22:04 Sabado, 15 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-07-2018

O que diferencia unha lingua dun dialecto é asunto aínda non fechado na literatura especializada

Lingua, dialecto e o mito da comprensión mutua entre falantes dun mesmo idioma

Valorar (9)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



Unha das cuestións máis recorrentes entre lingüistas é a que trata de diferenciar unha lingua dun dialecto, o que se torna nun asunto que excede o estritamente lingüístico e que constitúe desde hai séculos un debate hoxe en día inconcluso. Sen dúbida, un dos parámetros máis recorrentes ten sido o criterio da comprensión recíproca ou da intelixibilidade mutua entre falantes. Isto tivo como resultado a subscrita afirmación de que unha lingua é un conxunto de dialectos intelixíbeis entre si, punto de vista adoptado mesmo desde ámbitos disciplinares tan distintos da dialectoloxía como a antropoloxía: se dúas persoas se exprimiren na súa propia variedade lingüística nun acto ilocutivo, van estar usando a mesma lingua se se producir a intercomprensión mutua, ao paso que estarán a empregar dúas linguas distintas se o produto desa interacción lingüística acabar na falta de comunicación; así pois, unha pícara do Valadouro que falase na súa variedade utilizaría a mesma lingua que unha pequena de Ferrolterra que usase o galego desa rexión e ambas utilizarían o mesmo idioma que unha nena ou meniña doutras partes do país que igualmente se comunicase na súa modalidade xeográfica, pois verificaríase a comunicación entre esas raparigas.

Inicialmente, non hai por que discordar con esta opinión, aínda que imos ver a seguir que, presentando aspectos quer positivos, quer negativos, é moito máis doado repararmos na maior predominancia dos segundos: se, por un lado, permite considerar as variedades dialectais como partes dunha lingua, por outro esta caracterización de “lingua” e de “dialecto” non é totalmente satisfactoria, pois o mundo está cheo de realidades lingüísticas que o contradín. Unha gama diversa de factores (históricos, políticos, sociais etc.) focaliza unha distinción verdadeiramente plausíbel entre ambos os termos. Pensemos no coñecido caso das linguas escandinávicas (isto é, dinamarqués, sueco e noruegués), que, sendo tres diferentes, permiten, no entanto a intercomprensión; e reparemos, igualmente, nos exemplos do alemán ou do italiano, que, a pesar de ambas seren consideradas linguas, permiten comprobarmos que cada unha delas posúe variedades locais que resultan inintelixíbeis entre si. Por súa vez, temos a situación do inglés, algo parecida á do alemán e do italiano, entanto que deixa tamén constatarmos como existen variedades que non permiten a comprensión mutua, como o inglés afroamericano e o inglés da Cornualla. Acudamos ao caso do chinés, xa que resulta aquí totalmente ilustrativo, tanto por se tratar dun caso citado en reiteradas ocasións, canto pola lectura que puidermos facer desa realidade lingüística: as súas principais variedades territoriais  son o cantonés (falado por 46 millóns de persoas), o gan (empregado por 21 millóns), o hakka (utilizado por 26 millóns), o mandarín (subdividido en diversas modalidades e usado por 421 millóns), o min setentrional (falado por 10 millóns), o min meridional (utilizado por 26 millóns), o wu (empregado por 77 millóns) e o xián (falado por 36 millóns); pois ben, a falta de comprensión mutua entre a maior parte destes tipos de chinés é o que caracteriza a situación, aínda que, por partillaren un sistema de representación escrita ideográfico, por posuíren unha tradición literaria e histórica comúns, son consideradas como a mesma lingua.

Como derradeiro exemplo relativamente a estas cuestións, citamos a situación do espazo lingüístico galego-portugués: falantes lisboetas comprenden con grande dificultade persoas naturais do Rio de Janeiro que se expresaren en determinadas falas populares cariocas, ao paso que quen provir da Coruña ou de Santiago de Compostela vai percibir en xeral o portugués setentrional do Porto, Braga ou Vila Real, en canto a ese mesmo individuo lle vai resultar algo máis complicado comprender as variedades meridionais ou as dos Açores. E, ao tempo, constitúe xa un tópico a afirmación de que o portugués estándar brasileiro resulta, polo xeral, máis doado de comprender para os galegos e para as galegas que o seu homólogo europeo. Naturalmente, canto maior for a distancia entre as variedades ou linguas en cuestión, moito máis acusado terá de ser o esforzo levado a cabo para a constatación da intelixibilidade recíproca.

Á marxe destes asuntos, é certo que o principio da comprensión mutua formula tamén outras cuestións problemáticas. Unha destas é recoñecermos que admite unha certa gradación e até se tentou facer algún tipo de experimentacións destinadas a relacionaren e verificaren diversos graos. É normal, por tanto, marcarmos dous extremos nese continuum: por un lado, estariamos diante da intelixibilidade total, de forma que A e B, falantes, respectivamente, dunha lingua ou variedade diferente, poderían entenderse sen problemas;  no outro extremo situaríase a falta absoluta de intelixibilidade, en cuxo caso A e B non se darían comunicado, a pesar de que ambas as persoas dixesen que estaban a utilizar a mesma lingua. No medio de ambas as situacións figurarían os estados intermediarios, ora nuns contextos máis próximos do primeiro suposto, ora noutras situacións máis perto do segundo. Con independencia do caso exposto para o territorio galego-portugués, é significativo o que acontece coas linguas escandinávicas, que serve, máis unha vez, como explícita mostra: as suecas e os suecos entenden ben as persoas nadas na Noruega, mais resulta evidente que non as perciben tan ben como entenderían a quen fala normalmente sueco; e tamén se di que a dirección da intelixibilidade mutua decorre non totalmente pararela entre os utentes de dinamarqués e os de noruegués, pois os falantes daquela lingua comprenden mellor os utentes de noruegués do que estes entenden aqueles.

Ás veces, esa gradación a que se fixo referencia tamén vai depender de factores temporais. Se, nun primeiro momento, dous individuos presentaren certos problemas nesa intelixibilidade recíproca, tales eivas poden demorar aínda uns días ou unhas semanas en desapareceren, co cal, á volta dun pequeno espazo de tempo, non existiría ningunha dificultade nese sentido. Mais, en troca, outro grupo de persoas pode posuír, por unha serie de motivos, un maior número de problemas para verificar a comprensión recíproca, co cal, en vez duns días ou dunhas semanas para solucionar a tal falta de comunicación, serían precisos varios meses para ser eliminada.

A comprensión mutua vese afectada, igualmente, por outro tipo de circunstancias que non son sempre de carácter estritamente gramatical, como o hábito que se tiver en se comunicar con falantes desoutra presumíbel lingua ou variedade, isto é, o que R. A. Hudson (La sociolinguística, 1981, 2ª ed. 2000) denomina “experiencia do ouvinte”. Con certeza, o paso do tempo muda o feito de un idioma non ser comprensíbel para un determinado público, como aconteceu coa situación da Galiza. Así, aínda que hoxe en día as persoas monolingües en galego perciban normalmente o español (o que se non verifica sempre no caso inverso), deben esa capacidade a percursos sociais, educativos, políticos e históricos que facilitaron esa comprensión; e, naturalmente, a pesar de que se trate actualmente dunha situación habitual, non temos de pensar que isto foi sempre así: R. Mariño Paz (Historia da lingua galega, 1998) sinala o caso de que a Xunta do Reino da Galiza observou, nos anos 1764, 1775 e 1781, que os beneficios eclesiásticos no país fosen concedidos a quen nacese aquí, pois, como coñecían o “patrio suelo, clima, condiciones, lengua, costumbres y necesidades”, conseguiríase un grande ben para a comunidade de crentes; quere dicir, o feito de que os clérigos puidesen comunicarse na lingua do pobo, e viceversa, redundaría favorabelmente en termos de relixiosidade. O mesmo autor cita o caso de campesiños que tiñan de se entrevistar coa administración xudiciaria, en cuxo caso era necesaria a figura dun “mediador” que se comunicase en español cos administradores e en galego cos administrandos. Tamén X. R. Freixeiro Mato (Lingua galega: normalidade e conflito, 5ª edición 2002) expón como no ano 1523 foi despachada unha consulta ao emperador Carlos V sobre a falta de veracidade nos testemuños da fidalguía porque os documentos xurídico-administrativos viñan escritos en español e este idioma era coñecido na nosa nación con dificultade.

O criterio da intelixibilidade mutua fica na esfera epistemolóxica do que se chama adoito como “Teoría da acomodación comunicativa”. Segundo esta hipótese, ao interaxiren dúas persoas cuxas pautas de comportamento lingüístico non foren idénticas (por formación, por procedencias rexionais distintas, por falaren linguas ou variedades diferentes etc.), poden aparecer diversas actitudes e estratexias comunicativas que inciden na vontade de eses dous individuos (i) eliminaren, (ii) reduciren, (iii) manteren ou (iv) salientaren esas diferenzas. A Teoría da acomodación comunicativa, que asenta en varios postulados da psicoloxía social, encarrégase, precisamente, de explicar por que se producen eses comportamentos, por que afectan máis facilmente unhas formas da lingua que outras, como se orbanizan, que consecuencias sociais e pragmáticas implican etc. A acomodación, que se considera un proceso natural nos actos ilocutivos cotiáns entre membros dunha sociedade, depende dalgúns factores, como a variábel xeracional ou a complexidade fonético-fonolóxica ou gramatical. Desde o principio da intercomprensión mutua como elemento para diferenciarmos unha lingua doutra, as actitudes denominadas integradoras nesta teoría, que tratan de eliminar ou reducir as diferenzas lingüísticas, camiñan na dirección da intelixibilidade; e, polo contrario, os comportamentos disociativos (manter ou salientar as diferenzas) ocorren no camiño oposto, isto é, na falta de compresión. Fálase, así, de converxencia ou de diverxencia na intelixibilidade da comunicación.

Por outro lado, cómpre advertirmos que as características da fala determinan, igualmente, diversos graos de intelixibilidade: unha pronuncia cun marcado verniz rexional afastado do que se considera padrón, unha conversa ás presas, a utilización de léxico de orixe local ou rexional etc. son factores que poden estar detrás dunha intercomprensión deficitaria, inclusive utilizando a mesma lingua. Polo contrario, pronuncias próximas ou coincidentes co estándar, un diálogo desenvolvido pausadamente, o uso dun vocabulario considerado común ou padrón etc. van facilitar, como se torna evidente, unha maior intelixibilidade entre as persoas que interviñeren no discurso. Trátase, en definitivo, da vontade de intercomunicación que tiveren os utentes dunha lingua, xa que o feito de quereren percibir ou de quereren ser percibidos se converte nun factor que se non debe secundarizar: é o que se denomina nos manuais de Sociolingüística e de Socioloxía da linguaxe como “Motivación”. Aliás, cómpre se non esquecer de que a identificación que fixeren do que for usado é capaz de se modificar se nos referirmos a unha ou a dúas linguas; de aí que grupos que, propositadamente, pretenderen diferenciarse doutros colectivos dirán que empregan unha lingua distinta, en canto que colectivos que quixeren identificarse con outras comunidades han de defender que utilizan a mesma.

Como conclusión, o que diferencia unha lingua dun dialecto é asunto aínda non fechado na literatura especializada. Aínda que o principio da intelixilibilidade mutua poida ser aplicado a varias realidades lingüísticas e poida, con efecto, servir para entendermos os dialectos como constituíntes dunha lingua, acha, polo contrario, algúns problemas nos exemplos que se levan exposto, o que nos fai considerármolo cunha certa dose de escepticismo. Ten certa relevancia, mais non vira completamente adecuado para diferenciarmos o que é un idioma do que é un dialecto en todas as situacións en que xurdir esta dicotomía. Isto pode levarnos erradamente á identificación entre lingua estándar e lingua histórica, mais tamén á existencia de linguas con varios estándares asociados ou linguas policéntricas, como o alemán, o francés, o español, o gaélico e, igualmente, o galego-portugués, coas normas galega, lusitana e brasileira. Mais eses temas son merecentes dunha maior dedicación da que lles podemos conceder desde estas páxinas.  





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal