03:24 Sabado, 10 de Decembro de 2022
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

11-06-2010

Toda transformación social sempre se levou a cabo cando as clases socias marxinadas, aquelas que viven nunha condicións de vida máis precarias tomaron o temón dos cambios

O traballo coa marxinación: A Revolución pendente

Valorar (17)

XOSÉ FERREIRO FERNÁNDEZ


"Il quarto stato" de Pellizza da Volpedo


Unha noticia aparecida nun xornal local fíxonos pensar: "a Igrexa Católica da de comer a máis de 200 persoas na cidade de Lugo cada día". Ao mesmo tempo, uns días antes aparecía neste mesmo xornal a noticia de que "cada semana perdían a súa vivenda 5 familias na provincia de Lugo".

A crise está a provocar unha total transformación da sociedade, pois esta capas socias marxinadas eran relativamente pouco numerosas durante as épocas de teórico auxe económico ou, cando menos, eran invisíbeis para o resto da sociedade. A situación mudou dun xeito drástico e nestes momentos están a converterse nunha porcentaxe moi importante da poboación.

Ao mesmo tempo, os que nos adicamos á actividade sindical estamos a comprobar día tras día o nivel de alienación existente. Danos a impresión que a realidade que se vive no mundo obreiro, os temas dos que falan as limpadoras, as traballadoras do téxtil ou a conserva, os albaneis ou mesmamente os labregos ou pescadores nada teñen que ver cos "profundos" debates cos que moitas veces pasamos horas e horas no mundo da esquerda e/ou do nacionalismo.

Este é un mundo paralelo e distinto, pero real. Está formado por xente sen ideoloxía aparente, permeábel aos mensaxes que chegan polos medios de comunicación e que normalmente non votan e, seo fan, son precisamente aqueles que o fan baixo consignas do sistema establecido, actuando ao ditado das campañas mediáticas. É un grupo social moi numeroso, por non dicir maioritario, e que normalmente está moi lonxe do noso traballo político e, dende logo, non participan dos nosos debates.

O sistema capitalista, como case sempre, soubo ler perfectamente a situación. Non lle molesta que unha pequena porcentaxe de persoas se adiquen a atacalo e combatelo, mentres que este traballo estea perfectamente pechado nese ámbito. O que lle interesa e ter controlada á masa, ter a esta maioría da poboación perfectamente manipulada para que lle serva para manter o poder e, por riba, que lle dea a aparencia de democracia. O obxectivo de que esta maioría social viva no "analfabetismo" político é unha estratexia irrenunciábel para este modelo de poder.

Traballo coa marxinación

Esta situación temos que saber lela desde o sindicalismo e a esquerda nacionalista. Nós non traballamos para conseguir o poder, pois este por si só non serve para nada; traballamos para transformar o noso país e para cambiar o modelo social no que nos fixeron vivir.

Parece evidente, seguindo o anterior razoamento, que esta transformación nunca será posíbel sen poder chegar a estas capas sociais marxinadas e "despolitizadas" e que son precisamente as que lle dan cobertura ao poder establecido.

Desde este punto de vista, o traballo social do sindicalismo ten que ser chave. No mundo en que nos movemos, parece evidente que as posibilidades de chegar a esta xente son moito maiores se se fai desde o mundo sindical que desde as organizacións políticas e, para iso, temos que abrir no noso seo un profundo debate sobre as estratexias a seguir.

Temos a teima de que non somos "ONGs" e de que a esmola non é solución para os problemas socias existentes. Tamén pensamos, e con toda razón, que teñen que ser os servizos sociais das propias administracións quen faga este traballo de cobertura social. Incluso estaríamos perfectamente dispostos, e apoiaríamos, unha subida de impostos encamiñada a tal fin.

Pero a realidade é moi teimuda. Hai milleiros de persoas con problemas concretos que necesitan solucións urxentes e para ás que non chega con dicirlles que isto é obriga da Administración. Con estas necesidades enriba da mesa, este traballo paliativo está a recaer en asociacións e/ou organizacións de corte reaccionario que se encargan moi ben de facer precisamente esa función de "bálsamo social" tan necesario para eles nestes días. O "adoutrinamento" encamiñado a controlar calquera movemento de insurrección destes colectivos, mantelos na alienación e na submisión e que sigan a estar calados e illados dos movementos reivindicativos e a meta a lograr.

O debate é claro. Realmente podemos permitir que este tipo de labor de emerxencia social estea en mans da Igrexa Católica? Podemos mirar para outro lado mentres que centos de traballadores e traballadoras perden a súa vivenda ou teñen auténticos problemas para cubrir as súas necesidades máis básicas?

Desde sempre, a mellor labor que desde o sindicalismo se puido facer polos parados e paradas foi traballar para que houbese emprego e para que este fose de calidade. A realidade é que neste momento histórico isto non chega e necesítanse poñer enriba da mesa medidas urxentes paliativas para solucionar as situacións extremas.

Tamén son evidentes os problemas existentes para organizar os colectivos de desempregados. Un grupo continuamente cambiante, desarticulado e moitas veces con conceptos previos moi complicados de derrubar sempre leva consigo dificultades engadidas para traballar con el. Aínda así, debe ser unha obriga das nosas organizacións intentalo.

Como case sempre nos debates deste tipo, a resposta non é clara nin única. Por unha banda é necesario seguir a loitar con máis forza que nunca a prol dunhas mellores condicións laborais, de maior emprego e dun cambio no modelo social e económico. A liberación do país e a emancipación da Clase Traballadora son metas irrenunciábeis e todos os nosos recursos deber ir encamiñados cara elo. Pero tamén parece cada vez máis evidente que temos que dar resposta aos problemas concretos que se presentan no día a día no seo da Clase Traballadora.

A forma de combinar as dúas liñas de actuación queda para posteriores debates que de seguro se van celebrar antes ou despois no seo das nosas organizacións.


[11-06-2010 10:47] clodo comentou:

Compañeiro Ferreiro, concordo ao 100% coa análise que fas, as veces os discursos das superestruturas semellan alonxarse da realidade que vive a xente nos postos de traballo e no día a día. Por poñer un exemplo as veces o noso discurso contra a temporalidade semella alonxado do xeito en como a mocidade ten asumido compaxinar contratos temporais e períodos de paro, ter un traballo e non gañar para vivir, que independizarse pase por compartir piso (no fundo un modelo de solidaridade social). Pero todo depende do traballo sindical que fagamos entre a xente moza para que sexan conscientes da repercusión que este modelo de contratación terá na súa vida futura e que é posible cambialo coa loita sindical.

O sindicato é un elemento reformista por definición, por iso o noso papel non pode reducirse a cuestións economicistas, na CIG apostamos por que o sindicato teña unha clara compoñente política co fin de ser un elemento de transformación social (non digo que ti defendas o contrario, coñezo o teu traballo). Isa é a auténtica receita.

Tamén está claro que noutros procesos de implantación neoliberal pura e dura, como o que vivimos hoxe, a resposta social non partiu dos traballadores e traballadoras en activo, a resposta naceu nos sectores marxinados e excluidos pola involución económica e social. Nun futuro non moi lonxano este sector da poboación debe ser un novo campo de traballo, tes toda a razón.

Noraboa polo artigo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña