21:55 Venres, 20 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

17-06-2018

O cóctel de incuria, ignorancia e españolismo feroz non pode ser máis explosivo

Indignidade académica e masoquismo galego

Valorar (31)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO



O día 3 de Xuño de 1997 tivo lugar, no Congreso dos Deputados, o debate da Proposición de Lei emanada do Parlamento Galego atinente á oficialización dos nomes “A Coruña” e “Ourense” como os das provincias respectivas, en concordancia cos correspondentes das cidades, restaurados como lexítimos e legais após a lei de Normalización Lingüística de 1983. Tal debate foi posíbel porque así o instaron os deputados do Bloque Nacionalista Galego, após a aprobación dunha lei semellante que daba carta de oficialidade aos topónimos cataláns Lleida e Girona, tamén como denominacións das provincias (competencia estatal). A iniciativa parlamentar do BNG, con intervención do seu portavoz no Congreso Francisco Rodríguez, foi moi oportuna, pois, no caso de non ter sido presentada a aquela altura, decairía por conclusión da lexislatura galega (1993-1997) e ficaría sen efeito. Como portavoces do Parlamento Galego interviñemos Fernando González Suárez, polo PP, Mª Xosé Porteiro, polo PSOE, e unha servidora, polo BNG. Lembro vivamente a impresión que me causou o modo galiñeiro da Cámara española (en comparanza con ela, o Parlamento Galego da altura era un modelo de corrección): moitísimos escanos baleiros, ruído, conversas, Cristina Almeida repartindo bombóns aos próximos ao seu escano para celebrar o seu aniversario... A atención de Francisco Rodríguez e de Guillerme Vázquez só se viu acompañada pola educada escoita de Carme Gil, deputada de Convergència i Unió, Cristina Narbona, do PSOE, e Mª Jesús Sainz, do PP. O resto, aos seus asuntos... A lei foi aprobada e, a partir dela, comezamos a ver “A Coruña” en estacións de tren, aeroportos, estradas e autoestradas, non sen múltiplos recordatorios da necesidade da súa aplicación. O sr. Aznar, presidente do goberno español e naquela súa primeira lexislatura precisado dos votos de nacionalistas bascos e cataláns, seica se enfurecía ao contemplar o rótulo “A Coruña” en sinaléctica de Madrid. Moi pouco despois da aprobación da lei, non faltou a voz académica que viña aguar o viño: o director da Real Academia Española, Víctor García de la Concha, veu afirmar que, en español, tamén era válido o nome “La Coruña”, en perfeito acto de vasalaxe ao poder político español que mal toleraba a presenza do galego, sequer fose no respeito aos topónimos.

Vinte e un anos despois temos que aturar que a indouta institución, a Real Academia Española, dá en admitir a barbaridade de “Sangenjo”, segundo ela non “traducción del gallego Sanxenxo, sino su adaptación grafofonológica a la ortografía del español”, polo que sería o tal barbarismo usábel en contextos informais. A maior abondamento, cita como exemplo “Londres” como nome español de “London”. O cóctel de incuria, ignorancia e españolismo feroz non pode ser máis explosivo. A alerxia patolóxica a todo o que non sexa español rampante, dentro e fóra del mesmo, leva a esta ignominia. Pola mesma, o español debería “traducir” o galego “axuda” por “ajuda”, “xema de ovo” por “gema”, “xacer” por “jacer” ou “xeito” por “jeito”. O que subxaz nesta pretensión é nen máis nen menos que a eliminación da lingua galega, reducida a un modo de falar que tería encaixe lóxico na única considerada tal, o español. Permiso do omnipotente español para considerarnos, aos galegos, indíxenas reductíbeis á única norma-lingua existente, ditaminando que as formas xenuínas e o seu dereito a usalas, oralmente e por escrito, dependen da superior autoridade do idioma oficial do Estado. Que o español denomine “Burdeos”, “Tolosa” ou “Londres” a Bordeaux, Toulouse ou London non rabuña absolutamente nada das cidades correspondentes e das linguas a que estes nomes pertencen, o francés ou o inglés. No noso caso, trátase de barbarizar, de desfigurar á mantenta, nunha mentalidade que se traduce en: “No tienen ustedes derecho a existir; nuestra omnímoda voluntad puede deformarlos a nuestro antojo”. Por isto, e grazas a unha deplorábel e servil política autonómica, aínda inzan topónimos como “La Sardiñeira” ou “La Zapateira”: só podemos ser un híbrido, onde o galego apareza como un resto local acompañado do salvoconduto español, signo  -como a marca a fogo e ferro das greas de cabalos-  da pertenza ao amo, que pode selar así a súa propriedade.

Pois ben, con estes antecedentes, ollemos agora para a resposta oficial galega. Ula? De que valor hai que se dotar para “celebrar” os próximos 35 anos da Lei de Normalización Lingüística, unha lei cativa e inaplicada, cuxo único artigo prescritivo é precisamente o artigo 10, que estabelece como forma oficial a forma galega dos nomes de lugar? Vexamos cal foi a resposta orzamentaria, a través dalgúns exercicios das contas da Xunta, como achegas á Fundación Pro Real Academia Española:

Ano 2008: 30.051 euros; ano 2009: 30.091; ano 2010: 25.543; ano 2011: 16.603; ano 2012: 8.068; ano 2013: 7.655. Total: 118.011 euros, en seis anos; 87.960, da Xunta presidida por Núñez Feixoo. A exclusión, o desprezo, o decreto de suspensión da nosa existencia como povo, pagados con diñeiro público por nós mesmos. Como se denomina isto? Prevaricación? Auto-odio? Aceitación compracente do dereito de pernada? Benzón consentida da violación domiciliar? Pagamento da colonia  -como en tantos outros aspectos-  á metrópole?

E as institucións culturais galegas, pagas igualmente con diñeiro público? Deixaron ouvir a súa voz? Elevaron a súa enérxica protesta á RAE? Non tiven noticia de tal. Coido que deberían felicitar efusivamente ao sr. Raxoi, pola dilixencia da RAE en abenzoar o seu uso bárbaro do topónimo mencionado ou doutros como Soutomaior, convertido en “Sotomayor” na súa voz. Premio de consolación despois de se ver forzado a abandonar o goberno español, e credenciais vasaláticas para o novo idem.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal