06:16 Martes, 21 de Agosto de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-06-2018

Canto me lembro do xa esquecido

Andando os camiños da memoria

Valorar (2)

MANUEL VILAR ÁLVAREZ



Tense escrito e teorizado moito sobre a memoria e o seu papel na construción das identidades. Só quero aquí andar polos camiños da Terra, o camiño como memoria, como xa cantaba o Zeca: “só se lembra dos caminhos velhos quem tem saudades da terra”. O título deste artigo vén dun poema de Caballero Bonal. Foi este poeta quen tamén dixo que, un día, a xeografía pode ser desapiadada cos que desistiron de crer na historia e á volta aos camiños ten que servir para construír memoria. Non obstante o éxito que se vende dos “camiños” estase facendo desde unha óptica ahistórica, como para non molestar ou vender un produto light.

A memoria é un fenómeno colectivo e xeracional que se constrúe dentro dunhas coordenadas temporais e dun espazo concreto.O desmantelamento do sistema agrario trouxo aparellado unha perda de sinais e unha nova concepción do espazo que non sempre se constrúe desde o legado polos que nos precederon. Non se procura encadear unha tradición nun proceso de cambio. Isto trae profundas transformacións que levan ao desmantelamento dunha memoria histórica, colectiva, comunal, social ou como se lle queira chamar. A globalización e a mundialización da economía, xunto coa toma de decisións políticas tomadas en marcos desligados ou lonxe do local, teñen xerado unha nova visión e relación co espazo. A globalización ten efectos máis alá da deslocalización de empresas, é tamén desterritorialización poboacional, aínda que os habitantes dun lugar non mudaran de sitio, pero están deslocados. A alteración da paisaxe, en casos radical, ten borrado marcadores dun coñecemento local xerado ao longo do tempo. Unha alteración que non é só de imaxe, aínda que as imaxes tamén serven para articular memorias e axudar a ter referentes na vida diaria, referentes que serven para non perdérmonos, para non perder as capacidades conceptuais e cognitivas.

Estou andando polo camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía, un camiño agora andado por milleiros de peregrinos, pero andados polas xentes de aquí. Chego a unha aldea nas terras barcalesas. A imaxe é de grandes pradarías e, como manchas, uns gamallos e pedras, restos arqueolóxicos dun parcelario e dun viario xa históricos. Pero temos a oportunidade de falar cun home maior e a súa visión desta paisaxe é outra. Sobre estes mínimos restos é capaz de trazar con detalle o camiño polo que ían á igrexa parroquial, polo que ían levar os veciños mortos, polo que ían á festa, a taberna, a mocear ou á feira, é dicir, a lugares propicios para a socialización, para crear comunidade; tamén forman parte da súa memoria porque nalgún deses puntos era “onde salían os mortos”, e os medos tamén son culturais. Onde nós podiamos ver unha paisaxe estática, sen nomes, baleira de contidos e só con herba, el vía marcos referenciais para os seus recordos, contemplaba o territorio como un escenario onde tiveron lugar feitos que marcaron a súa vida e a dos seus veciños, tiña diante dos seus ollos unha paisaxe cargada de significados, totalmente semantizada. Teremos que volver a semantizala se non queremos vivir no deserto social.

Estas experiencias tamén veñen demostrar que a memoria non é só persoal ou individual, é colectiva, constrúese dentro dun marco referencial, pois os recordos tamén os construímos sobre unha herdanza, sobre unha cultura local á que pertencemos. A paisaxe non é só un espazo neutral e amorfo, é o soporte dunha memoria, por iso é mellor borrala, baleirala de contidos e nós, consumidores dominados polo fácil. Si así seguimos seremos, como diría un poeta portugués, un país a pasar para o outro lado de si mesmo.

Seguimos andando os camiños. Estamos agora noutro lugar que, desde hai uns anos, quedou constrinxido entre a vella estrada e outra nova de máis tránsito e máis veloz. Esta nova estrada non só borrou os restos do vello camiño real ou entullou lugares xa marcados como referentes viarios, tanto nun informe sobre os camiños que saían de Compostela polo ilustrado Xosé Cornide, como no mapa de Domingos Fontán, senón que enguliu algunha fonte e o paso a terreos que agora quedan detrás do recheo da estrada e, para chegar a eles, hai que dar un rodeo ou pasar polo “tubo”, polo buraco que deixaron para que corra un regato. A estrada cortou a paisaxe da vida cotiá desta xente. A persoa que nos leva a estes sitios ten memoria deles e do camiño lousado que foi desfeito só para ampliar unha pista. Á hora de planificar non se atende, nin se respectan os intereses dos afectados locais. Prima o interese “xeral”, a obra pretensiosa.

Hai xa anos un vello muxián, nacido no 1900, contábame como era a viaxe dos Abentes e Balboas de Muxía a Compostela cando estudantes (lembrar que Gonzalo López Abente naceu en 1878). Dicíame que saían de madrugada e, a cabalo, chegaban ao mediodía a San Martiño de Fontecada, alí onde a Terra de Xallas se empeza a encontrar coa de Barcala. Neste lugar paraban para almorzar á sombra dun carballo. A anécdota é que un día, estando comendo chegou un paisano, armado de machado e tronzador, dicíndolles que tiñan que erguerse, que ía cortar o carballo. Ante as preguntas do pai de López Abente o paisano contestoulle que tiña que cortar o carballo porque o vendera, pois precisaba os cartos. Ofrécelle entón o muxián algo máis por el coa condición de que non tiña que cortalo para eles poder seguir tendo unha sombra á que descansar e comer na viaxe.

E volvemos ao camiño. Andando por esta mesma paraxe atopo a un home que me conta unha historia parecida e me sinala o que, segundo el “ou eso contaba meu pai”, é o carballo que non se cortou. O carballo segue alí, marcando un camiño que xa non se anda, pero nós non temos que perder o rumbo dos camiños. O poeta diría despois que “aínda quedan carballiños tortos polos chans das devesas demoucadas”.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal