12:46 Luns, 21 de Maio de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-05-2018

Trátase só de novos produtos tóxicos do sistema financeiro, amparados e legalizados polo Goberno

Xa están aquí as novas Preferentes

Valorar (5)

RAÚL RÍO DÍAZ




Desde o ano 2008 a esta parte esa manada de corruptos que nos desgoberna, xunto co Banco Central Europeo, o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional, están intentando convencernos de que o actual sistema de pensións públicas non é viable; iso a pesar dos brutais recortes destes anos e da ampliación da idade de xubilación para, segundo dicían, facelas viables. Utilizan para iso argumentos tan peregrinos como o baixo índice de natalidade, o envellecemento da poboación e a lonxevidade dos pensionistas que seica cada vez se resisten mais a morrer, argumentos que se desbaratan ao ver o alto porcentaxe de parados e a cantidade de rapaces que tiveron que emigrar, o que non fai necesario unha alta natalidade, senón darlles un posto de traballo con un salario digno aos xa nacidos para que poidan cotizar aquí; o envellecemento da poboación é similar ao de outros países da UE, pero tampouco variou tanto desde o ano 2011, cando aínda había mais ingresos que gastos na caixa de pensións, e a lonxevidade non parece ser un problema cando o Estado admite Expedientes de Regulación con xubilacións á carta aos 52 anos, cando empresas ou entidades financeiras o solicitan para destruír emprego co fin de obter uns beneficios escandalosos, que logo acochan en paraísos fiscais. Ademais, países como Austria, con igual porcentaxe de envellecemento que o Estado Español, destina ás pensións un 5% mais do PIB.  

Esas son as mesmas mentiras que repiten cada vez que fan recortes no Pacto de Toledo. Cada vez que recortan din que é para garantir o sistema, pero dura pouco esa garantía, pois ao ano seguinte, ou se cadra antes, volven con mais recortes e así, coa mesma mentira, van de vitoria en vitoria ata a derrota final que remate con el.  

Os verdadeiros argumentos son que pretenden facelo inviable rebaixando un 2% a cotización das empresas, como fixeron en xullo do 2012, baixando os salarios e potenciando o traballo precario, pois pouco pode cotizar un traballador que teña un salario inferior ao xa miserable Salario Mínimo Interprofesional. Por esas razóns, so a partir dese ano empezaron a ser maiores os gastos que os ingresos e non polos motivos que aducen.  
O actual sistema público de pensións é viable, pois so destina o 9,5% do PIB, cando a media europea chega ao 11,9%, con un envellecemento da poboación parecido. Ademais o gasto de administración desas pensións é dun 3,35% dos ingresos, fronte o das privadas que ascende a un 13,13%, un 9,78% que nunca recaerá nas pensións porque se queda nas garras das financeiras.        

O problema é que queren privatizar todos os bens públicos e o sistema financeiro non pode permitir que mais de 115.729 millóns de euros anuais flúan directamente por medio do Estado, dos traballadores activos aos pensionistas e xubilados, con un mínimo coste de xestión e sen deixarlles nada entre as unllas.  

Para iso é necesario crear unha opinión pública favorable á inviabilidade dos sectores públicos, e niso anda traballando continuamente a UNESPA (Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras), un grupo de “expertos” presididos por Rodrigo Rato, un delincuente condenado pola Audiencia Nacional a 4,5 anos de cadea por apropiación indebida, e outros personaxes de nula credibilidade como José María Fidalgo, que foi secretario xeral de CC.OO, dá seminarios na Fundación FAES de Xosé María Aznar e pide o voto para UPyD, que se dedican a facer informes que logo o Goberno e os medios de comunicación do réxime distribúen como se fose unha verdade revelada, prognosticando un déficit a curto prazo da Seguridade Social, mentres os gobernantes recortan recursos e mandan pacientes á sanidade privada para favorecer aos seus amiguetes e provocando mais débeda ao ter que pagar un custe moito mais elevado.  

Tampouco se pode agardar que os sindicatos de obediencia española se opoñan ao desmantelamento deste sistema público, pois eles mesmos son os que dan o visto bo aos recortes dos Gobernos no Pacto de Toledo e son directamente beneficiarios deses plans de pensións privados, pois CC.OO e UGT ingresan mais de un millón de euros por supervisar o plan de pensións dos empregados públicos e eles mesmos promocionan os seus propios plans de pensións.     

Non é certo que non haxa diñeiro para elas, pois, ademais dos 48.000 millóns de euros que levaron a manada de corruptos do partido do Goberno, perdoáronlle 4.000 millóns ás grandes empresas e fortunas por neglixencia de Montoro; 5.124 millóns que tamén perdoaron no imposto de Sociedades por créditos fiscais ao banco Santander, CaixaBank e Bankia; 4.000 millóns en bonificacións nas cotizacións dos empresarios; 6.800 millóns en cotizacións as empresas que contratan empregados con salarios superiores aos 40.000 euros anuais; rescátanse bancos por 40.000 millóns e autopistas por 6.000 millóns de euros; camúflanse 11.000 millóns de diñeiro público en mercar fragatas, tanques e outros xoguetes para contentar aos militares; gástanse 8.434 millóns nunha institución parásita como a Monarquía e, a pesar de ser oficialmente un Estado laico, subvenciónase con mais de 11.000 millóns anuais a outra institución tan obsoleta e anacrónica como é a igrexa católica. Un total de 144.358 millóns dilapidados entre o que rouban os da banda de Rajoy, o que perdoan, o que regalan e o que malgastan en cousas innecesarias, mentres nos din que non hai 2.300 millóns, necesarios para garantir a subida do IPC das pensións. Dicir que non hai cartos é un insulto a nosa intelixencia, pois non so hai cartos para iso, senón que deses 1.444.350 millóns aínda sobraría moito de incrementar as pensións mais baixas ata a cantidade de 1080 euros, necesarios para vivir dignamente segundo a Carta Social Europea. O problema non é que non haxa cartos ou que non haxa riqueza, o problema é que está mal administrada e mal distribuída.  

Os que verdadeiramente non son viables son os plans que nos queren vender; polo alto custe de xestión, pola pouca ou nula rendibilidade e polos altos impostos que hai que pagar ao percibilos; ademais son imposibles de pagar polo traballador debido á precariedade laboral e ós soldos de miseria. Trátase só de novos produtos tóxicos do sistema financeiro, amparados e legalizados polo Goberno, os mesmos que cando lle afean a súa conducta senten “ganas de hacerles un corte de mangas de cojones y decirles: Pues os jodéis!”, como fixo en Alacante a Secretaria de Estado de Comunicación, Carmen Martínez Castro, mostrando o odio e o desprezo que senten, non só polos que non lles votamos, senón tamén por aqueles irresponsables que lles dan o voto para que nos sigan roubando.  

Temos que seguir loitando por unhas pensións públicas dignas, pois nas privadas dependerá do rendemento dos activos nos que o fondo invista as achegas, que nunha situación de crises financeira poden ser negativos durante moitos anos, o que sumado á perda do poder adquisitivo que tiñan os cartos cando se fixeron esas achegas, pagar o custe de xestión que xa dixemos e o alto porcentaxe que se volve a pagar de IRPF, nunca se chegara a cobrar o que se puxo. Os plans de pensións privados son unhas novas Preferentes, que darán dor de cabeza a mais de un na súa vellez por meter o diñeiro nese saco sen fondo.



[19-05-2018 01:35] Alarico comentou:

Comparto todo o que escreves, mas há umha cousa que nom tés em conta. Nom estám no governo polas pistolas, estám por votos; e a maioria dos seus votantes som os pensionistas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal