07:59 Mércores, 11 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-06-2018

Non me aleda en absoluto contemplar tanta fragmentación e desacordo. Dóeme que, máis unha vez, se xogue coa esperanza das persoas.

Mónadas e monadas

Valorar (20)

MARICA CAMPO



Quen teña algunhas nocións de filosofía, recordará que unha mónada é, segundo Leibnitz (1646-1716), unha unidade simple e indivisíbel que constitúe en si mesma unha imaxe do universo. Mais non se preocupen, que aquí non se trata dunha lección daquel vello saber que, para uns, naceu en Grecia e, para outros, ten a súa orixe en Oriente.

Porén, agárrome ao concepto que, ao meu ver, define, ou se aproxima bastante, a iso en que deveñen certas organizacións políticas. Pretendía algunha delas ser como un imán que atraese moitas outras ao seu campo irresistibelmente magnético e, nalgún momento, case o conseguiu. E é que os obxectos imantados, como ben se sabe, imántanse á súa vez e atraen outros, potenciando as súas posibilidades.

Mais cal era a forza de atracción? Seguramente o propósito de construír un grande e sólido edificio. O problema foi a cimentación e a calidade da argamasa. O único que se lles pedía aos materiais era  estaren dispostos a formar parte dos muros. Os alicerces, a ideoloxía sobre a que asentalos, reduciuse a uns mínimos definidos apenas. A argamasa tampouco se adheriu con forza a materiais tan diversos. Malia todo, “cabalo grande, ande ou non ande”, falouse de sumar aínda que o punto de partida fose unha resta ou, se o prefiren, unha división. Porque iso foi sumar organizacións estatais despois de se afastar das puramente galegas, acaso dubidando de que teñamos capacidade de noso para nos autoorganizar. En definitiva, un recoñecemento implícito de que a salvación vén de fóra.

Así que semella que todo se esfarela e só as mónadas de sempre seguen a considerarse e a manifestarse como a imaxe perfecta do universo. Secasí, aínda identificando –ou pretendendo identificar-  as causas do derrubamento, endexamais recoñecerán que se trabucaron e que, dalgunha maneira, se cumpre aquilo de que quen a ferro mata, a ferro morre. (E suprímase, por favor, todo o que de sangue encerra este aforismo).

Non me aleda en absoluto contemplar tanta fragmentación e desacordo. Dóeme que, máis unha vez, se xogue coa esperanza das persoas. Hai cousas que comezan mal porque, no fondo, teñen que xustificar a propia existencia pola intrínseca maldade doutros e, se obxectivamente non existe, invéntase.

Se se me permite a cita bíblica para darlle a volta, no comezo non era o verbo e por iso non se fixeron todas as cousas. Faltou a palabra, o diálogo que aproximase aos que, de feito, non estaban afastados nas ideas, senón cegados polas filias e fobias doutros. Un pecado orixinal que sempre deixa secuelas.

As mónadas, encerradas na súa suposta perfección, no seu redondo acabamento, non coñecen outra órbita que a propia, non saben o que é amor porque todo nelas é centrípeto. As chamadas á unidade rebótanlles  coma balóns contra os paus da portaría.

Vicios que veñen de atrás –xustifican- e que seguen operativos nas novas formacións. Atinan, claro que si. Xa o escribiu hai arredor de seiscentos anos Tomás de Kempis no seu famoso e discutíbel libro: “Onde queira que vaias, levaraste a ti mesmo”.

Monada, segundo o dicionario da RAG, é un xesto ou acción propia dun mono que fai rir pero tamén pode resultar molesta.

De todas as monadas que recordo, impresionoume especialmente unha que lin e vin ilustrada nunha enciclopedia ou libro de lecturas da miña infancia. Como é sabido, aos monos dáselles moi ben a imitación dos humanos. Aquel ao que me refiro observaba a un home que se estaba a barbear, quen, acabado o labor, pasou a cota da navalla polo pescozo. Enxaboouse perfectamente o animal, rasurouse dun xeito aceptábel e, finalmente, cortouse a xugular por pasar o gume ben afiado e non a cota roma, como fixera o home coa peor das intencións.

Ben sei que é unha anécdota grimosa, mais ilustrativa abondo. A ensinanza, que seguro que a tiña a xeito de corolario, mais eu non a recordo, ben podería ser: “Ás veces imitar custa a vida”.  

Que será o que nos ensina o que acabo de escribir? Talvez nada. Se cadra, o que precisamos para seguir existindo como pobo: deixarnos de individualismos e non guiármonos por monos e monadas.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña