21:38 Mércores, 18 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

14-05-2018

Porque se o 8 de marzo demostramos que se as mulleres paramos o mundo para, o vindeiro 19 de xuño imos demostrarlle á patronal e ao goberno do partido popular que a clase traballadora galega non estamos dispostas a sufrir máis ataques

19 de xuño: Sumando Loitas. As mulleres coa folga xeral

Valorar (5)

MARGARIDA CORRAL SÁNCHEZ



O Paro Internacional de Mulleres  que tivo lugar o 8 de marzo pretendía ser un punto de inflexión, unha chamada de atención e unha chamada á acción de todas as mulleres e de toda a sociedade. Sabíamos que a mobilización non ía rematar o 8 de marzo, senón que se tiña que abrir un proceso que levase a mudanzas concretas, recollendo as reivindicacións que o feminismo de clase ten para que as mulleres teñamos vidas dignas.

Mais a pesares da rotunda resposta social das mulleres, que desbordaron as prazas e rúas da Galiza durante a xornada de folga,   nin o goberno galego nin o goberno do estado deron paso algún para incorporar nin unha soa das nosas demandas. É máis, nas últimas semanas asistimos a un profundo ataque do sistema patriarcal contra os nosos dereitos. Tiñamos a sospeita do que ía acontecer. Estabamos en alerta. Mais a sentenza da manada veu a golpear os cimentos da nosa loita.

A xustiza española, herdada directamente do franquismo, a mesma que engaiola mozos por criticar a monarquía e a corrupción do PP, que xulga a tuiteiras e rapeiros, que ataca a liberdade de expresión secuestrando libros, censurando revistas, indultando corruptos e negando o indulto a sindicalistas condenados por participar nun piquete.... A mesma xustiza que mete no cárcere a políticas e políticos que defenden o dereito a decidir, que non veu violencia nas agresións contra o pobo catalá durante o referendo, esa mesma xustiza saturada de xuíces reaccionarios e machistas, ven de perpetrar un ataque sen precedentes contra os dereitos das mulleres, condenando por abuso a cinco covardes porque non atoparon violencia nin intimidación na violación grupal, planificada e gravada. Unha sentenza que fixo que de xeito espontáneo as rúas se encheran de miles de persoas amosando a súa indignación contra a cegueira patriarcal da xudicatura, e ante o que consideramos unha resposta do patriarcado contra quen disputa e cuestiona o seu espazo de poder.

Por iso ampliamos a nosa loita. Recollemos a indignación dos nosos compañeiros homes, e facémolos partícipes das nosas reivindicacións. Porque se o 8 de marzo demostramos que se as mulleres paramos o mundo para, o vindeiro 19 de xuño imos demostrarlle á patronal e ao goberno do partido popular que a clase traballadora galega non estamos dispostas a sufrir máis ataques aos nosos dereitos. Para nós a folga xeral é a moción de censura ao machismo arraigado nas institucións. Aos abusos. Á represión. Ás discriminacións. Á precariedade.

Imos canalizar toda a xenreira acumulada tras tantas inxustizas. Imos recoller a indignación que amosamos nas rúas durante todos estes meses, na folga de mulleres do 8 de marzo, nas mobilizacións do colectivo de pensionistas, na folga de xustiza, de leite Celta, do sector de ambulancias, a folga do persoal de mantenemento do CHUO, na folga do estudantado, do guindastre municipal de Vigo, a folga no hospital de Monforte, a folga da sanidade privada da provincia de Pontevedra, a folga das traballadoras da empresa concesionaria do servizo de limpeza das instalacións do Concello de Santiago, a folga en Masol Iberia Biofuel, a do persoal de Maderas Iglesias, na recollida do lixo de Nigrán, e na morea de conflitos abertos en todas as comarcas do país tan só nestes cinco primeiros meses do ano.

Demostrarémoslle ás traballadoras e aos traballadores deste país, que unha vez máis, o que non da resultados, o que soe trae custos para nós, é o  entreguismo do sindicalismo pactista disposto a negociar a nosa derrota en forma desemprego, precariedade e pobreza.

Porque para nós o sindicalismo é unha ferramenta de loita colectiva imprescindíbel contra o capitalismo. Falamos de folga xeral, porque é o momento de aglutinar forzas. Porque a folga é o maior instrumento de loita en mans da clase traballadora. Unha ferramenta efectiva e vixente que nós levámola máis aló das fábricas, dos talleres, das oficinas. Unha folga da produción, mais tamén unha folga de consumo, unha folga social, construída cos traballadores e as traballadoras deste país, con quen amose fartura pola situación que estamos a vivir, cos movementos sociais, co movemento pensionistas e persoas xubiladas, co estudantado, coas organizacións xuvenís e co feminismo organizado e independente deste país.

Por iso, as mulleres e os homes da CIG decidímonos a botar man da maior ferramenta de presión que temos a clase traballadora. Porque só mediante a loita conséguense as vitorias, porque ás traballadoras e traballadores deste país non nos van agasallar nada, e se seguimos permitindo máis recortes, máis despedimentos, máis desemprego, máis desprotección social, máis discriminacións, o capital e o patriarcado van dinamitar os poucos dereitos que mantemos intactos.

Faremos folga xeral porque pese a constatar a histórica situación de discriminación das mulleres no mercado laboral, tanto en materia de salarios como dos tipos de contratación, a pesares da nosa exclusión ou sobrerrepresentación en determinados sectores e ámbitos de decisión, da violencia exercida contra nós, non existe ningunha reforma nin medida algunha para corrixir esa violencia, esa desigualdade salarial, contra a segregación profesional das mulleres ou contra a feminización dos traballos menos cualificados e peor pagados.

Porque durante estes anos de crise recortáronse  servizos públicos esenciais tanto en materia de coidado de maiores como de menores e persoas dependentes, de xeito paralelo á unha imposición da patronal para que cambien as nosas xornadas, quendas ou lugares de traballo á súa conveniencia imposibilitándonos exercer os nosos dereitos á conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Porque a reforma laboral facilitou e abaratou o despedimento, porque a destrución do emprego supuxo que moitas mulleres tiveran que buscar saídas en traballos informais e mal remunerados, precarizando aínda máis as súas vidas e dificultando e mesmo impedindo o seu acceso aos sistemas de protección social (desemprego e pensións).

Unha folga xeral contra a reforma das pensións que supuxo que teñamos que cotizar máis anos para acceder á pensión de xubilación e penou ás mulleres con cargas familiares, nunha época de crise económica na que non coidar non é unha libre elección, senón unha situación de privilexio. Nuns anos nos que o goberno puxo en marcha un cambio de modelo dirixido a alentar á volta a casa das mulleres traballadoras.

Unha folga xeral contra a teoría do derrame, porque, como podemos ver, non é certo que se á patronal lle vai ven, a clase traballadora do noso país estará mellor.

Porque imos fartas de dalo todo, que non hai corrección política, que non hai moderación que valga, que imos á folga contra a impunidade de quen nos goberna, de quen nos oprime, de quen nos vende, de quen vulnera os nosos dereitos. Porque sobran as razóns. Por iso, irmás, irmáns, eu vou ir á folga xeral convocada pola CIG para o vindeiro 19 de xuño.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal