22:05 Venres, 20 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-07-2018

Segundo Losurdo a grandeza de Lenin estivo no seu profundo coñecemento da historia e da realidade de Rusia e na súa capacidade para conxugar o patriotismo co marxismo, algo que tamén destacaba das revolucións cubana e china

Domenico Losurdo

Valorar (12)

DUARTE CORREA PIÑEIRO



Sorprendeume a noticia do falecemento de Domenico Losurdo pois entre as tarefas pendentes para este verán está a lectura do seu libro Guerra e Revolução: o mundo um século após outubro de 1917,  que me trouxo Néstor Rego do Brasil hai meses e aínda non tiven oportunidade de empezar.

E coincide que foi no Brasil, vai haber xa 13 anos, onde souben da existencia deste importante filósofo marxista italiano especializado no estudo do pensamento de Gramsci. Lembro que foi lendo un artigo do camarada e amigo Aloisio S. Barroso na Revista Princípios (revista teórica do PCdoB) sobre a súa obra Fuga da História? A revolução russa e a revolução chinesa hoje; un artigo que me chamou  moito a atención pois non escoitara falar antes de Domenico Losurdo.

A partir dese momento tiven unha especie de obsesión por saber máis sobre un intelectual europeo pouco coñecido, e fun vendo que tiña unhas firmes conviccións , estaba empeñado na crítica ao liberalismo e ao capitalismo, e cunha preocupación básica por desenmascarar o revisionismo histórico que falsifica e rouba ao povo a súa historia.

Losurdo definíase como marxista.-leninista e, defraudado polo proceso que levou á destrución do partido comunista máis importante de Europa occidental e pola deriva de Rifondazione Comunista, centrouse nas últimas dúas décadas sobre todo nun intenso labor intelectual e ideolóxico, coa publicación de numerosos e importantes libros e unha frenética actividade de conferencias coloquios e seminarios que o levaron a diversos países, destacando sobre todo a súa relación intensa co Brasil; ademais era presidente da Asociación Político-Cultural Marx XXI e botaba unha man dentro das súas posibilidades na reconstrución do movemento comunista italiano, sendo no momento da súa morte membro do Comité Central do pequeno Partito Comunista Italiano.

Ao ler a súa obra podemos comprobar que Losurdo non se dedicada a mirarse o embigo como grande parte da intelectualidade que nos rodea que segue presa do eurocentrismo; a súa obra móstranos unha persoa de mente aberta, capaz de analizar e de valorar experiencias que en non poucas ocasións difiren dos seus propios esquemas ao respecto de como se desenvolven os procesos políticos revolucionarios, unha persoa ademais moi interesada en coñecer a realidade da loita doutros povos. 

Dese interese de Losurdo polo que acontece no mundo fun testemuña hai agora catro anos cando participou en Pontevedra como poñente na edición da Semana Galega de Filosofía dedicada á Revolución; grazas a Xoán Carlos Garrido tiven oportunidade de manter unha interesante conversa con el e debo dicir que me sorprendeu, pois o meu interlocutor amosaba verdadeira preocupación por coñecer a realidade política e social de Galiza, e sobre todo chamoume a atención o seu interese en saber dos posicionamentos políticos e da actuación social da UPG, partido sobre o que tiña unha pequena referencia. Recoñecía que a súa información sobre determinadas loitas como a nosa era escasa, e ademais en diversas entrevistas e escritos seus podemos comprobar que diverxemos  ao respecto do papel do nacionalismo en Europa, algo lóxico tendo en conta a súa formación e a súa traxectoria, pero esa diverxencia entendo que non viña acompañada de sectarismo. Losurdo ten manifestado en diversas ocasións que sempre temos necesidade de coñecer pero aínda máis nun período histórico como o actual, caracterizando pola ofensiva do capitalismo, precisamos valorizar os distintos movementos e partidos que se manteñen firmes sen facer concesións, e aprender dos erros daqueles que pensaban que adaptándose e soltando lastre ían sobrevivir pero foron levados pola enxurrada do neoliberalismo.


Eu distingo no pensamento de Losurdo tres liñas fundamentais:

‒        A referencia ás “loitas de clases” en plural, tal e como aparece no texto orixinal en alemán do Manifesto Comunista; loitas que son varias e que o marxismo ten capacidade de unir, adquirindo maior importancia unha ou outra en función do momento, do contexto político e social e dos e das protagonistas . Losurdo facía referencia a tres loitas que segundo el eran fundamentais, partindo de Marx sinalaba a loita entre proletariado e burguesía e a loita dos povos pola súa liberación nacional, e tendo como referencia o manifestado por Engels, a terceira loita de clases é a que se produce contra a primeira forma de opresión que se deu na historia, a loita contra a opresión da muller.

‒        A importancia da cuestión nacional e do patriotismo; como grande estudoso do pensamento gramsciano dicía que para Gramsci a revolución só se pode producir se hai unha total comprensión do feito nacional, “o internacionalismo é auténtico só sendo profundamente nacional”. Segundo Losurdo a grandeza de Lenin estivo no seu profundo coñecemento da historia e da realidade de Rusia e na súa capacidade para conxugar o patriotismo co marxismo, algo que tamén destacaba ao falar das revolucións cubana e china. E lembraba ademais que abordar a cuestión nacional correctamente foi central para o triunfo da revolución de outubro pero esa mesma cuestión nacional foi chave na desaparición da Unión Soviética.

‒        A importancia da historia e de combater o revisionismo histórico, pois a memoria histórica é un terreo fundamental da loita ideolóxica. Losurdo consideraba que a crítica aos erros e aos crimes cometidos en determinadas experiencias de construción do socialismo non debe confundirse coa renuncia á identidade comunista e coa negación dos avances que debemos ao socialismo. Os seus libros Stalin, historia e crítica dunha lenda negra A cultura da non violencia, nos que respectivamente rexenera a figura de Stalin sen tapar os crimes cometidos na súa etapa e desmitifica ao Gandhi da non violencia, son claros exemplos da súa preocupación por combater o revisionismo histórico.

Coa desaparición de Domenico Losurdo perdemos un pensador marxista que aínda podía aportar moito, pero estudar a súa abondosa obra permite dotármonos de importantes ferramentas teóricas para o combate ideolóxico.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal