10:04 Xoves, 13 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-07-2018

¿É pecado, inmoral ou de dereitas querer vivir ben?

Ética e demagoxia

Valorar (3)

ADOLFO DE ABEL VILELA



Os inesperados acontecementos políticos ocorridos hai un mes, sitúannos nunha percepción diferente do tempo. Acostumados á parsimonia coa que Rajoy contemplaba o devir da súa historia, sen afrontar os problemas (algúns turiferarios á apatía do presidente chamábanlle "control de los tiempos")  agardando a que se arranxasen pola vía natural da putrefacción, colleunos descolocados pois de súpeto a vida política colleu unha aceleración a que non estabamos acostumados. En quince días tres sentenzas relacionadas coa corrupción, dúas que afectan directamente ao PP, e unha terceira que toca á Monarquía e a dirixentes que foron "de ese partido del que Vd. me habla"; nunha semana un novo Goberno de distinta cor política, en cinco días un novo ministro e en vinte Rajoy exercendo de rexistrador en Santa Pola despois de 29 anos. En vintedous días o PP pasou de ser, segundo dicían, o partido con máis afiliados de Europa, 869.535 a rebaixalos a 66.706, dos que a metade son cargos orgánicos. ¡Que vértigo!

Polo medio anécdotas para polemizar e desviar a atención sobre cuestións mais importantes, como a do caso do chalé de dous dirixentes de Podemos, Pablo Iglesias e Irene Montero, que deu munición durante varios días á dereita, á esquerda e ao centro, en realidade aos que non entenden, entre os que están os afectados, que vivir ben e con comodidades non é unha cuestión ideolóxica, senón que é un desexo e unha aspiración de calquera humano.

¿É pecado, inmoral ou de dereitas querer vivir ben?


Polo que imos a dicir parece que non. Os primeiros en demostrar este aserto foron os xerarcas da Igrexa que, fronte á pobreza que predicou e practicou Xesucristo, souberon reunir para si o poder temporal e o espiritual, e todo o que iso leva aparellado, como vivir en palacios rodeados de luxo e abundancia, ao mesmo tempo que se compadecían dos pobres, esquecendo a sobriedade e a doutrina do fundador.

Volveuse a repetir cos réximes comunistas nos que os xerarcas tamén se esqueceron axiña da teoría e da austeridade e foron a vivir aos palacios dos zares, onde aínda hoxe segue residindo Vladimir Putin. O apartamento presidencial da nova sé do presidente de Bolivia Evo Morales ten 1.068 metros cadrados, con sauna, yacusi e sala de masaxes.

Un dos poucos casos que coñezo de coherencia ideolóxica neste campo e a do expresidente de Uruguai José Alberto Mujica Cordano, que continuou vivindo na súa humilde casa, o que dixo cousas tan acertadas como que a política non debía servir para enriquecerse. Eduardo Zaplana e outros colegas dixeron e fixeron o contrario.

O problema non está en querer mellorar as túas condicións de vida, ou sexa, en querer vivir ben,  o problema radica na incoherencia que resulta dar leccións de ética ou de moral  criticando cara a fóra o mesmo que fas e practicas na túa casa. "Dime de que presumes, e direiche de que careces". É incongruente dicir: "¿Entregarías la política económica del país a quien se gasta 600.000 € en un ático de lujo?", censurando ao que foi ministro de Economía e Competitibidade Luis De Guindos, porque calquera pode preguntar ao que fixo a pregunta: "¿Entregarías la política del país a quien se gasta 600.000 € en un chalé?". De Guindos é un señor coherente, milita no capitalismo do que fixo a súa profesión, e de dereitas, e polo mesmo fai esa operación con toda naturalidade. Pero Pablo Iglesias e a súa compañeira son incoherentes co que fan, non porque non teñan dereito a vivir mellor, senón  por ser dirixentes dun partido cun discurso para os máis desfavorecidos, onde hai anticapitalistas que parece que aborrecen, alomenos de cara a galería, algúns dos beneficios do capitalismo. A equidade lévame a pensar que o que é censurable para De Guindos tamén o debe ser para Iglesias e Montero.

Excluídos por defraudadores

Cando se celebraba  na audiencia de Palma o xuizo do chamado "Caso Nóos", a avogada do Estado, facendo o papel que non lle tocaba de defensora da infanta Cristina de Borbón, aclarounos que o de "Hacienda somos todos" so era unha propaganda. De maneira que nos veu a dicir que cada quen se arranxe o mellor que poda. E dentro destes parámetros, ou desta peculiar doutrina, é onde se encadra a chamada enxeñería financieira, que tenta reducir o gasto impositivo dentro da legalidade.

Eu encadraría aquí o caso do xa exministro de Cultura Máxim Huerta, ao que lle reprochan que quixese pagar menos a Facenda recorrendo ao  Tribunal Contencioso Administrativo por estar en desacordo coa Administración. A súa petición de dimisión, e a súa materialización, pon á clase política diante un reto que non vai ser doado que poda cumprir, acaban de poñer o listón moi alto, porque milleiros de contribuíntes aos que Axencia Tributaria nos fixo unha paralela, quedamos excluídos de que nos chamen para ser ministros, deputados, senadores, conselleiros, directores xerais ou calquera cargo público por considerarnos defraudadores.

Cando aínda non tomara posesión o novo ministro José Guirao Cabrera o PP, posiblemente vendo o que se viña enriba, daba a coñecer o seu código ético a través de Teodoro García Egea, un dos múltiples voceiros, que consiste en que ningún imputado do seu partido vai a dimitir mentres non se lle abra xuizo oral. Preguntado polo caso de Ana Mato, afirmou que era distinto xa que non fora condenada penalmente, pero que Máxim Huerta fora condenado, e quedou tan pancho, pois hai que ser moi ignorante para non saber que nun contencioso administrativo so se pode condenar a Administración. Pero o curioso é que tamén unha voceira de Podemos facendo leña do asunto Huerta, debido á semellanza preguntáronlle polo caso Monedero, e a resposta foi tamén que era un caso distinto. Nos dous partidos da P funcionou a doutrina Cospedal: "Defendamos lo nuestro y a los nuestos". ¡Unha mágoa!

Hai doce anos que me xubilei como docente aos 60. Para compensar a perda de salario déronnos unha cantidade que non chegaba aos 18.000 €. Catro anos despois reclamáronme máis da terceira parte, porque esa cantidade a Xunta estivo durante anos sen llo comunicar a Facenda. Nesa situación estabamos mais de mil docentes, algúns libraron porque xa pasaran cinco anos. Pagamos o IRPF correspondente, a sanción e os intereses. Puidemos ir ao Contencioso para ver se tiñamos ou non que pagar a sanción, pero non o fixemos. Paguei cerca de 7.000 €. De maneira que si tivese aspiracións políticas quedaría incapacitado por defraudador. Póñennos a altura dos que defraudaron agochando os cartos en paraísos fiscais, como Bárcenas, Granados, González, Rato, Zaplana e todos os da lista da amnistía de Montoro, e ademais inhabilítannos de por vida para exercer un cargo público, cousa que non fai o Código Penal. Sen embargo aplaudimos a Leo Messi que, para librarse da cadea por defraudador pagou a Facenda 255.000 €, defraudou 4,1 millóns de euros entre 2007 e 2009 e a Cristiano Ronaldo que pagou 18,8 millóns de euros por defraudar 5,7 millóns ademais de ser condenado a dous anos de cadea. Estes si que son defraudadores de ouro.

Para evitar a demagoxia

Do mesmo xeito de que a todos nos gusta vivir ben, tamén nos gusta pagar o menos posible á Facenda, especialmente cando ves que os auténticos defraudadores, os que teñen os cartos en paraísos fiscais, moitas veces procedentes de negocios ilícitos ou da corrupción política, son axudados a branquear eses cartos oficialmente facéndoo a prezo de saldo, pagando un 10 por centro, que, despois de pasar polo asesor fiscal, queda nun 3 por cento. Imos coñecendo que no lote dos amnistiados hai varios políticos ou propietarios de cartos procedentes da corrupción política. Por iso é inevitable que pensemos que a operación tiña tres obxectivos: capitalizar aos bancos,  recadar e favorecer "a los nuestros", sexan dirixentes, militantes ou votantes.

A primeira das sentenzas da Gurtel confirma que houbo dirixentes políticos de alto nivel que cobraban en negro, é dicir, sen tributar. Despois de coñecer o que facían resultan sorprendentes e cínicas as leccións que daban aos cidadáns Rodrigo Rato sendo ministro de Economía sobre o deber de cumprir coas obrigas tributarias, ou Francisco Granados sobre os que tiñan contas fóra.

Por iso cando o cidadán honrado lle entrega a Facenda do producto do seu traballo case o cincuenta por cento, limpo de po e palla, sen que a institución fixese ningunha inversión, sen pagar a traballadores e cargar cos gastos, inversións e os múltiples problemas que ten o mantemento e a supervivencia dun negocio, o normal e que vaias a un asesor fiscal para ver se podes pagar menos, a non ser que o teu sentimento patriótico te leve a traballar para o inglés. Ao mellor o lexislador debería pensar en revisar o sistema de tributación, facelo mais equitativo e xusto, para que o peso da tributación non estivese sobre os das nóminas, os consumidores en xeral, os autónomos e os pequenos empresarios. Deste modo seguro que non lle daríamos importancia ao caso Huerta ou Monedero e deslindariamos o que é a ética e a demagoxia.



[12-07-2018 18:16] arturo comentou:

Tanto me ten onde viva ou de que xeito viste un dirixente político, xulgo a sua dirixencia polos resultados en materia de emprego, soberanía política ou económica, politicas sociais activas a prol dos que menos teñen etc.
Abofé que se San Pepe tivera unha actitude menos contemplativa co FMI, oligarquías, transnacionais, celulosas etc. os medios de propagando do capital, non venderían isa imaxe de vello bó que conta anecdotas e da bós consellos, en contraposición a outros dirixentes latinoamericanos con políticas mais combativas co immparialismo e a tirania universal da maior tasa de beneficios da dictadura do capital. Marx ou Lenin foron moi austeros, nembergantes a imaxe que ofrecen os mass-media o mesmo de cando Pepe na sua mocidade de guerrilleiro tupamaro que loitaba pola xustizal social, non é tan amable.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal