10:02 Xoves, 13 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-07-2018

As agresións por razón de lingua pasaron inadvertidas neses centros de ensino, hoxe tan sensíbeis a outro tipo de acosos

Microespañolismos: acoso e orgullo galegofalante

Valorar (42)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA



Uxío foi educado con cariño e en galego pola súa nai, polo seu pai e os seus avós.  Na vila onde vive isto non é o habitual e hoxe na escola Uxío é o único galegofalante da súa turma. Falar galego, porén, non é motivo de orgullo para el. A medida que van pasando os anos e se achega a adolescencia as chanzas dos compañeiros vanse facendo cada vez máis crueis. Un día xogando ao fútbol no patio Uxío fixo unha falta e o outro chamoulle “gallego”. Uxío está a punto de mandalo todo a paseo e comezar a falar en castelán como o resto. Así e todo, Uxío considérase un afortunado. Sobre todo cando pensa na súa irmá Olalla, tan galegofalante coma el, que ao pór o primeiro pé na escola nin se atreveu a dicir unha palabra en galego coas compañeiras, dado o panorama que alí percibiu. Intuición feminina, seguro. 

Iso de non falar galego é cos compañeiros, claro. Cos profesores é outro conto porque Uxío, que non é parvo, sabe de que vai cada un. Estes días anda a elaborar unha lista para lembrar con cales pode falar en galego como lle gusta e con cales mellor non. Non vaia ser que lle volte pasar o de aí atrás cando un dos profes máis linguateiros do insti lle espetou aquilo diante de toda a clase: “¿Y tú, es que eres muy despistado por tu forma de ser o es que hablas gallego y te avergüenza?”. Iso: mellor mimetizarse co ambiente coma o camaleón e falar como todo cristo. 

O que non sabe Uxío e que o seu compañeiro Abel está moi pendente de todo o que el fai. Abel é un dos que non se mete con Uxío por falar en galego. Todo o contrario. É máis, a veces até o defende diante dos outros: “É un chaval coma nós, non?”. E é aínda máis: a Abel tamén lle falan ás veces galego na casa e a el o que lle gustaría sería saír do armario e comezar a falalo no instituto, mais non se atreve por medo. Abel está á espreita do que poida suceder con Uxío, que é a súa referencia. E cando Uxío se pasa finalmente ao español Abel sente mágoa, raiba e decepción. “Perder un galegofalante así é moi duro. Xa poucos quedan!”. Abel terá que agardar até perder de vista o instituto para sacar o que leva dentro e comezar a falar en galego cos amigos e coas amigas.

A Amaro e a súa irmá Ánxela pasoulles un pouco do mesmo. Comezaron falando en galego na escola e tiveron que mudar de lingua pasando o tempo. Amaro soportou dos compañeiros o alcume de Falagalego durante varios anos após ter deixado de falalo. A nena Ánxela vía imposíbel integrarase mentres falase galego, e non porque as súas amigas non a entendesen, que algunhas delas até sacaban boa nota na materia. Era por outra cousa, a verdade bastante inexplicábel. Anos despois de deixar de falar galego na escola e mantelo na familia, unhas graciosas desalmadas preguntáronlle no patio do instituto se era certo que andaba por aí facendo iso de falar galego. Ánxela respondeulles en español, mais co orgullo da súa lingua oculta. Faloulles con paixón da cultura galega, da lingua, do perigo de que se perdese e de todas as valiosas e cultísimas ideas que mamara na casa e que ela defendía. “Por iso son galegofalante”, concluíu. Dos insultos que lle choveron aínda hoxe prefire non lembrarse.

Helena foi a primeira castelanfalante da súa estirpe. Educada en galego, decidiu, sabe deus por que mecanismos inconscientes, nunca falar esta lingua. Era a nena castelanfalante na familia galegofalante, supoño que lles soa este caso típico. Máis coa adolescencia chegou a conciencia e, moi devagar, o seu yo comezou a mudar cara un eu. Un día ía para a praia coas amigas do instituto e viu un sinal que poñía Camino de Santiago. “Camiño. Debía ser ‘camiño’”, tivo a imprudencia de dicir. As amigas ollaron para ela: “Helena, aquí no nos gustan esos radicalismos”. Helena non deu o paso definitivo de abrir a porta do armario da lingua até varios anos despois, ben entrado segundo de Bacharelato, poucos meses antes de dicirlle adeus ao sistema escolar e, de paso, ás amigas.

As de Uxío, Olalla, Abel, Amaro, Ánxela e Helena son historias duras e o malo é que son certas. E o peor é que hai máis, moitas máis, nese tempo e lugar. O tempo non é hai sesenta anos. Todo isto e máis que non se conta sucedeu hai menos de dez. E todo sucedeu arredor duns centros educativos non especialmente belixerantes contra o galego, en xeral e quitando excepcións de docentes que si puidesen selo. Mais por unha ou outra razón as agresións por razón de lingua pasaron inadvertidas neses centros de ensino,  hoxe tan sensíbeis a outro tipo de acosos.  

O día que sexamos capaces de detectar, recoñecer, estudar e interpretar estes dolorosos microprocesos que nos desangran estaremos máis perto de entender por que os e as adolescentes abandonan en masa a nosa lingua e por que as mamás e os papás o pensan dúas veces antes de transmitirlles o idioma ás crianzas. O día que sexamos capaces de desenmascarar o sinistro funcionamento desas correntes de poder que circulan ao longo da nosa sociedade -e que flúen tan intensas nos centros de ensino- estaremos máis perto de pórlles freo. Ese día, se chegar, deixará de haber ananos que con cordas invisíbeis agrilloen o corpo dos xigantes.   




1 2 3 seguinte

[07-08-2018 20:02] Maria vilaverde comentou:

Magnifico artigo. Só gostava de mostrar o meu desacordo quando atribues certa intuiçom feminina à irmá de Uxio qd decide nom abrir a boca em galego pois ainda que nom sejamos conscientes as nenas som castigadas duas vezes por ser galego falante e por ser mulher. O que quero dizer é que nom é a intuiçom a que fai com q se sinta mais pressionada que um neno para mudar de lingua para se integrar num grupo de iguais é polo contrário a cultura patriarcal a que fai com que a mulher desde criança seja forçada a se adaptar aos outros, sobretudo quando som homens, esses outros.

[07-08-2018 14:27] Miguel R. Carnota comentou:

Obrigadíssimo polo teu comentário, Valentim. Mil Sementes mais para a Galiza!

[07-08-2018 14:26] Miguel R. Carnota comentou:

David, alumno e amigo: o poder e o futuro están nas vosas mans! ;)

[06-08-2018 20:47] David Gutiérrez Curbeira comentou:

Está xenial Miguel! Claro exemplo do que acontece hoxe en día na Galiza, e que hai que mudar. Encantoume✌️✌️

1 2 3 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal