02:27 Xoves, 21 de Xuño de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-06-2018

O mozo de 21 anos Manuel Antonio Martínez Murguía publicaba, por entregas e nun xornal madileño, a súa primeira novela, El regalo de boda.

Paisaxes de Culleredo e o seu primeiro poema publicado na novela El regalo de boda, de Manuel Murguía.

Valorar (5)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ



A continuación de que vise a luz “Luísa, cuento de Manuel M. Murguía” (en catro entregas) (aínda que na presentación que fai La Iberia fala de novela, logo pon o título arriba indicado; mal poderíamos chamar novela ao que se publicou en tan poucos números)  publicará o mozo de 21 anos Manuel Antonio Martínez Murguía, por entregas e no mesmo xornal madileño, a súa primeira novela, El regalo de boda. Farao entre o mércores 24 de xaneiro (nº 186) e o 1 de abril de 1855 (n.º 245). Neste último número, aparece inconclusa, circunstancia que tamén recolle Xosé Ramón Barreiro Fernández (Murguía, Vigo, 2012, páx. 144 e nota 65). O seguinte exemplar de La Iberia que se conserva na colección da hemerotexa dixital da Biblioteca Nacional de España, do 4 de abril, leva o nº 246. Aquí xorde un conflito: Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (“Para unha bibliografía correcta e completa, de Manuel Murguía”, Boletín da Real Academia Galega, 361 (2000), pp: 15-58, páx. 29) afirma que a novela conclúe no nº 246, do 3 de abril (que non aparece), pero ese nº, como dixemos, corresponde ao do mércores 4, no que se empeza a publicar Una favorita de Carlos II, de Amédée de Bast. Que puido pasar? O luns non había prensa, pero o martes 3, si (véxase, por exemplo, La Época) e na propia Iberia do día 4 menciónase algo que comentaran o día anterior: a única explicación é que se equivocaran na numeración, e que ao número do 4 de abril lle correspondese, realmente, o 247, e non o 246.

A novela, como dixemos, comeza a publicarse o 24 de xaneiro, dentro dunha “Sección Recreativa”. Na primeira entrega, explican as razóns. Como desexan estimular a publicación de novelas nacionais, por iso prefiren facelo con El regalo de boda, “producción del joven autor de Luisa”, antes que outras que, aínda con maior mérito literario, eran estranxeiras, agardando “que la juventud estudiosa nos agradecerá este rasgo de amor á la literatura castellana, tan lastimosamente supeditada hasta aquí por la extranjera”. Por último, indican que “la modestia del autor, que le pone á cubierto de toda pretensión, y las breves dimensiones de su novelita”, foran outras das razóns que os impulsaran a darlle cabida no xornal. (La Iberia, nº 186, 24-1-1855, páx. 1; reproduce Barreiro, 2012: 144-145).
         
A novela, asinada por Manuel M. Murguía, está dedicada “Á los pintores Federico Ruiz y Serafín Avendaño, su amigo. El autor”. Barreiro non cita esta dedicatoria, pero si que tamén lles dedica a seguinte en publicarse, Desde el cielo, tamén en La Iberia
         
Non nos interesa agora falar das características desta obra, por outra parte similares ás que publicaría posteriormente (amores, desamores, triángulos amorosos, adulterios, mortes…), con protagonistas aristócratas e burgueses. Non nos interesan agora Alberto ou Emilia, o marqués de Vilar e a marquesa Isabel, nin María, nin Teresa, nin Marcial…, senón as localizacións xeográficas da mesma, que serían fundamentalmente dúas: Vilaboa (en Culleredo) e os seus arredores, con algunha mención á cidade da Coruña, e Madrid.   
         
Cal pode ser a razón de que Murguía sitúe algúns dos escenarios en Vilaboa? Poderíamos pensar que, dada a súa estreita amizade con Ramón Segade Campoamor, que procedía dunha familia desta localidade e nela tivo casa, puidese visitala e agradarlle a paisaxe. Mais semella que, nas datas nas que se publica a novela, aínda non se trataban: a primeira carta de Segade a Murguía conservada, de 15-4-1862, lembra que cando se coñeceran Murguía dixéralle que estaba traballando nunha Historia de Galicia (Xosé Luís Axeitos, Xosé Ramón Barreiro Fernández (edición, introdución e notas): Cartas a Murguía, 2 vols, A Coruña, 2003, vol. I, páxs. 172-173). Foi, logo, varios anos despois de saír do prelo El regalo de boda.            

Mais Murguía debía coñecer Vilaboa, porque vivira na Coruña ata a súa marcha a Santiago en 1844, onda seu pai, e tería contemplado estas paisaxes en máis dunha ocasión, aínda que só fose en viaxes á cidade. Na Coruña vivía unha tía súa, Josefa, irmá do pai, casada co arquitecto José María Noya Vaamonde (con eles viviu moitos anos unha irmá de Manuel, Teresa). Informa Barreiro que posiblemente o poema “Al partir”, datado o 17-9-1851, fose escrito na Coruña, antes de marchar a Madrid. Tamén uns meses antes de publicarse a novela, no verán de 1854, sabemos que estivo na Coruña, xa que data nesta cidade, o 27 de agosto, o poema “Al mariscal Pedro Pardo de Cela”, dedicado a Benito Vicetto. (Barreiro, 2012: 54, 894). Obviamente, debeu estar en Santiago, na casa do pai, e viaxaría entre as dúas cidades.            

Aínda que logo veremos as súas propias descricións…, como era Vilaboa na época na que Murguía escribe a súa novela? Xusto no ano no que dá principio á narración, 1836, constituiuse oficialmente, o 26 de xullo, o Distrito de Alvedro (actual concello de Culleredo). A parroquia de Rutis (chamada tamén Vilaboa) aparece con 172 veciños (algo máis de 800 almas). Ata este momento, Rutis formaba parte da xurisdición de Miraflores, con se en Oleiros. (Carlos Pereira Martínez: “O nacemento do Concello de Culleredo”, Esculca, 5 (1998), pp: 26-33).

Bastante completa e interesante é a información que nos achega o Diccionario geográfico universal dedicado a la Reina Nuestra Señora: redactado de los más recientes y acreditados diccionarios de Europa, particularmente españoles, franceses, ingleses y alemanes, Por una Sociedad de Literatos, Barcelona, 1833, tomo VII, páx. 412. Rutis-Vilaboa formaba parte da xurisdición de Miraflores, provincia da Coruña, arciprestado de Faro e arcebispado de Santiago. A súa poboación era de 181 veciños (900 almas). Os lugares da parroquia eran A Laxe, Castro, Conduzo, Cordeda, Rutis e Vilaboa de Abaixo, e había nela catro muíños fariñeiros e unha fábrica de lenzo, de Pola, en decadencia xa. E menciona:  

“En ella, y señaladamente en Vilaboa, hay excelentes casas de campo, donde se encuentran todas las comodidades, de que vienen á disfrutar los particulares de la Coruña en los meses de calor. En el mismo Vilaboa hay un soto, que aunque pequeño es bastante delicioso, y tiene mucha nombradía por ser el sitio de diversión, y á donde concurren á diferentes horas los que vienen de recreo á este ameno y delicioso valle”
.  

Uns anos despois, no Diccionario de Pascual Madoz (utilizamos a versión Diccionario Madoz Galicia, 6 vols., ed. facsímile, Madrid, 1986, tomo VI, páx. 1168), logo de situar xeograficamente a parroquia, agora xa no concello de Alvedro, e que está “en un delicioso valle”, con clima “templado y sano”, e de indicar os lugares que a componen, dinos que tiña 176 casas “y entre ellas las hay muy cómodas las cuales sirven como de recreo á los vecinos de la ciudad de la Coruña en la temporada del estío”. A igrexa parroquial pertencía ao arciprestado de Faro na antiga xurisdición de Miraflores; había tamén dúas ermidas. Confinaba polo norte con Elviña; polo Leste, coa ria do Burgo e Alvedro; polo Sur con Culleredo, e polo Oeste “con la sierra que la separa del distrito de Arteijo”. O terreo era boa calidade; o camiño principal era o de Santiago á Coruña, cidade na que recibía o correo tres veces na semana. Producía grans, sementes, hortalizas e froitas; criaba algún gando e a principal industria era a panadería para abastecer á Coruña. Tiña 172 veciños (868 almas).

Como vemos, nestas obras faise alusión á fermosura do lugar e ás casas de recreo nela existentes.            

Na “Introdución” da obra describe Murguía unhas paraxes que non son moi doadas de localizar. Mais pouco despois, cando comeza o “Capítulo I”, escribe:  

“Existía por los años de 1836 un pequeño castillo situado á la derecha de la carretera que va de Santiago á la Coruña; aun hoy, si al llegar, á la hermosa aldea de Vilaboa, torcéis por un estrecho sendero que arranca al pié de una pequeña colina, hallareis después de media hora de camino y en medio de un profundo valle, unas cuatro ó seis casas, esparcidas á la ventura entre aquel de flores y de árboles siempre frescos, como si una eterna primavera reinara en aquellos lugares; y allá separado de ellos, como un rey en su trono, veréis elevarse al pié de un crecido arroyo, que le baña por la parte de Oeste, ese viejo caserón que los habitantes de los alrededores llaman castillo, y que nosotros pensamos es una de esas antiguas moradas, en que los viejos nobles solian pasar los días entre sus colonos y la soledad y quietud de sus bosques.          

Este castillo, como le denominaban en aquel pais, es una espaciosa vivienda que fundó el marqués de Vilar,…”.
(La Iberia, 26-1-1855, páx. 1)  

A localización deste “castelo” é problemática. Nada do que podía haber nese momento en Culleredo se correspondería coas súas características, nin estaría na orientación que indica Murguía. A única posibilidade é que se referise a uns caseróns inmediatos á igrexa de Santa María do Temple –que estaría integrada no conxunto dese recinto-, a carón do Burgo, nos que, no pasado, existira unha fortaleza dos templarios. O río (neste caso, máis ben xa ría, pero podería entenderse como o Mero), si quedaría ao oeste do suposto “castelo”.  Non cita, sen embargo, a ponte do Burgo, tamén alí localizada. Como non podemos saber como eran exactamente esas casas na época na que Murguía escribe a novela, deixámolo só como hipótese.       

Vilaboa segue mencionándose noutras partes do texto. Mais adiante, noutra escea, nun diálogo entre dúas personaxes, Emilia e Alberto, que van casar, ela pregúntalle se trouxera unhas flores: el, colléndoas dunha cadeira na que as deixara, dille que si, que as escollera brancas, como a ela lle gustaban, e que mandara por elas “á un invernadero de Vilaboa”. (La Iberia, 7-2-1855, páx. 1).

Noutra pasaxe posterior, dous dos protagonistas, Luís e Isabel, a marquesa, saen a cabalo do “castelo” antes citado. Sabemos que nalgún momento puideron mirar “hacia la cercana ciudad que se divisába como un punto blanco sobre la línea azul del mar que la rodeaba” [A Coruña], ou falar en galego, “en el dialecto del pais”, que a marquesa falaba “con bastante grácia y dulzura y que Luis aseguraba agradarle en estremo”, con algunha aldeana coa que se cruzaron. Por último, “se dirigieron por el sendero que desembocaba en la carretera con ánimo de ir á la aldea de Vilaboa, á despedirse de Emilia y de su marido; á quienes no habian visto desde que estos fueron una vez sóla a visitar á la marquesa á los pocos dias de su llegada”. (La Iberia, 1-3-1855, páx. 1)

Prodúcese un forte trebón que os colle no camiño:  

“Pocos momentos después divisaron nuestros caminantes la aldea de Vilaboa, que se alza al lado derecho de la carretera como una hermosa coqueta, entre los castaños que le dan sombra y las flores que perfuman su atmósfera.


Nada mas hermoso ni pintoresco: grupos de blancas y elegantes casas de recreo esparcidas aquí y allí á la ventura y sin órden alguno, con sus rojos tejados que se ocultan bajo los frutales y naranjos en flor; cruzada su estension por tortuosos y agostos senderos, por los que bajan, ora la hermosa aldeana con su pintoresco vestido, ora la hija mimada de las ciudades con su sombrero de paja de Italia y de anchas alas y con su flotante vestido de muselina, de colores frescos como la primavera.

El viajero que recorre aquellos hermosos sitios, no puede menos de admirarse al ver esas aldeas escalonadas á lo largo de los caminos, y el que se dirige á la Coruña desde Santiago, al llegar á Vilaboa, al pasar bajo el arco sombrio que forman los árboles de las orillas, si á través de la ventanilla del carruaje mira á su derecha y contempla aquel paisaje que se despliega ante sus ojos, medio oculto en la hondonada en que se asienta, recordará toda su vida aquel encantado lugar que parece puesto allí por la mano de Dios para sorprender á los hombres. La tormenta seguía y la casa de Emilia se presentó á la vista de Luis como un puerto de salvación. […] La senda que guía á la aldea harto estrecha y tortuosa, á decir verdad, arranca al pié de la carretera formando una especie de semicírculo”. (La Iberia, 2-3-1855, páx. 1).                        

Como Luís sufrira un grave accidente co cabalo, permanecería convalecendo en Vilaboa, na casa de Emilia, máis de quince días. Nesta casa iranse desenvolvendo diversos acontecementos, namorándose Emilia de Luís, que máis tarde marcha, circunstancia pola cal Emilia “seguía triste y melancólica; vagaba sola por su jardín de Vilaboa; levantábase á media noche é iba á besar el lecho en que había estado Luis”. (La Iberia, 7-3-1855, páx. 1). Hai algunha escea máis que se desenvolve no castelo, e outras na Coruña. Pero o que queremos salientar é que as descricións de Murguía referidas a Vilaboa correspóndense moito coas dos Diccionarios que mencionamos anteriormente.            

Finalizamos cun apunte sobre o poema “A una paloma”. Tanto Ruiz de Ojeda (2000: 50) como Barreiro (2012: 893) sinalan que se publicou por primeira vez en La Oliva, Vigo, 3-5-1856. Este dato é certo, mais non repararon en que o poema apareceu, por primeira vez, inserto precisamente en El regalo de boda: encontrámolo na “Conclusión. I” da novela. (La Iberia, 28-3-1855). Por tanto, non sería tan só unha publicación anterior do mesmo texto senón tamén, -se seguimos as bibliografías murguiás que recollen ambos os dous autores-, o primeiro poema que Murguía publicou.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal