14:32 Martes, 07 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-06-2010

Traballamos pola formación, pola cualificación política colectiva ou agardamos un mesías?

O que máis chifle, capador; o que máis asubíe afiador

Valorar (51)

CÉSAR MOSQUEIRA LOURENZO



Se quixeramos enumerar as condicións ou virtudes que debe reunir un líder político, a conclusión sería evidente: imposíbel xuntar nunha persoa todas esas características, a pesar das reiteradas ocasións nas que organizacións ou sociedades chegaron a asumir e espallar a idea de que xa tiñan o dirixente perfecto. Isto foi culto a personalidade, non exemplos reais do que é un cadro político completo.

Enfocaremos o asunto desde outra perspectiva, vendo condicións que son necesarias para poder afirmar de alguén que é un cadro político:

- Tenlle que gustar de verdade a política, os asuntos colectivos, a maneira de organizar e gobernar a sociedade.
- Estar disposto a adicar tempo e esforzos ás actividades políticas, ás veces con renuncia a outras facetas da súa vida.
- Ter firmeza ideolóxica e política e interese por mellorar continuamente a súa formación.
- Ter unhas características persoais que se permitan actuar de xeito colectivo, tanto na toma de decisións como na organización do traballo.
- Estar disposto a desenvolver con seriedade e eficacia as funcións que lle asigne a organización, aínda que non sexan ás que puidera aspirar, sempre e cando correspondan coas súas características.
- Nunca pensar na política como un medio de promoción persoal ou social.

Estas condicións ten que cumprilas calquera cadro político; o que non implica que con isto só chegue para selo. Digamos que son as condicións mínimas que debe ter e manter; poden parecer moi simples pero xa elimina: aos arribistas sen principios sólidos, aos que sempre están rizando o rizo teórico, aos sumamente individualistas incapaces de traballar en equipo, e aos preguiceiros, incapaces do máis mínimo esforzo polo colectivo, que de todo hai na viña do señor.

Pasada a creba destes mínimos obrigatorios, as condicións que ten que ter a maiores un cadro político son máis complexas e difíciles de compaxinar:

- Capacidade de lectura, análise e conclusións, da situación e dos avatares políticos, tanto de fondo como conxunturais.
- Activismo social e unha boa capacidade de chegar ao público, sexa restrinxido nu amplo.
- Capacidade de priorizar as actuacións e de tomar decisións operativas.
- Capacidade de xestión, sexa interna da organización como, de ser o caso, da Administración Pública ou das organizacións sociais.
- Capacidade de reacción rápida e axeitada ante os imprevistos.
- Solidez e solvencia que lle permitan non avanear nin nos intres máis complicados.

Evidentemente, non hai ningunha persoa adornada con todas estas características e todas en un grao elevado. Enténdase ben, hai moitos e moi bos cadros políticos, o que non existe é o cadro político perfecto ou case perfecto, ou polo menos eu non o coñezo. Diría máis, se alguén se cre adornado con todas estas virtudes, daríame moito que desconfiar. Entón, existen solucións?.

Simplificando, a experiencia demóstranos que hai dúas alternativas: a do líder cadro político débil e ambicioso e o funcionamento colectivo.

- O cadro político débil e ambicioso dáse en todos os ámbitos, desde os cargos máximos até unha pequena agrupación local. As características de funcionamento son sempre as mesmas: tentar rodearse dos que estima que non poden facerlle sombra, dos máis limitados politicamente. En definitiva, eliminar do seu arredor aos mellores cadros políticos para converterse en "gran xefe" insubstituíbel, tapar as súas limitacións coa incapacidade dos que o rodean. As experiencias internas e externas son abondosas e os resultados adversos tamén.

- A solución colectiva parte de que ninguén é perfecto, de que ninguén cumpre á satisfacción todas facetas, pero unha selección de diferentes características e un bo funcionamento conxunto fai que afloren as virtudes de cada quen e se difuminen os seus defectos e limitacións. Os mellores en cada faceta das que definen un cadro político, para deseñar un equipo no que todos melloren substancialmente as prestacións que poden dar por separado. 

Como conclusión, a política é unha actividade noble e complexa que nós mesmos como organización política temos que valorizar. Desde logo, fóra os complexos en relación a outras actividades profesionais ou sociais; cada unha ten as súas especificidades pero non se é cadro político por desenvolver ben outras funcións; artistas recoñecidos do asubío descoñecen absolutamente as artes de afiar. A cualificación política amosase na práctica política colectiva, sendo esta, cando é política de verdade, a faceta máis elevada do ser humano. Esquezámonos de agardar un mesías pero sen esquecernos de que a nosa terra de promisión é Galiza.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña