12:15 Xoves, 15 de Novembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-06-2018

Seara, Senra e Serna: tres significantes distintos é un só significado verdadeiro

Valorar (10)

CÉSAR VARELA GARCÍA



Cuase todos os toponimistas concordan en que o significado diste nome ten a ver coas sementeiras. Onde non hai acordó é na orixe de semellantes chamadeiros.

Como exemplo cualificado recollemos  o que o o prof. A. de Ameida Fernandes opina encol do caso:

“ Temos o n. comum “seara” predial, pois não creio que o topónimo ascenda á forma anterior, senara,que seria recuar talvez demasiado. A pesar do que diz por Corominas o autor de DE-5 p.167 ( Dicc. de P. Machado), aceitando-lhe a origem  pré-rromana, sen-ara,creio que em senara temos um n. comum desa origen, mas de tónica sen, como nos pré-romanos de origen, e em –ara como este,”gándara”, “cântara”, “lôngara”.

Daí a forma “senra” que ocorre com “seara” (<senara> “*s~eara”): 943 “villa et senrra”; havendo também por  hipértese “serna”: cerca de 1030 “sernas per sekare” (segar). Depois, senara ( sé-) sofreu avanço da tónica ( em vez de retracção, como que o autor de DE-5, seguindo a Corominas, que dizia o que lhe parecía , claro ), e daí “seara”.

É notável este texto, que indica a cultura (cerealífera) e establece um paralelo espontâneo com “senra”: “alia senara que jacet in illa Senra semeadura de milio”,DC 888- uma “seara” no local de Senra, paralelismo que acho repetido em 1258 “erdade entre a Senra e a Seara”, deduzindo sobretudo do primeiro destes textos a anterioridade perfeitamente, in loco de “senra” a “seara”- ou, logo, de sénara ou  sénera (evolução) a senára- o que acentuo gráficamente por motivos evidentes. “senra” sinónimo de “seara”( e de “serna”).
 
Até aquí a opinión do profesor portugués cuxa explicación suxire:

a) Unha orixe pre-romana.

b) Unha mudanza de acentuación para que saian os dous resultados de SENRA e SEARA.

Nós propomos un relato alternativo desde unha orixe latina; velaí :

Segundo a nosa teoría, tudo procedería dun latino SÉMINARA, recollendo a idea de “ terra de sementeira”.

Esta palabra debeu sofrir duas evolucións, unha popular e outra culta:

1)    SENRA, seria a evolución desde o latin na boca do pobo, así: SÉMINARA > SÉM´NARA > SÉMNARA > SÉNNARA >SÉNRA

A RUA da SENRA compostelán estaría designando as terras de extramuros adicadas ás sementeiras  para abastecer á cidade medieval; probabelmente estarían adicadas a centeo e trigo, ou sexa,  “pan”; ainda que había SEARAS adicadas a outros cultivos diferentes do cereal.

2)    SEARA, postulamos que fose a palabra que saiu das oficinas dos escribas e notarios, que primeiramente escribiron S~EÃRA, con dous tildes ( ~,~ ) acima do –E- e do –A-, para transcreber as letras “M” e “N”.

Debeu aconter que  co  paso do tempo, deixaron de marcar os tildes nos escritos, e pasaron a escreber, e por tanto a pronunciar, simplesmente, SEARA, tal como escoitamos hoxe.

Sabemos, que á vontade de EL REI ou do poder feudal , chegaba para mudar o nome dunha vila; velaí o caso estudado por o prof. Navaza a lor  do nome de CRUNIA, ou os nomes de BAIONA, VIANA ,VALENÇA ou SALVATERRA, chamadeiros todos, postos por vontade real en lugares que, antes do decreto,  locían outras denominacións.

Aventuramos pois, que a  influencia dos notarios, tabeliões e cregos, na alteración dos topónimos, debeu ser, tamén, moi grande, e asi, o nome de algúns lugares de chamadeiro popular SENRA, pasaron a chamarse, por influencia  culta, de SEARA.

A orixe, na nosa explicación, seria pois, latina, ainda que en alguns escritos aparece escrito como, “SENARA”, que algúns entenden como pre-latina, cando non sería mais que unha   lembranza da anterior SEMNARA, escrita nun tempo en que a queda do “N” intervocálico xa non era posíbel.

Por tanto, na nosa opinión, SENRA e SEARA teñen a mesma orixe no latin:  “SEMINARA terra”.

Non obstante, nos documentos medievais aparecen expresións tais como : en 1098 “ SENARA que jacet in illa SENRA semeadura de millo” ou “a nosa leyra que jaz en a SEARA da SENRA”; onde aparecen xuntas as palabras SENRA e SEARA.

Dá para pensar, que co paso do tempo, a SENRA, nomeaba  unha extensión de terra de sementeira xenérica, mentras que a SEARA, designaba un pedazo con cultivos concretos:

Por ex. “SEARAS de pam”; 1263 “SEARA de vinha”; 1258 “SEARAS de cebolas”.

Sería como falar hoxe, dunha AGRA ABERTA, que conten diversos AGROS particulares. Así, unha SENRA, comprendería, dentro de si, diferentes SEARAS.

O paso  de SENRA SERNA, ocurriría como un fenómeno chamado de “hipértese”, que se produce con moita regularidade na lingua falada.

Ainda nos dá para pensar se outras bisbarras como, LA SERENA, en Extremadura, non deberán o seu nome ás mesmas circunstancias que as nosas SENRAS e SEARAS.

E , ainda de esguello,reparamos no fermosas que serian esas verbas para usar como nomes de meniñas galegas en lugar das Aránzazus, Begoñas, Monserrats, Leires e Jenniferes,….

A toponimia do País é un tesouro para recoller nomes para os nosos fillos.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal