10:05 Xoves, 13 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-07-2018

Bicentenario de Marx (II)

Para ler “O Capital”

Valorar (7)

XOÁN CARLOS GARRIDO COUCEIRO



Cantos benintencionados resumes, comentarios, comics, etc... para difundir esta obra. Mais, até que punto os introdutores deste tratado que quixeron alixeirar ou aforrar o esforzo dos interesados están a persuadir de pousar os ollos no “Capital” ou mesmo a substituír a súa lectura?

O marxismo clásico adoita apelar a súa autoridade para anatamizar aos heterodoxos ou para xustificar as súas heterodoxias nas prevencións do prólogo de Engels cara un mal uso dogmático. Mais, que mal nos pode pasar se o lemos directamente? Que perdamos o tempo? Se simplemente nos fai dubidar das interpretacións que viñamos manexando xa pagaría a pena.

Un concelleiro do PSOE de Terra de Montes pedía a un investigador da represión franquista que lle fixera un resume do seu libro para poder usalo na súa apresurada conversión ao memorialismo que quería rendibilizar no seu beneficio. Resulta que este libro ademais do seu rigor científico tiña o valor de ser da autoría dun dos mais intensos e inxeñosos prosistas que ten a nosa literatura. O problema é que un simple reconto de mortos non suple a narrativa do terror que se meteu nos ósos e só un brillante cizelador de palabras pode ser quen de expresar o acontecido para ser fielmente entendido.

De terror tamén nos fala Marx, concretamente da “House of Terror” na que o capital pretendía converter a todo o planeta e que se aínda non o conseguíu foi polas súas propias contradicións e pola resistencia das súas vítimas. Efectivamente, a “Casa do Terror” de que nos fala, coa que soñaban os defensores de que a xornada laboral se ampliara infinitamente e que os salarios se reduzan até a gratuidade do escravismo era un soño que se logrou frustrar nas súas máximas aspiracións. Mais non pola beneficiencia dos poderosos, foi “froito de longas e traballosas loitas de clases” tal como el nos di. Quizais este podería ser o resume co que poderíamos despachar este texto se o devandito concelleiro precisara da nosa colaboración, si se dese o caso que o seu partido acordara definirse como Marxista, tal como así foi durante máis de 100 anos até que chegou Felipe González e mandou a parar. Aínda que con chamarse marxista tampouco parece que resolvéramos a cuestión tendo en conta o tan diverxente comportamente de quen así se difiniu históricamente. 

Mais, que importancia pode ter un rótulo? Até que punto o feito de que oportunistamente todo o mundo intelectual se definira como Marxista durante un tempo, do mesmo xeito que pola mesma oportunista razón agora ninguén se defina como tal vai mudar a vixencia ou non da lectura desta obra. Seguramente nin os marxistas daquela nin os non marxistas de agora leron “O Capital” e, xa que logo, o que diga este libro é irrelevante para a súa definición como tal. Non coñezo ninguén que cite un parrafo desta obra para amosar a súa discrepancia e afastamento da etiqueta. Esta denominación parece ter máis que ver coa pertinencia ou conveniencia para determinadas pretensións prácticas.

O problema complícase se tal como aquí sostemos o relevante desta obra non é só o que di, senón por como o di. Non abonda con coñecer a letra, hai que escoitar a música para entender o que nos quere dicir. E esta melodía é imposíbel de recensionar, hai que oíla con atención. Recorrer unha tras outra cada unha das historias dos casos de explotación que ocupan un espazo moi amplo na obra. Cada un deles desmonta a caratitativa e paternalista imaxe que se nos foi inxectando a respecto dos patronos e a súa relación cos máis febles. Sexa coa infancia, coas mulleres ou cos pobres en xeral que tanto din protexer. Unha imaxe de xenerosidade compasiva que se foi incurstando baixo a pel a forza de bombardearnos na nosa urdime afectiva. Por iso compre ler páxina por páxina, nome por nome, cada caso que refuta esa visión para desintoxicarse. Non abonda con que alguén berre unha consigna, esta xenreira contra a explotación hai que sentila. E supoño que Marx tiña isto claro a nivel teórico, senón porque dedicaría tanta tinta en narrar estes feitos. Porque a teoría ten consecuencias prácticas. Para o marxismo interpretar a realidade repercute na súa transformación. É este o sentido da tese XI sobre Feuerbach e non, como alegremente algúns entende, o abandono da filosofía, da teoría, da análise da realidade.

Mais porque temos que aínda definirnos como marxistas? Certo que o propio Marx tivo que aclarar que el non era marxista. Porque como insistían unha e outra vez el e Engels, o importante é o método, isto é, o fundamental é pensar a realidade e non dimitir deste labor coa excusa que xa alguén o fixo por nós, sexa Karl Marx, sexa outro. Claro que é unha contradición definirse como Marxista, mais non queda outra cando facer o contrario significa renunciar a pensar o mundo contemporáneo e mesmo facer apoloxía da imposibilidade de pensalo. Lembremos o grande relato do fin dos grandes relatos como excusa para abdicar de aspirar á totalidade.

Engels conta como Marx 30 anos despois de facer a súa crítica ao pensamento Hegeliano, e cando xa estaba centrado no estudo dos economistas clásicos ingleses, tivo que volver sobre os seus pasos para reivindicarse hegeliano (de esquerda, pero hegeliano) diante de quen propagaba que xa se podía prescindir del porque fora “superado”. O problema era que isto de “superar” sen criticar ao autor da “Fenomenoloxía do Espíro” implicaba pasar á súa beira de corrido coa excusa de non demorarse na súa análise coa pretensión de chegar máis lonxe e máis rápido, e ao fin quen isto facía retrocedían a etapas moi anteriores que o propio Hegel tiña brillantemente refutado, véxase o caso do Kantismo.

Pero quizais a pronunciar a palabra "etapas" dou pé a engordar a confusión. Outro dos termos vulgarizados do marxismo que deron azos a moitos antimarxistas que nunca leron a este autor. O que solprende da lectura do Capital é como vai adiante e atrás, segundo os territorios e o resultado das loitas, acompañando a historia que continuamente nos semella unha espiral máis que un progreso liñal co que adoita a identificárselle.

Non é tan obvio que presente o capitalismo como unha mellora a respecto do feudalismo cando mesmo chega nalgúns casos a denunciar que supón un empeoramento, incluso a respecto do escravismo. E acúsaselle de etapismo. Non, análise histórica si. Nada cae do ceo, nada xorde da nada, todo se constrúe históricamente, pero que ninguén agarde que as cousas se produzan por si soas, que hai unha lóxica interna nos feitos que conducen a que o mundo mellor por algún tipo de designio divino ou carma. O que unha e outra vez deixa en evidencia é como son as loitas de clases quen move as cousas nun ou noutro sentido. E non sempre é para mellor.

Tamén se adoita a reducir a súa concepción do conflito á interación de dúas clases en exclusiva e que non existen contradiccións dentro destas clases. Mais non se palpa iso nas palabras directas de Marx. A cousa é máis complexa. Cando analiza os confrontos entre “libre cambistas” manufactureiros e “proteccionistas” cerealeiros, e como a clase obreira se puido apoiar niso para lograr conquistas a respecto da baixada da xornada, tamén comenta como logo da comuna de Paris se uniron todos contra a ameaza proletaria: “Pouco despois, a insurrección parisiense de xuño e a súa sanguenta represión fixo que se unisen nun bloque, o mesmo en Inglaterra que no continente, baixo o berro común de salvación da propiedade, a relixión, a sociedade e a familia, todas as fraccións das clases gobernantes, terratenientes e capitalistas, tendeiros e lobos da Bolsa, proteccionistas e librecambistas, goberno e oposición, clérigos e librepensadores, vellas monxas e novas prostitutas. A clase obreira víase por todas partes anatematizada, posta fose da lei, colocada baixo a loi des suspects”. Non se deduce desta obra que a liberación da escravitude dos negros en EEUU a través da súa guerra civil fora mérito exclusivo destes na súa loita contra os amos. Non está cego Marx a existencia de confrontos no seo das clases, mesmo dentro dun mesmo sector, competidores como son entre eles, agora ben, iso non vai cegarlle de algo que si demostra unha e outra vez, a existencia de loita de clases. Certo que especialmente se demora na análise do confronto entre obreiros e patróns das fábricas que estuda. Agora ben, non se pode deducir de aí que para Marx todo o planeta é Manchester. Esta é a miña opinión, mais quen queira comprobalo vai ter que ler “O Capital” na súa totalidade e mesmo as notas a pé de páxina. Non queda outra e ninguén, por moi bo comentarista que sexa, nos vai librar deste traballo se queremos saber que e como pensaba realmente Karl Marx.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal