04:50 Martes, 21 de Agosto de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-07-2018

A investigación no Brasil chámase Lava Jato (Autolavado) e, por extensión, en países como Perú adoptou o mesmo nome

Lava Jato abreviado

Valorar (4)

XURXO MARTIZ CRESPO



Marco Ruffo, policía brasileiro de Curitiba, perseguidor incansábel de políticos corruptos, é destituído polos seus métodos pouco ortodoxos. Cunha paupérrima pensión de discapacitado, chama un fontaneiro municipal para amañar unha tubaxe e sen decatarse preme o «botón máxico» dos amaños: «para agora, para dentro dun pouco ou para dentro de nunca» que depende da cantidade de cartos que estea disposto a pagar por un servizo municipal gratuíto .

Na serie brasileira O mecanismo, baseada no principal feito de corrupción da última década en Latinoamérica, que é a compra sistemática, por parte da construtora brasileira Odebrecht, de canto político latinoamericano, deputado, ministro ou presidente,  estivese disposto a «amañar» un concurso público para Odebrecht a cambio dunha respectábel cantidade de millóns de dólares estadounidenses. A investigación no Brasil chámase Lava Jato (Autolavado) e, por extensión, en países como Perú adoptou o mesmo nome.

En Curitiba, cidade afastada do poder político no Brasil, comezou a pescuda. Alí cumpre na cadea a súa pena Lula e nun búnker da Policía de Curitiba está o sistema de encriptación Mywebday, incautado pola Fiscalía suíza en 2015 á empresa de almacenamento Safe Host, da que a construtora Odebrecht era cliente. Á Mywebday,   que utilizou a construtora para agochar os subornos e ter una contabilidade B,  só teñen acceso oito policías que traballan para descifrar os 1’912,667 arquivos encriptados.  


O chamado Departamento de Operacións Estruturadas de Odebrecht utilizou MyWebDay para facer requirimentos de pagamentos, procesar pagamentos e xerar follas de cálculo que trazaban e facían a contabilidade interna do orzamento na sombra. Aquí incluíanse os nomes das obras públicas polas que se pagaba suborno. Este sistema de encriptado foi substituído máis tarde polo Drousys polo que, unha vez rematado o traballo co primeiro, deberán pescudar no segundo.

A situación creada pola construtora, unha verdade que todos «coñecían» ou daban por certa nalgúns estamentos do poder, mancha gravemente a lexitimidade ética dalgúns presidentes «liberais» e de «confianza» como, Fujimori, Toledo, Humala,  Kuczynski ou Lula, e determina a súa destitución, imputación ou condena penal.

Máis recentemente, un caso de corrupción igual ou máis grave sinalou o rei español, unha das principais fortunas de Europa. Mentres peruanos e brasileiros sofren cadea ou destitucións á espera de xuízo, o rei español e a súa familia marchan de regata.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal