09:19 Sabado, 20 de Outubro de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-05-2018

Ese non é o camiño, o camiño é o traballo diario pola clase traballadora e non pactar co poder reformas brutalmente lesivas contra todas nós

Do traballo diario e os eventos mediáticos

Valorar (6)

PABLO RIOS SANTOMÉ



Os medios de comunicación xogan un papel fundamental no noso día a día. Son a base informativa e argumental da maioría da poboación, e están controlados por quenes buscan o beneficio privado e xogan coa realidade para conseguilo e maximizalo.

Comezo así esta breve contribución porque é fundamental para comprender ou establecer unha pedra de toque das cuestións incómodas para o poder. As loitas e conflitos que potencialmente teñen a capacidade de superar ao sistema, son mediatizadas até o extremo, normalmente baleiradas de contido e servidas ao grande público mediante a televisión ou a prensa como un gran día de protesta ou simplemente un evento de obrigada asistencia polo seu caracter mediático. É un efecto similar ao que ocurre no filme The Purge, donde unha noite ao ano todo está permitido, a cidadanía pode expresar nesa noite todo o que leva dentro. Mais e só esa noite.

O poder consegue un efecto similar con segundo que conflitos, onde é capaz de condensar problemáticas capaces de darlle a volta ao mundo nun só día, sacando incluso beneficios económicos nalgúns casos, un día que funciona como unha esmola e fai de aliviadeiro para a tensión social.

Despois están outras loitas, a loita organizada que fuxe de modas e que non se baleira de contido, loitas diarias, loitas que non desfalecen nin se corrompen. Loitas xustas e necesarias, a loita da clase traballadora por se emancipar. Este é o traballo e a loita que non sae anunciada até a saciedade nos medios do sistema, xa que non ten control absoluto sobre ela e ten a potencialidade de non ser asumible para o poder. As loitas sociais e o conflito na rúa, nos centros de traballo e de ensino é a única vía para alcanzar a nosa liberación como clase traballadora.

Por sorte na Galiza temos organizacións que teñen esta forma de traballar como bandeira, que loitan en cada sector para mellorar a vida material diaria da clase traballadora.

Nun contexto de regresión dereitos, tanto no eido laboral como no eido social, é preciso unha resposta contundente. É por isto que a expresión da autoorganización sindical na Galiza, a CIG, chama á folga xeral este 19 de Xuño.

Neste chamamento a unha folga xeral necesaria, a mocidade galega debe dar un paso adiante para conquistar un futuro de dignidade e de emancipación social e nacional.

Hoxe en día a nosa mocidade vive unha situación de extrema precariedade, xa sexa nos centros de ensino onde son atacados con políticas neoliberais e antipedagóxicas como a LOMCE, ou un plan boloña que afasta ás fillas das clases populares dun ensino superior ao non ser compatible co traballo, ou nos centros de traballo onde moitas veces rematan sendo forza de traballo gratuíta para o o grande capital, ou acceden a traballos cada vez máis precarios que lles nega o futuro.

Non podemos esquencer a taxa de paro que sufrimos a mocidade galega, que a día de hoxe supera o 50% de desemprego e a situación de exilio que vivimos, cun goberno da Xunta máis preocupado por mandarnos fóra do país que en construir un país onde poidamos ter futuro.

A mocidade como sector transversal da sociedade vive tamén afectado pola situación das pensións públicas. O sistema público de pensións está a soportar un novo ataque por parte do capital, que ansía acaparar mediante os plans privados de pensións o que a día de hoxe é de dominio público.

Enlazando co principio; os medios de comunicación masivos levan tempo bombardeando á poboación coa suposta inviabilidade do sistema público de pensións -demostrando unha vez máis a quen renden pleitesía estes medios- nun intento de sembrar pánico entre a poboación e dirixila cara os plans privados de pensións.

O que debe ter en conta a mocidade galega e que o presente das nosas xubiladas e o noso futuro está intimamente ligado coas condicións laborais actuais. As rendas do traballo disminuen á par que os dereitos laborais, ao tempo que as rendas do capital non fan máis que crecer, mais supoño que este problema non é nada comparado coas problemáticas na compra de casas, a prensa rosa, a mala xente que é a sociedade catalá, ou a enésima trama de corrupción do PSOE ou do PP.

Xa vedes que sobran as razóns para ir á folga, aquí só hai unha parte moi pequena, mais non é percibido así por todas as forzas que supostamente están nesta loita, na loita polo empoderamento popular e a emancipación de clase. Invocar á unidade sindical para desacreditar a quen loita e cun claro chamamento á desmobilización é o que fan estas forzas. Como é posíbel a unidade sindical ou unidade de acción con quen vende á clase traballadora? Como é posíbel antepoñer a unidade sindical ao traballo con quen axuda ao capital a desmontar o sistema público de pensións coa creación de fondos de pensión privado conxuntamente co capital financieiro?

Ese non é o camiño, o camiño é o traballo diario pola clase traballadora e non pactar co poder reformas brutalmente lesivas contra todas nós.

O 19 de Xuño a mocidade galega en conxunto co povo galego sairemos á rúa coa CIG para reclamar o que nos pertence como clase, como donos do único que produce riqueza, a forza de traballo, para construir o mundo e a sociedade que queremos. Sairemos á rúa para que se deixe de desmantelar os servizos públicos, para termos un futuro digno na nosa terra e para frear a un capital que nos afoga e nos condea como mocidade, como povo e como clase á escravitude.



[30-05-2018 15:35] Choiva limpa comentou:

Mo bo artigo, cando o lin tiña 3 votacións e unha media de 5 estrelas, me trabuquei ao premer nas estrelas e en lugar de darlle 5, dinlle 4, se @ admin pode mudala miña votación de 4 a 5 lle estaría agradecida.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal