08:33 Luns, 22 de Outubro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-07-2018

O que enche de satisfacción aos mandaríns da anémica cultura galega oficial; o triunfo é a proscrición, a represalia, a negación da liña intelectual, política e humana que representou Carvalho Calero

Operación Castigo

Valorar (43)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



[…] o Partido Galeguista non pode dubitar: ténse que situar da banda da ezquerda. Ningunha espranza pode nos vir da dereita. Na dereita tiveron os seus tobos os lobos caciquís, e o militarismo, o clericalismo e o centralismo son baixos ideás sempre estranamente próisimos. As dereitas galegas, esterqueiras n-onde se axunta a podre de todas as iñorancias, de todas as cobardías e de todas as ambicións, exércitos de cegos da intelixencia, de tolleitos da vontade, de hipertrofiados do estómago e atrofiados do corazón, as dereitas galegas non poden merecernos simpatía. Os católicos de antre nós non poden sentirse identificados con tales xentes. Cando agromóu unha espranza, aínda que esvaída, en nós, das ezquerdas partíu o acento gorenteiro. É preciso orientarse cara a ezquerda, porque da dereita nada pode agardar Galicia. ¿E cómo verificar ise movimento? Pero ¿é que non temos un programa de ezquerda, de profundo senso social? Somos xa ezquerda, porque os galeguistas cristiáns sempre tiveron unha amplia visión dos problemas cuias solucións programáticas definen o ezquerdismo. Saudemos respetuosamente á conciencia relixiosa. O anticlericalismo é ridículo, como o clericalismo. Diante das estralimitacións políticas da Eirexa, todos estaremos en pé. Dende o punto de ollada social, non hai dereitas no galeguismo.
(“Xa somos ezquerda”, A Nosa Terra, nº 323, 10 de febreiro de 1934).

Concibo nista obra a historia da literatura galega como a esposición das realizacións e do desenrolo da fala galega no orde literario. Íste é o senso máis doado e natural que cabe atribuir á espresión “historia da literatura galega”. Técnicamente, é o idioma empregado o que caracteriza ás distintas literaturas. Cando falamos da literatura alemá, non coidamos nos poemas que escribiron en francés Goethe ou Rilke. As novelas de Pierre Loti pertecen á literatura francesa, inda que se desenrole a súa acción en países esóticos. Nen a nacencia do autor nen os ambientes descritos son criterios axeitados pra determinar a incrusión das obras dentro dos marcos dunha ou outra literatura. Os Seis poemas galegos, de Federico García Lorca, son literatura galega. La Colmena, de Camilo José Cela, é literatura castelá, malia o novelista ter nado en Padrón. Por moi galego que poda ser o mundo de Los pazos de Ulloa, tampouco compre crasificar ista obra dentro da literatura galega. Entendo por literatura galega a literatura en galego.
(Historia da Literatura Galega Contemporánea, 1963).

Un pueblo que posee lengua propia, ilustrada por una brillante literatura, siente el natural deseo de que la enseñanza de su idioma se efectúe en condiciones normales. La enseñanza del gallego en los diferentes grados escolares requiere la existencia de una gramática del gallego común. No se puede iniciar a nadie en el conocimiento de un idioma, si se aspira a que lo hable y lo escriba, a base de estudios de dialectología. Éstos sólo interesan a los lingüistas. Hay muchas personas, gallegas y no gallegas, que desean conocer prácticamente el idioma gallego, y que necesitan un criterio autorizado sobre el modo de manejarlo.
 (Gramática elemental del gallego común, 1966).

¿Que sentido pode ter a obrigatoriedade do ensino da nosa lingua se non cabe o deber de coñecé-la por parte dos galegos? ¿E que sentido ten que a nosa língua sexa língua oficial en Galiza se non teñen por que coñecé-la os que a teñen por língua oficial? ¿Que significa que o galego é a língua própria de Galiza se non rexe o deber de coñecé-la e, por tanto, de estudá-la? Unha língua oficial que non hai a obriga de coñecer nen, portanto, de estudar, ¿como funcionará oficialmente? A língua oficial ¿non é precisamente a que non poden excusar-se de coñecer os suxeitos á correspondente ordenación xurídica? Se eu non teño o deber de coñecé-la, ¿como o meu fillo vai ter o deber de estudá-la? E se ninguén ten o deber de coñecé-la nen de estudá-la, ¿por que se chama língua oficial? ¿Porque podo usá-la, se quero, perante as autoridades autonómicas? A iso se reduz a sua cooficialidade?
[…]
Segundo tal critério, na prática o galego seria unha língua para obxectores de conciéncia. O galego seria no seu uso unha obxección de conciéncia. Asi como aos secuaces de certas seitas relixiosas se lles dispensa o uso das armas, asi aos secuaces da seita galeguista se lles dispensaria o uso da língua estatal. Como os primeiros poden facer o servizo militar en calidade de enfermeiros, aos membros desa seita marxinal que se chama galeguismo se lles permitiria o uso oficial da sua língua. E esta seria toda a cooficialidade do galego. Unha situazón análoga á da tolerancia de cultos na Constituizón de 1876.
[…]
Unha Constituizón en que se estabelece un Estado autonómico mantendo o Estado unitário; en que se transferen competéncias, mais se conservan as estruturas centralistas; en que á veira do Parlamento temos as Deputacións; a carón do presidente, o delegado do goberno; xunto aos conselleiros, os gobernadores civís; ao lado, enfin, da própria Comunidade, as impróprias províncias (para que os maxistrados e instituizóns mencionados en primeiro lugar de cada par sexan convenientemente marcados, vixilados e moderados polos funcionários e organismos citados en segundo termo); unha organización que se funda na condescendéncia coas reivindicacións marxinais e na desconfianza cara ás mesmas, é un caso de sincretismo tan sorprendente que non pode funcionar con eficácia sen un decidido propósito de interpretatio corrigendi gratia das esgreviezas lexislativas, mediante unha coraxosa e xenerosa adecuación da ambidextra e ambígua estrutura político-xurídica ás rectas e definidas orientacións da experiéncia político-sociolóxica.
[…]
Se asi non se fai, as Comunidades autónomas non marcharán, e o Estado español tampouco.
(“O galego, obxección de conciéncia”, La Voz de Galicia, 15 outubro 1983).

Os textos, fragmentos, até aquí transcritos (con fidelidade á súa forma escrita orixinal) son simplesmente catro teselas dun mosaico amplísimo, se a metáfora valer para caracterizar a obra inmensa e maxistral de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), ao longo de seis décadas da súa vida adulta. Se quen ler ten curiosidade por reparar nas datas, verá que a escolla ten a ver con tres momentos vitais e históricos do autor e da Galiza: o primeiro artigo, nun tempo clave para o nacionalismo galego de pre-guerra; o segundo e mais o terceiro, como proba de obras senlleiras na construción e na socialización da nosa lingua e da nosa literatura, con definicións tan claras como precisas, en plena ditadura franquista; o cuarto, como resposta dilixente e rotunda ao recurso de impugnación interposto polo goberno español (o primeiro PSOE) á Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983), xa, por tanto, no rexime actual.

Léanse (ou lémbrense) de vagar, tal pedimos. Repare, quen así o fixer, na súa elocuencia e na súa fixación de principios e de conciencia crítica. Dígase se houbo na Real Academia Galega (institución en que ingresou, como lembramos nun artigo do mes de Maio neste mesmo dixital, en 1958) alguén que se pronunciase coa clareza e a valentía que o profesor aquí usa sobre os temas correspondentes. Dígase se houbo ou hai algún académico ou académica que atesoure unha obra de creación literaria (poesía, narrativa, teatro, ensaio), de investigación, de didáctica da lingua e da literatura, de estudo e crítica literaria, de divulgación a través de centos de artigos e de palestras, semellante á que el posúe. Dígase se hai algún académico ou académica que, unha vez xubilado, entregou as súas enerxías, até o fin da vida, a servir coa maior xenerosidade e afán divulgador, todas cantas peticións se lle fixeron desde a cultura galega de base, a ausente por decreto e sectarismo, de calquer promoción oficial.

Pois ben, todo isto merece castigo exemplar. Así o revela a última decisión da Monárquica Academia Galega, na enésima exclusión da honra do Día das Letras Galegas 2019 dun dos maiores servidores da lingua e da literatura galegas, mesmamente núcleo de tal escolla. Todo vale con tal de persistiren na punición, todo vale con tal de xustificaren a anulación propositada non só da súa persoa senón da historia contemporánea da Galiza tal e como ela se produciu.

A vergoña, claro está, non atinxe o proscrito. Vai directa á institución que así actúa. Non vou caír na trapela comparatista de méritos entre os dous candidatos submetidos a votación académica. Teño para min que o primeiro pasmado por tal “competición” sería o mesmo dedicatario do próximo Día das Letras Galegas, don Antón Fraguas. Mais isto é especulación sen valor nengún. Non é a súa escolla o que enche de satisfacción aos mandaríns da anémica cultura galega oficial; o triunfo é, máis unha vez, a proscrición, a represalia, a negación da liña intelectual, política e humana que representou Carvalho Calero.

Real Academia Galega. Monárquica Academia Galega. Monarquía tipo rocho, mais monarquía ao cabo. O titular emérito desta monarquía de andar por casa, Alonso Montero, o intelectual de referencia de Núñez Feixóo, amosou a súa satisfacción, segundo a prensa indica, deste xeito: “A Academia, coa voz do pobo”. Cal foi, logo, a voz dos outros-as eleitos? Cal foi a voz de Carvalho Calero? Acaso a da aristocracia española? A corte do monarca emérito funcionou perfeitamente, “como un solo hombre”: dezaseis votos para acatar a orde preestabelecida face a oito a prol do castigado. Ben é certo que xa non é a primeira vez. O seu reinado tamén se amosou na escolla da dedicataria deste ano 2018, que, no ritual académico, xa deu de si todo o que tiña que dar.

Como teño por costume falar de memoria o menos posíbel, este ano fun reler algunhas obras da escritora elixida, Mª Victoria Moreno. Unha delas, Os novísimos da poesía galega / Los novísimos de la poesía gallega (1973), é presentado na contracapa con estas alentadoras palabras, sen asinatura, mais que transparentan a autoría de Alonso Montero: “Es evidente que a la luz de otros novísimos (Cataluña, Madrid, París…), los nuestros, de menos registros estéticos, poseen una música más simple, más  primitiva y un aire poco cosmopolita. Gusten o no, nuestros poetas son así y así hay que entenderlos. Admitido esto, el lector debe pronunciarse acerca de la calidad de nuestros autores y señalar quiénes son, quiénes no son y quiénes aún no son. Por nuestra parte sería pueril disimular las evidentes grietas de esta colección de poemas”.

Bravo! Magnífica tarxeta de presentación para unha promoción de poetas novos para público español! Un colonizado iletrado non o melloraría. E quen son as pobres vítimas desta ración de desprezo e minusvaloración, o obxecto de semellante contra-propaganda? Os que a seguir anoto: Farruco Sesto Novás, Lois Diéguez, Alfredo Conde Cid, Xosé Vázquez Pintor, Lois Álvarez Pousa, Xesús Rábade Paredes, Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana, Félix Vergara Vilariño, Xavier Rodríguez Barrio. Todos eles con, como mínimo, un libro publicado na altura (condición da antóloga), todos eles a comezaren unha traxectoria literaria que é saudada e animada do xeito descrito. Como para se dedicaren a sachar nas patacas a partir de presentación tan ecuánime e xenerosa! O  soberbo ollo crítico do comentarista, de por parte, acertou de pleno: todos eles (coa prematura e dolorosa morte de Félix Vergara Vilariño) están vivos e actuantes, con cumprida obra literaria escrita, publicada, premiada, recoñecida (algúns, inclusive, membros da RAG). Un acerto total! Mais así son e así se conducen os pontífices dun vaticano liliputiense. Cuarenta e cinco anos despois, a operación castigo prosegue. O éxito, porén, da campaña ninguén llo pode discutir. Conta cuns cortesáns serviciais que practican  -eles saberán por que e para que-  o principio da obediencia debida. Para que logo falen deste principio no funcionamento dos partidos políticos! Isto si que é vasalaxe!

Sigan así, a rodar pola encosta do desprestixio, do descrédito, da degradación dunha institución centenaria que, por certo, pagamos todos. Non lles caiba dúbida: non é Carvalho Calero o ofendido. Son vostedes os retratados.

Os demorados e belísimos solpores da nosa terra non existen porque sexan fotografados polo telemóbel, como hoxe é costume. Existen e brillan con cámara ou sen ela. E aínda hai quen os apreza mesmo que a súa fotografía se furte.  




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal