22:03 Venres, 20 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-07-2018

Como organización xuvenil, Galiza Nova acabou por se demostrar, na práctica, como unha verdadeira escola de militancia

Tres décadas a empurrar unha Galiza Nova

Valorar (20)

XABIER PÉREZ IGREXAS



Galiza Nova está a piques de cumprir trinta anos. Non é pouco. Non hai moitos casos nin precedentes dunha organización xuvenil en Galiza que teña desenvolvido unha acción continuada durante un período de tempo tan longo. Un mérito acrecentado pola dificultade de o facer desde posicións rupturistas, das de verdade, confrontadas co statu quo, desde un neto compromiso en chave patriótica e social, afirmando sen complexos que o futuro do pobo galego só pode pasar polo exercicio da plena soberanía nacional e popular. Soberanía ao servizo do pobo para o mudar todo.

Durante toda a súa andaina, Galiza Nova, non só mantivo vivo e continuou o legado de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), que foi unha célula decisiva na articulación do movemento nacional e popular na década dos setenta e oitenta, senón que atinxiu unha dimensión social de enorme relevo. Procesos como a loita contra a LOU, o Nunca Máis ou Non á  Guerra, non terían adquirido o alcance que a nivel xuvenil tiveron, se non for polo axir denodado, sistemático e continuo da organización xuvenil do BNG.

Se ollamos con perspectiva histórica o importante treito de camiño percorrido por Galiza Nova temos que salientar a súa permanente determinación por orientar a súa actividade sobre a premisa de procurar a máxima incidencia política práctica. Cun activismo enraizado na realidade concreta, a pé de rúa, de centro de ensino, de facultade e tamén, inda que en menor medida, de centro de traballo. Unha acción política cunha indiscutíbel vocación de masas, tanto na faceta mobilizadora como, e sobre todo, no traballo axitativo e de propagación. Non foi, nin quixo ser nunca, Galiza Nova unha estrutura autoreferencial, nin un cenáculo teoricista, nin un grupúsculo de iluminados e iluminadas. Pretendeu ser, e modestamente acho que en grande medida o logrou, a expresión organizada da mocidade consciente e combativa do noso país. E un instrumento decisivo para lograr que amplas camadas xuvenís, de varias xeracións, se referenciaran no nacionalismo galego como alternativa transformadora e emancipadora.

Como organización xuvenil, Galiza Nova acabou por se demostrar, na práctica, como unha verdadeira escola de militancia. Permitiu incorporar e organizar a millares de mozas e mozos, empurrados por esa enerxía incombustíbel que é a ambición revolucionario de transformar radicalmente a realidade. Fíxoo e faino, ademais, desde o apego á realidade concreta e material, a esta terra e a este tempo, fuxindo das abstraccións paralizantes e do ideoloxismo simplón. Soubo, ademais manter un perfil propio, defendendo con honestidade unha perspectiva autónoma sen que iso supuxese enfraquecer a ligazón, estreita e intensa, co conxunto do movemento nacionalista galego e singularmente co BNG como referente político.

Nas súas tres primeiras décadas de existencia, Galiza Nova contribuíu a eito tamén a fortalecemento do propio proxecto nacionalista, desde posicións indisimuladamente soberanistas e de esquerda, fornecendo de millares de cadros políticos non só á Fronte Patriótica, senón ao conxunto de organizacións do nacionalismo. Repararmos hoxe en referentes chave, pero tamén en destacados dirixentes de niveis intermedios e activistas de base, permite comprobar até que punto a militancia en Galiza Nova ten sido unha experiencia fulcral na conformación de novos continxentes que hoxe sosteñen, empurran e participan ao máis alto nivel da dirección do movemento nacional-popular. Desde as bancadas do Parlamento galego e os concellos, pasando polo ámbito organizativo, até o sindicalismo, mozas e mozos que outrora fixeron parte activa de Galiza Nova hoxe son pezas decisivas no presente e garantía de futuro para o nacionalismo.

Houbo, e hai, eivas, insuficiencias, deficiencias e equivocacións. Como en toda obra humana e colectiva. No entanto, o balanzo destas tres décadas é obxectivamente moi positivo, significando a Galiza Nova como un verdadeiro motor do proceso de emancipación social e nacional do noso pobo.

Un motor vizoso que ten por diante inda moitos quilómetros a percorrer. Coa experiencia acumulada dunha traxectoria máis que digna e coa enerxía e potencial sen límites da mocidade como actor histórico. Mais tamén con importantes reptos por diante. Como é o de encarar un tempo histórico ultraacelerado, o agravamento do problema da conciencia (cun pensamento dominante que é máis dominante do que nunca) e que se manifesta en forma de despolitización, alento do individualismo e da resignación, pero tamén nunha crecente fragmentación das loitas. Confrontar esa enxurrada exixe da máxima intelixencia colectiva e, sobre todo, continuar determinadas e determinados a contribuír a facer posíbel a mudanza necesaria. Que hoxe, como hai trinta anos, segue a ser construírmos unha  Galiza ceibe e popular. Esa Galiza Nova que máis cedo que tarde será.



[04-07-2018 08:07] Xose Antonio comentou:

Noraboa polo teu artigo, Xabier. Concordo coa túa loanza á Galiza Nova e a tódalas persoas que nestes trinta anos axudaron a construír a Galiza que arelamos. Hoxendía a militancia política non é popular nin está prestixiada socialmente, por múltiples e variadas causas, por iso ten moito máis valor a militancia nacionalista, e máxima en xente tan moza. Eu acredito no futuro da organización xuvenil Galiza Nova e tamén no proxecto nacional do BNG. Unha aperta.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal