10:17 Luns, 10 de Decembro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-06-2018

Vaise Rajoy, á fin. Tempo era. Deséxolle o mesmo tormento que el lle deu aos cataláns e catalás.

Adeus, Mariano, adeus.

Valorar (9)

LOIS DIÉGUEZ



Golpe de Estado, fraude, imposición de separatistas, roxos e amigos de ETA (xentes de mal vivir, pois)... e outras sentencias dispara o PP despois de ser desaloxado do goberno polo voto de distintos partidos que xuntos suman moito máis do que o PP puido soñar na súa historia. Afeitos a gobernar con ese estilo rancio, prepotente, propagandístico e con fondo desa ideoloxía españolista acérrima, non se lles podía pasar pola cabeza que un día a situación podía mudar e eles baixar dese trono que consideraron sempre marca exclusiva de españolidade e que ninguén máis sabía defender. A peineta, a guitara, o brandy fino e as castañolas como distinción e arma a enfrontar a todo o que o contradiga como símbolo. E capitaneado por un galego, nada menos, un rexistrador da propiedade que nos longos anos que gobernou nunca dixo unha soa palabra no idioma propio da Galiza e actuou nesa concepción torpe e suicida de mantela nos límites ferreños da rexionalización.

           Foi obsesión constante dos portavoces e panexiristas do PP introducir a idea de que Mariano Rajoy era un dos deputados máis brillantes do parlamento español. Nas mesmas tertulias controladas polo "aparato" nos medios de comunicación, repetíano arreo, sobre todo nos momentos en  que o personaxe soltaba frases dunha intelixencia e brillantez sublimes, como "para mi ser presidente del país es la pera", ou "España es una gran nación y los españoles muy españoles y mucho españoles", ou "un vaso es un vaso y un plato es un plato", ou xa esa outra de antoloxía, "que todos los que están aquí descienden de la pata del Cid". A propaganda non deixaba momento nin espazo para insistir na loa, teimosamente, coa obsesión de converter a falsidade en irrefutábel verdade.

           Don Mariano Rajoy Brey non foi capaz tan sequera na súa despedida como presidente, de manter unha mínima elegancia e respecto ante un parlamento que glorificou sempre como representación da soberanía española; e enrabiado pola moción de censura, mentres os deputados e deputadas debatían o cambio, fuxiu para un restaurante onde pasou a tarde até finalizar a sesión. Conclusión: se o parlamento non é del, non lle vale. Se non vai gañar a votación para que perder o tempo.  Por iso que os arrebatos de patriotismo, nesta xente,  non son na realidade, tan sagrados como confesan. Todo é asegún, como di o vello refrán que traducido no caso sentencia que todo é segundo o que se lle pode sacar, e o que saca o PP habitualmente xa sabemos o que dá: cartos.

           Este foi, é, o estilo dun partido que, convencido de que é o único verdadeiro salvador de la patria, pois actúa como os vellos curas apaixonados daqueles sermóns nos que todo era pecado e por forza habiamos rematar no inferno. De aí eses rostros adustos dos e das portavoces, miradas de odio, ataque sen cuartel aos que non pensan e non senten coma eles, e paralelamente, co control fanático das identidades nacionais e o roubo a manchea para sacar adiante, sobre os demais, a mellor e máis efectiva propaganda  que os leve ao trono, é dicir, ao goberno de la nación monárquica por mandato de Deus. (E a última: agora que xa non gobernan e para vingarse do PNV que votou por Pedro Sánchez , pois van emendar os orzamentos que eles mesmos aprobaron). 

           E de tales actitudes e ideas viñeron estes anos negros de represións, cárceres e exilio e unha economía baseada na explotación feroz do pobo. Traballadores-as que non teñen vacacións nin poden poñerse enfermos, nin poden pagar un piso onde vivir; que cobran, xa que logo, unha miseria; fronte a unhas estatísticas de éxito continuado contra o paro. Sanidade por ordenador: que as listaxes de espera son numerosas?, pois non se dan citas e así podemos dicir que non existen tales listaxes. Ensino para as elites, para ricos e coa historia e idioma españois como base de todo coñecemento e idea, e utilizado como arma efectiva para ir eliminando os outros. Sábeo ben o vicerrei de Mariano aquí, o señor Freixó-Xó, coa súa cruzada contra o noso, o galego, moi efectiva desde que el nos atormenta. Imaxinade por un momento o que significaría hoxe a continuación dun Estado gobernado por estes homes e mulleres  do pau e da tesoira prestas.

           Vaise Rajoy, á fin. Tempo era. Deséxolle o mesmo tormento que el lle deu aos cataláns e catalás. Un ano máis e o golpe de Estado decretado en Catalunya  abranguería tamén as outras nacións. Porque imposíbel é que unha persoa que non escoita as queixas dos que sofren e ignora a autocrítica é imposíbel que mude as cousas. Deixa unha morea de leis represivas e a politización espuria, mesmo, dun sentimento como é o odio (eles que son quen máis o usan). Leis represivas que producen arreo condenas, cárcere e exilio mesmo por cantar e expoñer ideas. Imposición xa de xuíces preparados para iso en tribunais propios do franquismo. E un aparato policial para violentar con contundencia a discrepancia, pois ante el nin tan sequera podemos protestar. Por iso o seu destronamento é un alivio para a propia democracia. Adeus, pois, seu señor, látego, incompetencia e brutalidade. E que sexamos quen de botar todo iso abaixo e crear outro mundo variado e diferente que nos respecte ás persoas e aos pobos nos dereitos democráticos que nos corresponden. A loita, como a cabeza, nunca para. E o nefasto españolismo tampouco.




[07-06-2018 06:17] Alarico comentou:

Sonhar é livre. A mudança de Coca-cola por Pepsi-cola é mais do mesmo. Quanto imos que da lei mordaça só cairám os artigos mais febres e anedóticos? Quanto vai que nada vai mudar da política económica? Quanto vai que nada vai mudar da política territorial? Tanto o PP como o PSOE existem para servir às oligarquias financeiro - económicas, ou como dim os mentireiros: os mercados.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal