00:56 Luns, 16 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-05-2018

A cultura do viño tamén tivo a súa importancia na comarca da Coruña e parece que non foi menor

O antigo viño da comarca da Coruña

Valorar (12)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI



A maioría do público lector coñece a excelencia dos viños de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, rexións que contan coas súas respectivas denominacións de orixe. Tamén se cultiva a vide en comarcas do norte da nación, como na zona de Betanzos e Paderne –nas Mariñas coruñesas–, en Negueira de Muñiz –na montaña lucense– ou mesmo na aldea de Pradias –no veciño Concello de Ibias–, aínda que sen dúbida os de máis sona son os producidos nas denominacións anteriores. Terras en que se plantou a vide tamén foron as de Mondoñedo e Lourenzá, aínda que hoxe xa non fique nada daquilo. Os diferentes tipos de uva que son empregues, e hai máis de 70 variedades galegas (agudela, albariña, albela, brancellao, caíño bravo, caíño longo, dona branca, godello, lado, loureira, mencía, merenzao, ratiña, sousón, torrontés, verdello etc.), xunto coas características dos terreos en que se cultivan, singularizan os trazos de tan antiga bebida na Galiza. A cultura do viño estivo ou está presente, conforme nos ten informado o coñecido enólogo Luís Paadín, nunha grande parte do país, cando menos desde a época romana a termos en conta os restos arqueolóxicos de lagares achados; isto contrasta coa modernidade doutras rexións vinícolas na península ibérica, pois as primeiras adegas da Rioxa son do século XIX e as da Ribeira do Douro de meados do s. XX . E non é de estrañar que un dos temas recorrentes en autoras e autores que naceron nesas comarcas sexa, precisamamente, o desa milenaria tradición; as obras de Ramón Otero Pedrayo (1888-1976), por exemplo, dan boa conta literaria dese cultivo, nunhas ocasións como simple recurso ornamental ou estético e noutras adquirindo unha transcendencia maior: pensemos, poñamos por caso, nos textos teatrais A lagarada (1928) ou O desengano do prioiro (1952).

Durante a Idade Media, en especial entre os séculos X e XVII, a Galiza exportaba grandes cantidades do néctar dionisíaco a diversos países como Inglaterra, onde eran particularmente apreciados os viños do Ribeiro. Sábese, a teor do que comenta Léon Lemonnier n’A vida quotidiana em Inglaterra no tempo de Isabel I (1967), que os máis solicitados polas clases acomodadas británicas no s. XVI eran os galegos e portugueses, xunto aos malagueños e canarios. O viño do Ribeiro era o preferido polos mariñeiros e colonizadores da América, pois conseguía ser un dos poucos que non se perdía no traxecto, de aí que o primeiro viño que chegou ao novo continente era precisamente ourensán; tamén é sabido que a malchamada Armada Invencíbel levaba viño galego nas súas despensas e, quen sabe!, quizais fose a afeizón da súa tripulación aos caldos galaicos o que a fixo ser “vencíbel”... A partir do s. XVIII, con todo, coas disposicións legais españolas que impedían vender viño a Inglaterra, a economía vinícola sofreu unha importante crise, xa que comezou a desaparecer un mercado internacional importante que, en contrapartida, principiou nesa altura a intensificar as relacións económicas cos exportadores de Portugal. Dunha perspectiva histórica, podemos convir que o antigo saber de xeracións, unido á mellora dos cultivos e do tratamento das uvas, fixo que na actualidade o viño galego sexa valorizado en todo o mundo, nomeadamente o branco, aínda que tamén se están a elaborar tintos dunha calidade excepcional que nada envexan aos doutros territorios vinícolas europeos.

Porén, é certo que o cultivo do viño non se cinxiu historicamente ás rexións citadas máis arriba, mais coñeceu outras zonas das cales se ten constancia da súa produción aínda que hoxe poida parecer algo insólito. Unha desas comarcas é a da Coruña, en especial os terreos que enformaban o extinto Concello de Oza. No libro Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento (1998), de María Leonor Alonso Otero e Luís Antonio Giadás Álvarez, aparece información precisa referida ao viño de Oza, que chegou a ter bastante sona na Idade Media, mesmo ás veces rodeada de certas problemáticas legais: no ano 1305 houbo unha disputa entre o Mosteiro de Sobrado e o Concello da Coruña para que non se consumise viño que non fose proveniente desa zona, aínda que o mosteiro conseguiu exportar cen toneis para a cidade. En 1396 a localidade obtén o privilexio de prohibir a entrada de viño de fóra até non acabar o producido na cidade e nas súas cercanías. Tamén existen documentacións privadas da altura en que se figuran referencias á bebida feita na comarca, como é o caso do testamento de 1399 do reitor da igrexa de San Tomé, Fernán Martínez, onde se di que deixa “viñas e terreos bacelares”, ou  mesmo dun tal Alfonso  Fernández, que lega en 1435 as súas “viñas de Eirís”. Por súa vez, os nomes das freguesías San Vicenzo de Elviña e San Cristovo das Viñas eran coñecidos en certos textos como “San Viçenço do Vinno” e San Cristovo “dos vinnos”, totalmente transparentes nese sentido. A edición preparada por Santiago Daviña Sáinz e Ismael Velo Pensado Os primeiros foros da Coruña (2002) figuran textos con claras referencias ao tal cultivo: “Que herdade ou casa ou viña comprar e para tres años en paz posoir”, “Que herdade ou casa ou viña para tres anos años posoir” etc.

A estes datos convén acrecentarmos aínda a información que figura nas preguntas do Cadastro do Marqués de Ensenada, elaborado no ecuador do século XVIII. Xunto a produtos como castañas, centeo ou liño, na propia cidade da Coruña, segundo consta nese texto, había unha pequena produción de corenta e oito ferrados dedicados en exclusiva a viñedos. E unha parte da agricultura do veciño Concello de Arteixo tamén estaba consagrada á produción do sabedor líquido: hai comentarios referidos ao viño nas freguesías de Arteixo, Loureda e Morás, o que dá idea da súa relevancia nas economías camponesas das xentes da época.

Outra proba da existencia do viño na comarca da Coruña vénnos dada polos microtopónimos. Para alén do xa citado San Cristovo das Viñas, temos que pensar noutros, algúns hoxe en día esquecidos ou de difícil localización: A Viña, Agra do Palomino, Aira da Viña, As Viñas, Agra da Viña e Agro da Viña, Agra das Viñas, Horta da Viña, Labradío das Viñas, Pedra da Viña, Tarreo de Trasviña, Tras das Viñas, Viña Branca, Viña Nova e Viñas Novas, Viña da Barrosa, Viña da Costa, Viña da Cuveira, Viña da Eira, Viña da Fonte, Viña da Pousadoira, Viña de Abaixo, Viña de Arriba, Viña de Arriba da Agra de Picañoa, Viña de Boedo, Viña de Cernadas, Viña de Lamas, Viña de Rebordelo, Viña do Perruqueiro, Viña do Prado, Viña do Souto, Viña do Medio da Toca, Viña Vella e Viñas Vellas, Viña Vella do Outeiro etc. Estes nomes de lugar aparecen nos materiais do Cadastro do Marqués de Ensenada, en documentos privados (arrendamentos, compra-vendas, testamentos etc.) ou nas Contadurías de hipotécas de meados do século XIX, custodiadas na actualidade no Arquivo do Reino da Galiza, xustamente na zona coñecida como O Parrote. Repárese tamén en que O Lagar dá nome a un pequeno lugar en Elviña, onde está hoxe en día un dos campus da Universidade da Coruña, mais tamén a unha rúa da Coruña perto doutra de peor denominación que incumpre as disposicións da Lei de Memoria Histórica, cal é a *Calle/Rúa Cabo Santiago Gómez.

Por seu turno, en concellos próximos da cidade tamén se atestan algúns topónimos que fan referencia explicita á elaboración da tal bebida, cal acontece en Arteixo (A Tenza das Viñas, A Viña, As Viñas, As Viñas de Abaixo, Entrelagar, Muíño de Viñas, Trala Viña etc.) ou Cambre (As Viñas, O Monte das Viñas, As Viñas Vellas etc.) etc. Como anedota ao respecto, lembramos que hai uns anos, no bairro coruñés de Cances, se tentou levar a cabo una pequena explotación de viño para consumo familar a partir de uva albariña procedente de Cambados. O resultado dividiu as persoas que tiveron ocasión de o saborearen relativamente á calidade da bebida e xerou dúas opinións: a primeira proviña do reponsábel da plantación, o cal, de boa disposición embora de escasa experiencia no cultivo da vide, pensaba que era un magnífico viño; a segunda era a das persoas que probaban o produto, pois achaban que era imbebíbel… Talvez o problema asentase no tipo de uva, porque, certamente, non se sabe a que variedade respondería aquela que se cultivaba na comarca até ben entrado o s. XVIII. É posíbel que fose unha parecida á coñecida como lexítima en Betanzos, moito embora sexa todo unha simple conxetura.

En síntese, a cultura do viño tamén tivo a súa importancia na comarca da Coruña e parece que non foi menor. Hoxe resulta difícil podermos imaxinar a zona de Eirís e de San Cristovo cuberta de vides en vez das actuais urbanizacións, instalacións universitarias, polígonos industriais e grandes superficies comerciais que foron levantadas en finais do século XX. Da lembranza dese pasado non tan afastado só nos fican os topónimos, que costuman ser –como acontece neste caso– reveladores doutros modos de vida e fornecedores de información cultural, histórica e económica.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal