22:44 Xoves, 19 de Xullo de 2018
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-05-2018

Tan estado de dereito era o dos tempos da ditadura franquista como os actuais

Estado social e democrático de dereito

Valorar (10)

FRANCISCO CALO LOURIDO



Desde os inicios do “procès”, imos fartos de que os políticos, principiando polo presidente do goberno, nos lembren, con ocasión do que sexa, que estamos nun estado de dereito e, conseguintemente, sometidos ao imperio da lei. De tanto escoitar isto, eu xa non estou certo de saber o que en realidade significa. Desde que, en 1948, abrín os ollos á luz acuosa da beira sur da ría de Muros e enchín os pulmóns do seu ar húmido e salitroso, ingresando así na tribo dos homes de mar galegos, vivín toda a vida nun estado de dereito. Se por tal se entende un estado que se rexe pola suxeición ás leis escritas, tan estado de dereito era o dos tempos da ditadura franquista como os actuais. Os da miña xeración tivemos que estudar en Formación do Espírito Nacional as Leyes Fundamentales del Reino cos seus principios doutrinais, orgánicos e programáticos. Para evitar, hoxe, a concordancia coa ditadura, totalitaria en esencia e na práctica, adóitase alongar a expresión, engadindo o adxectivo democrático e, aínda máis, sobre todo cando veñen de retirarnos dereitos e prestacións, redondéase o parágrafo para ficar en estado social e democrático de dereito. Democracia, outra verba que, de tanto encher a boca con ela os que tan a gusto vivían na ditadura, perdeu todo o seu etimolóxico significado. Como moito, vivimos nunha partitocracia. Non é precisamente o pobo quen máis ordena, como cantaba José Afonso, senón máis ben o capital, como atinadamente lle dixo o banqueiro liberal Laffitte ao seu compadre o duque de Orleans, mentres o acompañaba en triunfo ao concello despois da revolución de xullo de 1830: “Desde agora dominarán os banqueiros”. Estas verbas proféticas servíronlle a Don Carlos Marx (unha lembranza hoxe, 5 de maio, no segundo centenario do seu nacemento) para iniciar o seu libro As loitas de clases en Francia (1848-1850).

Así como Eurípides fixo dicir a Ifixenia que “o mar lava todas as infamias dos homes”, podemos nos argüír que a chamada “transición” lavou todos os crimes dos franquistas. Pasaron uns anos discretamente agochados, sen se facer notar moito, a ver se non nos decatabamos da súa presencia e, en canto percibiron que as augas baixaban tranquilas, resucitaron coa forza e o ímpeto que dá a impunidade. Eles mesmos, os seus fillos, netos e outros neofranquistas seguen a ocupar todos os postos relevantes, que consideran da súa propiedade. Se no estado de dereito franquista eran gobernadores civís, hoxe son subdelegados do goberno e, se impartiron xustiza no infame Tribunal de Orde Público, herdeiro daquel dedicado a reprimir a masonería e o comunismo, seguen agora algúns lucindo togas e puños de Camariñas na súa transmutación en Audiencia Nacional. As leis non son fórmulas matemáticas que se aplican e dan un resultado exacto, non, as leis precisan interpretación e, como o que fixo a lei fixo a trampa, son precisos uns xuíces que as interpreten e as fagan cumprir. E estes son profesionais do ramo que xulgan conforme á lexislación que estea en vigor en cada intre, e non fai falla ser moi perspicaz para se decatar de que cada vez son máis semellantes os códigos da ditadura e o actual. Teñen unha vantaxe: que o léxico non lles varía nunca, a xulgar polas declaracións de hai uns días do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra, quen chamou a uns manifestantes “turba violenta”. Lembroume a Semana Santa do franquismo, cando escoitabamos na igrexa verbas como as anteriores, acompañadas de saións e escribas. Se este vocabulario decimonónico é un reflexo do pensamento, mete medo. Todo antropólogo coñece O Mito do Eterno Retorno de Mircea Elíade, no que se desenvolve o ben diáfano título. Desde que M. Rajoy ocupa a Moncloa dá a impresión de que outra volta volvemos á historia bíblica: España está, como as tribos de Israel, gobernada por xuíces, e o pobo, coma Sísifo, castigado a soportar sempre a mesma condena baixo os mesmos apelidos.

Se co PSOE houbo un ministro do interior, Corcuera, que fixo a lei da couce na porta, co PP tivemos outro, Fernández Díaz, que promulgou a chamada mordaza. Tal para cal maragota e media e este estado de dereito asemellándose cada vez máis ao de Franco. Chegamos a tal punto de sen razón e estulticia que ata decidiu o actual, Zoido, xuíz por máis datos, deter á xente na vía pública e poñela en topless para lles arrebatar as camisetas amarelas que levaban ocultas a modo de refaixo. Pobre Van Gogh, se o ministro e os seus policías desen cos seus cadros; remataban nun contedor! Debe de ser porque esa cor sempre se asociou ás tolemias e tal vez tiña razón Laín Entralgo, cando, en A qué llamamos España, dicía: “Castilla nos exalta la sangre y el huelgo con el amarillo de sus tierras...”. E o único que facía aquela xente –á que supoño que lles darían un vale para recuperar os cartos do subtraído- era ir a un estadio mirar un partido de fútbol. Se as leis e normas seguen dexenerando dese xeito, remataremos como en Irán, facendo que as mulleres teñan que se disfrazar para entrar nun campo. Tamén os gregos de época clásica tiñan prohibida a entrada das mulleres no estadio de Olimpia, coa única excepción da grande sacerdotisa de Deméter. Entrou unha, travestida en adestrador, mais un movemento descubriulle a identidade, foi presa e o castigo estaba escrito: pena de morte. Os xuíces deixárona en liberdade por seren todos os homes da súa familia campións olímpicos, mais, para evitar que se repetise o caso, ditouse unha nova lei: así como os atletas competían, obrigatoriamente, en pelotas, todos os adestradores asistirían coa mesma ausencia de roupa. A iso tamén poderiamos chegar nós, non sexa que metamos nas bancadas unha prenda amarela, unha bengala ou incluso a tan perigosa bandeira galega.

España está sufrindo un retroceso, unha involución a velocidade progresivamente acelerada cara a un estado totalitario e, conseguintemente, policial. O aparello xurídico é tal que os gobernos poden facer todo o que queiran e, con idéntico valor legal, exactamente o contrario. Agás para a aprobación dos presupostos (que se merca con cartos detraídos dos mesmos), estamos a ver que é posible gobernar exactamente igual con maioría absoluta que en minoría, xa que, cando a oposición parlamentar presenta unha proposición de lei do tipo que sexa, malia se tratar do poder lexislativo, vai o executivo e impide a súa tramitación, acolléndose ao artigo 134.6 que fai referencia á necesaria conformidade do goberno, se a tal lei implica un aumento do crédito ou unha detracción dos ingresos. Artigo primeiro: o goberno sempre ten razón, artigo segundo: no caso improbable de que non a teña, aplíquese o artigo primeiro. Se temos maioría facemos o que queremos e se non a temos tamén, pero é máis pesado.

A cuestión catalá abriu unha fronte curiosa e preocupante entre lei e democracia. Desde o presidente ata os subsecretarios e aprendices fartáronse de repetir que “sen estado de dereito e lei non hai democracia”. A primeira parte non deixa de ser unha redundancia, debida ao interese en reforzar o dereito, que, como sabemos, é a armadura teórica do poder. Dicir que sen lei non hai democracia é unha verdade de Perogrullo, “que á man pechada chamaba puño”, xa que para que o pobo goberne ten que principiar por se poñer de acordo, cando menos para decidir maiorías e mínimos de votantes, e así... principian a nacer as leis. Nun estado de dereito é este quen limita o poder do estado, pero para saber que o dereito matou a xustiza non é preciso retrotraérmonos aos xuízos sumarísimos do franquismo, onde un tribunal aplicaba as leis do momento, o mesmo que acontece hoxe. José Mª Blanco White, espectador dos feitos que narra, cóntanos nas súas Cartas de España que, nas represalias dos franceses en Madrid polos sucesos de maio, prenderon a todo aquel que levase unha navalla “que os nosos artesáns e traballadores adoitan levar no peto”. A un cento deles fíxoselles un consello de guerra, no que un suposto tribunal de oficiais franceses, despois de asegurarse de que non había ningunha persoa importante entre os condenados, ordenou que os sacasen do Retiro e que os fusilasen no Prado. Asasinato? Non, aplicóuselles a xustiza militar a uns acusados de terrorismo. As situacións, como diría Mircea Elíade, repítense unha e outra vez.

Vénme ao fío do discurso aquilo que se contaba nos tempos nos que a garda civil facía as rondas de capote e tricorne. Á noitiña, unha parella detivo no camiño a tres cativos; mandoulle a un deles sacar o que levase no peto e este ensinou unha navalliña, algo que todos os rapaces, eu tamén, levabamos, aínda que fose para facer con Manuel María e Fuxan os Ventos “un aradiño de pau”. -Conque unha navalla, eh?, dille un garda, mentres lle larga un sopapo que o tumba. -A ver ti, saca o que tes no peto. O segundo neno, cheo de medo, ensina un cortaúnllas. -Ah, unha arma ofensiva! Outro sopapo e outro rapaz ao chan. Ordénalle o mesmo ao terceiro, e este saca o único que leva: unha peseta. -Daquela ti xuntando para mercar unha pistola! Rematou no chan coma os outros dous. Marcharon os gardas todos cheos da súa heroica acción e os picariños chorando para a casa e sen navalla, cortaúnllas nin peseta. Eran tempos de manter o terror instaurado, pero, segundo o manual, estabamos nun estado de dereito e conforme a el as forzas de seguridade actuaban, os xuíces xulgaban e, en ocasións, os verdugos executaban.

Resulta evidente que a lei tampouco está necesariamente vencellada á democracia, podendo ser dous mundos mesmo contrapostos. O ideal é ter un ordenamento xurídico emanado dunha democracia para autoorganizar a convivencia, mais en caso de conflito e colisión, a lei non sempre debe de ser o valor supremo, e a máxima “Fiat iustitia et pereat mundus” (“fágase xustiza e pereza o mundo”) é aberrante, pois “non se fixo o home para a lei, senón a lei para o home”.

Cando os colonos americanos decidiron independizarse de Inglaterra, a sociedade fracturouse “en nome do patriotismo” entre os que afirmaban que “a vontade dun pobo non precisaba remitirse a ningunha lei para actuar” e os que “sostiñan a necesidade de manterse unidos á metrópole como garantía do comercio”. “A independencia de América foi a substitución da lexitimidade da coroa británica polo dereito dos cidadáns. Un cambio que esixiu substituír a monarquía pola república”, de onde procede o preámbulo da constitución redactada en Filadelfia: “We the people...” (“Nós o pobo...”). Mais a independencia non se conseguiu polo dereito dos cidadáns, senón por unha vitoria militar (Cfr. Ruiz-Domènec: La trama el pasado. Diecisiete momentos que cambiaron la historia del mundo). Tamén Cataluña se presenta dividida e igualmente hai cidadáns que argumentan que a vontade dun pobo está por riba das leis que se lle aplican, mentres outros prefiren, por intereses crematísticos, que non rompa o cordón umbilical coa metrópole, e estes, capitalistas, déronse moita presa en trasladar as súas sedes sociais. O ridículo que M. Rajoy e S. Sáenz de Santamaría, dirixindo os tres poderes do estado e co imprescindible apoio e complicidade de PSOE e Cidadáns, están a facer desde o inicio do “procès” deixa moi curta a frase que Samuel Johnson, home de grande prestixio, disque o máis citado en Inglaterra despois de Shakespeare, diante do comportamento do pusilánime rei George III e do seu goberno -que ollaba para outro lado, mentres as colonias americanas declaraban a independencia-, chegou a dicir: “Endexamais se desacreditou un país con semellante cantidade de imbecilidade” (Ruiz-Domènec: op. cit). Benquerido Johnson: nunca as cousas están tan mal que non poidan empeorar, e ti, por razóns cronolóxicas, non chegaches a coñecer a Mariano nin soubeches que os do PP ocupan postos elevados porque son máis intelixentes que o resto, segundo dixo Fraga, sen un mínimo de rubor. Por certo, escoiteille a Verstrynge que foi el quen asociou a Fraga a verba patrón, farto de escoitar que nos mitins e asembleas de AP lle chamaban xefe e caudillo.

Se o devandito Samuel Johnson apelou repetidamente nos seus escritos ao “common sense”, o sentido común como prudencia política, M. Rajoy ten sempre esas dúas verbas na boca. Ter sentidiño, máxima aportación do presidente Fernández Albor á ciencia política, ou sentido común, como propugna Mariano, é innegable que está moi ben, mais non debemos quedar aí, hai que ir un paso máis alá e ao sentido común opoñerlle o sentido crítico, tan escaso na sociedade e cuxa carencia leva, entre outras desgrazas colectivas, a que todos teñamos que sufrir certos gobernos.



[11-05-2018 19:06] obdulia veiga roman comentou:

Artigo moi bo.

[09-05-2018 11:02] Abelardo Xosé del Caño Varela comentou:

Moi bó artígo, mais discrepo daquelo de que España involucionou....España non pasou de parvulitos nunca!!! Está detida no verán do 39 e de aí no a saca ninguén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal