12:15 Xoves, 15 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-06-2018

Nunca deixan de me sorprender os limites da estupidez machista

A cultura da violación

Valorar (114)

ROBERT NEAL BAXTER



Cando a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova anunciou un coloquio en Compostela con Margarida Corral, responsábel da Secretaría da Muller da CIG, titulado “Derrubando a cultura da violación”, un home publicou o seguinte comentario no Facebook: “Tamén hai cultura diso? Vaia conachada [sic] de expresión. Existe a cultura da mexada contra a parede?” A verdade é que non deberían, mais nunca deixan de me sorprender os limites da estupidez machista. Vou ser xeneroso e imaxinar que se trata de ignorancia supina (aínda que sospeito que máis ben provocación coa intención de frivolizar a violación) e tratar de facer un pouco de pedagoxía ‘de home a home’ – a ver se produz máis efeitos, que seguramente fará máis caso a un outro home que a unha muller...

O conceito de ‘cultura do estupro’ ou ‘da violación’ foi acuñado durante a segunda onda do feminismo que surxiu nos E. U. A. nos anos 70 para caracterizar unha sociedade onde a violación (isto é, calquer relación sexual non consentida) constitui unha prática non só endémica, mais tamén banalizada e normalizada; noutras palabras, socialmente lexitimada e aceitábel, asentada nos estereotipos de xénero e de sexualidade predominantes na sociedade patriarcal. E por se alguén aínda dubidase, todo ficou claro como a auga coa posta en liberdade dos cinco da “Manada” baixo fianza de 6.000€. En España a violación en grupo sai moi barata.

A cultura do estupro maniféstase de moitos xeitos diferentes e interrelacionados, moitas veces explícitos, mais tamén amiúdo máis subrepticios, como no caso das representacións artísticas que se escudan detrás da mitoloxía clásica para retratar os violadores como herois e as mulleres como vítimas, habitualmente voluntarias que gozan da violación; por exemplo, nos múltiplos cadros e esculturas do rapto das Sabinas, o rapto de Europa ou o estupro de Leda.

Esta normalización do estupro radica no binarismo de xénero baseado en falsos esencialismos, onde o home non é responsábel dos seus actos, xa que é “naturalmente agresivo” e posúe maiores necesidades sexuais que a muller, cuxa frixidez natural se pode arranxar facilmente cunha “boa polla”. Paradoxalmente, os violadores tamén son apresentados como seres doentes, que precisan de axuda e que merecen misericordia. Deste xeito, tampouco son responsábeis dos seus actos.

E se os homes que violan non son responsábeis dos seus actos, quen o é? Obviamente, as mulleres...

A muller, hipersexualizada e obxectivada para a realización do pracer alleo mais nunca o seu propio, provocaría ou incitaría un home a abusar sexualmente dela ou a violala; pola roupa que leva, por calquera xesto susceptíbel de ser –intencionadamente– ‘malinterpretado’ (a “quentapollas”), por non expresarse claramente (“Cando as mulleres din que non, queren dicir que si”), ou simplesmente por non se amoldaren aos padróns de comportamento normativo feminino, como, por exemplo, no caso do “estupro corretivo” de lesbianas (ÁfricaAmérica Latina...). Son más mulleres e deben ser castigadas.

E todo isto vén agravado polo denominado slut-shaming (“tachar de puta”) que forma parte da culpabilización da vítima. A idea é moi simples: encanto os homes que manteñen múltiplas relacións sexuais son vistos sementais dignos de admiración, as mulleres que fan o mesmo son consideradas unhas “fulanas” sen vergoña. De facto, este argumento foi utilizado polo líder da “Manada” para xustificar o estupro en grupo.

O problema radica en perder a súa sacrosanta virxindade (véxase, por exemplo, a degradante “proba do pano” na cultura cigana), ao tratarse dunha “conquista” que corresponde en exclusiva ao marido, sabendo que o facto de casar marca tradicionalmente a pasaxe de ser propriedade persoal do pai a formar parte do gando do marido. De aí que, até moi recentemente, nen se recoñecía o estupro dentro do matrimonio como delito, por estar obrigada a muller a satisfacer os “dereitos conxugais” do seu home. Aínda que legalmente xa non é en teoría así, non significa que este pensamento desaparecese da mentalidade xeral desta nosa sociedade alicerzada sobre o patriarcado que enxendra o pensamento machista, e que se torna extensíbel a calquera relación de parella estábel ou mesmo a encontros pontuais ou citas (date rape).

E se se viola unha muller en estado de embriaguez, lonxe de ser un agravante, o máis probábel é que o violador saia impune, xa que a vítima sería incapaz de opor a resistencia preceptiva que contempla a lexislación española para que tal acto sexa considerado estupro, como aconteceu no caso da rapariga abusada reiteradamente desde os seus cinco anos ata os dez porque o xuíz non apreciaba indicios de agresión sexual: «No se ha probado que la menor opusiera resistencia física o protestara, llorara o gritara, siendo habitual que volviera a la casa del acusado toda vez que éste le hacía regalos diversos para contentarla».

Pódese afirmar sen nengún tipo de ambigüidades que vivimos nunha cultura da violación porque a lei se coloca claramente do lado do violador sen se ruborizar de vergoña.

Na sociedade patriarcal o estupro está normalizado e banalizado a todos os níveis, silenciando e anulando a dor das vítimas, desde o lexislativo até a apoloxía e encubrimento da violación, pasando polas habituais brincadeiras. Négase que se trata dun fenómeno xeneralizado, aínda que é o delito que máis aumenta en número de casos na Galiza, onde unha muller é violada cada semana, segundo as cifras oficiais.

Falo como home, porque se os homes non colaboramos para sermos unha parte da solución, renunciándomos aos privilexios que nos outorga o patriarcado, seguiremos a ser unha parte dun problema que non se pode tolerar nunha sociedade que se proclama moderna e democrática.  



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal