas pretendidadamente rupturistas debidamente preociñadas e publicitadas desde as máis altas esferas do poder. Eran a válvula de escape do sistema. Unha vez que a presión social está a uns niveis aceptábeis todo volve ao rego, ao bipartidismo, á alternancia que tan bos resultados lle deu ao Réxime do 78 para que todo siga atado e ben atado.

A xente non quere un cambio, confórmase cun simple recambio, con mudar as pezas gastadas por outras máis lustrosas que encaixen no sistema, e que garantan por un tempo indeterminado a estabilidade do sistema, con tal de non alterar a zona de confort de cada quen.

Sen embargo, só é necesario que se albisque no horizonte unha opción de cambio real como foi o Proces de Catalunya, que de saír adiante removería as estruturas do Estado, para, no mellor dos casos, reflectir indiferenza e preocupación que só se manifesta en petit comité. No peor dos casos, xa se sabe, “a por ellos!” e a aplaudir sen disimulo o encarceramento de políticos cataláns, cuxo único delito cometido foi o de poñer unhas urnas para que o pobo decidira o seu futuro. Que atrevemento!

O cambio non é ir recoller migrantes ao Mediterráneo mentres outros agardan quenda colgados das vallas de Ceuta e Melilla, senón cambiar as regras de xogo a nivel económico e político que xeren riqueza nos pobos empobrecidos para que a súa xente non teña que emigrar. Mais este cambio político e económico, por obvio que sexa, non só require mudar as estruturas de poder, senón mudar as estruturas económicas globais para facer un mundo máis xusto e equitativo para o 99%. Mais este cambio revolucionario requiriría alterar a zona de confort de miles, millóns de persoas para que outras persoas poidan vivir dignamente. E, queremos? Obviamente non; no fondo o que queremos é estabilidade. E é por iso que a maior parte da poboación no momento de votar escolle entre as forzas políticas que garanten estabilidade social, política e económica. A xente non está para facer a revolución, iso é cousas duns poucos.



[23-07-2018 21:01] salgado comentou:

Que gran verdades dis

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal